28 septiembre 2011

«Cada discapacidade recibe un tratamento específico»


:logo-lvg: | Barbanza

A asociación Amicos de Ribeira loita pola integración na sociedade dos nenos e adolescentes con algún tipo de discapacidade. Iria Lago é unha das mestras do centro que traballa con nenos de diversas idades e con enfermidades mentais moi variadas. Estudou Maxisterio e Psicopedagoxía, e realizou un postgrado de educación especial. A pesar de que ten a formación requirida para desenvolver o seu traballo con solvencia, asegura que «nesta profesión é preciso estarse formando continuamente porque todo, sempre é pouco»

-¿Cal é o perfil do alumnado?
-Son rapaces de entre 6 e 21 anos con algún tipo de discapacidade intelectual, xa sexa autismo, enfermidades dexenerativas ou deficiencias mentais en xeral. Somos un centro de educación especial que tamén traballamos con outros colexios ordinarios co obxectivo de facilitar o aprendizaxe aos máis pequenos.

-¿Hay nenos que asistan ao seu centro e a un de educación ordinaria ao mesmo tempo?
-Claro, algúns nenos teñen unha discapacidade mínima que necesitan dunha atención individualizada puntual, pero que tamén precisan de certo nivel de socialización con outros nenos sen ningún tipo de deficiencia. Trátase dunha escolarización combinada, veñen dúas ou tres veces por semana para reforzar aquelas materias nas que teñen maiores dificultades e o resto dos días asisten a clases ordinarias. Segundo a súa evolución incrementan o u diminúen a súa asistencia.

-¿Que tipo de servizos ofrecen?
-Somos un centro concertado que ofrece un tratamento especializado a cada área de discapacidade en función dos problemas que presentan os diferentes alumnos. Temos mestres, fisioterapeutas, logopedas e psicólogos a disposición dos rapaces. Un equipo interdisciplinar que combinamos entre nos baixo as ordes da dirección.

-¿Cal é o seu método de traballo?
-Temos unhas libretas de comunicación nas que tanto nós, coma os pais e os profesores do centro ordinario anotamos todas aquelas incidencias que poidan desencadear cambios de comportamento nos nenos. Se se levantan mal ou calquera cousiña que provoque que estean máis nerviosos. Cos nenos que teñen unha asistencia escolarizada traballamos cos mesmos métodos de aprendizaxe para facilitarlle a situación.

-¿Os pais participan activamente na educación dos seus fillos?
-Os pais teñen un nivel de participación óptimo coas libretas de comunicación. Cada vez máis, participan na formación dos seus fillos. Xa non é como antes que, porque tiveran unha discapacidade, xa os tiñan na casa.

-¿Que lle ofrecen aos rapaces máis maiores e que só asisten ao centro especializado?
-Hai uns talleres nos que aprenden horticultura, serigrafía ou envasado. Os que máis lle gustan son o de serigrafía porque andan cos ordenadores ou o de envasado e manipulación de alimentos porque veñen profesionais de fóra para explicarlle. Ademais asisten a actividades de reforzo educativo sobre todo no campo da compresión que é o que máis lle soe custar.

-¿Que pasa con eles unha vez que finalizan a súa etapa neste centro?
-Vai en función das súas características. Se teñen unhas enfermidades mentais leves téntase a inserción laboral, outros asisten a centros ocupacionais onde fan talleres prelaborais e actividades de psicomotricidade. E tamén están os centros de día para persoas que teñen unha discapacidade pero que non van a mellorar, onde reciben un nivel de apoio que é máis continuo.

-¿Que supón para ti traballar con este tipo de nenos?
-Gústame este campo de traballo con nenos con algún tipo de problema. Resúltame moi gratificante traballar con eles. Ves outra imaxe da educación distinta e máis individualizada á que estamos acostumados. Nós precisamos estar formándonos continuamente.

0 comentarios: