O que está a acontecer no Concello de Porto do Son non ten xa nin nome. O 4 de agosto convocáronse unhas prazas para cubrir uns postos nas brigadas contra incendios (xa case aláirá o verán cando os operativos comecen a traballar). Un dos requisitos esixidos para poder presentarse ao concurso era: ter a ESO.
Ben, no mes de xullo pasado, o alumnado da ESO de adultas/os no noso concello tivo saír á rúa e recoller sinaturas para que un servizo que leva case 40 graduadas/dos desde que se iniciou, en 2012 non desaparecese.
Os grupos da oposición sumámonos ás reivindicacións da veciñanza, que abalou con máis de 600 sinaturas, recollidas en menos de 48 horas; a continuidade do servizo en 2014 e en anos sucesivos e nas mesmas condicións, polo ben que supón para a cidadanía poder contar con esta oportunidade de formación. O equipo de goberno non tivo máis remedio que aprobar a continuidade das clases, pola mobilización cidadá e polo apoio unánime da oposición, no pleno do 10 de xullo.
A nosa sorpresa foi descubrir que, como nos informa a docente Begoña Lesende, a pesar de ser aprobada a continuidade das clases, seguen sen cobrar desde xaneiro. Ademais, desde o concello están a derivar á xente que se quere apuntar para as clases, a Noia, negando a oportunidade de recibir formación no noso Concello. A nosa cuestión é: se negan este servizo, desde o noso punto de vista, básico para a cidadanía, cómo é posible que esixan ter a ESO para poder ser parte da brigada contra incendios ou calquera outro posto de traballo?
Outra cuestión, que nos transmite a docente é que parte do seu alumnado que xa acadou o graduado presentouse para dita convocatoria, pero foron excluídos por non contar co título da ESO ou a copia da súa solicitude. Como sabemos a ESO é unha formación obrigatoria do sistema educativo e, como tal, é gratuíta. Isto implica que non se poida solicitar o título por parte do alumnado, é competencia do IES onde superan estas ensinanzas solicitar dito título.
O que as docentes recollen ao graduarse é un certificado, válido en todo o territorio, no que se recollen as notas obtidas e a acreditación de que se propón para o título a dito alumno ou alumna. Ese é o documento que serve ata que chegue o título, que tarda uns dous anos.
Este parece ser un síntoma máis da ineptitude e prepotencia coa que actúan desde o equipo de goberno, ao esixir que o alumnado faga unha solicitude que non lles compete. Están a esixir unha imposibilidade a quen se esforzou moito para lograr ter uns estudos que agora non lles valoran. Se por fin son incluídas/os no proceso, moito nos tememos que non gañen o traballo, pois, visto o visto, nomearán un tribunal que sexa tan competente como quen elimina ás persoas do proceso selectivo.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e o Grupo Municipal de Non Adscritos consideramos que a Administración está para servir ao pobo, non para impedir o acceso a oportunidades. E, en consecuencia, damos voz á indignación da nosa veciñanza, cansada de que os fagan de menos.
Porto do Son, 16 de agosto de 2014
Ánxela Franco Pouso: Portavoz do Grupo Municipal do BNG
Asunción Torres Parada: Portavoz do Grupo Municipal de Non Adscritos