Bo día, no arquivo que se xunta achégase nota de prensa do BNG.
Porto do Son, 18 de decembro de 2013
A ditadura do PP: nin falar deixan.
No último pleno ordinario do mes de novembro, o Grupo Municipal do BNG sufriu unha desconsideración máis por parte do PP: trouxeron cociñados os pagamentos urxentes para antes de final do ano, sen consultarnos nada e, loxicamente, sen nós estar de acordo con tal chapuza.
A improvisación chegou ao punto de que o Sr. Quiñoi avisou, poucos minutos antes, de que non podería asistir ao pleno, polo que, non tiñan os votos suficientes para a súa aprobación. En consecuencia, o PP pediulle ao resto da corporación que votara o que non quería votar.
Nese momento consideramos que era prioritario que os provedores cobrasen polo seu traballo, aínda que o procedemento urxente e improvisado nos seguía parecendo unha completa chapuza.
Nesa mesma sesión plenaria o PP comunicounos a súa intención de que nese mesmo intre, e en adiante, as mocións que nós presentemos non serán incluídas na orde do día dos plenos.
Todo este despropósito súmase ao feito de que o PP converteu os plenos municipais nunha cerimonia clandestina á que a xente non pode practicamente asistir. E agora, ademais, decatámonos pola prensa das datas dos plenos antes de recibirmos as convocatorias.
Consideramos que se nos está faltando ao BNG e, o que é máis importante, á xente que nos votou para que os representemos neste Salón de Plenos. A actitude prepotente e ofensiva deste goberno parécenos insultante, ademais do desprezo que se lles está a facer, ultimamente, aos veciños cando non están de acordo coas obras, como pasa coa da estrada Laranga-Olveira onde as demandas dos veciños non son escoitadas, ou en proxectos como o da variante de Portosín, pola escasa transparencia tanto na exposición pública como na información que se lles dá; polo que acordamos que debemos protestar de forma clara, e dar un toque de atención aos veciños deste concello diante das formas antidemocráticas que está a usar o PP. Chegado a este punto o Sr. Alcalde decide que non quere seguir oíndo as verdades que estamos a expoñer e retíranos a palabra para que a pouca xente que está asistindo á sesión non coñeza a realidade.
Aquí damos a coñecer o que non nos deixou dicir o Alcalde:
Polo que, vendo os dous puntos que figuran na orde do día e que, novamente, xa veñen cociñados por vostedes e nos que a nosa postura non lles parece importar, e nos que no primeiro punto, novamente, volven mentir en documento público dicindo que o concello é titular dos terreos onde se pretende facer a obra e volven gastar o diñeiro que tanto precisa o noso concello e póñeno a disposición de outras administracións como son Costas e Portos que non son capaces de executar obras prometidas dende hai moitos anos (véxase: paseo até o instituto, campo de fútbol de Xuño, amarres para a sétima lista e cámaras de vixilancia no peirao de Portosín), e ademais, no segundo punto, van aprobar a concesión do Centro de Día dunha forma que podería non ser legal, por todo isto decidimos abandonar o Salón de Plenos e agardamos, polo ben deste concello, que o ano novo lles faga recapacitar e mudar a súa actitude.
Bloque Nacionalista Galego Avenida de Galiza, 9 - 1º - 15970 Porto do Son
Teléfono/Fax: 981767100
portodoson@bng-galiza.org
www.bng-galiza.org/portodoson