Hoxe conmemorase o desastre do Prestige, e toda esquerda, nacionalistas incluídos, falan e falan, pero adía de hoxe, nin dende o Estado, nin dende a Xunta de Galicia, a mesma que aquí gobernaron conxuntamente PSOE e BNG, fixeron nada para poder evitar outro desastre coma ese.
O PP, tanto a nivel do goberno central, como da Xunta, fallaron estrepitosamente, pero non debemos esquecer que con un goberno socialista en Madrid, e aquí co bipartito, tamén se dedicaron a pasear un mercante, creo que levaba unha carga tóxica, menos mal que non era un petroleiro, nin pasou polos temporais que colleu o Prestige.
Di Beiras neste enlace, que os de sécano non son quen de distinguir un pescador dun mariñeiro, pero permítanme que dubide que el, e os políticos de aquí e por suposto os de acolá, saiban destinxir o que é o mar en calma chicha ou a mar arborada, que había cando o Prestige pasaba polas nosas costas. A saber as veces que pasou.
Despois veu o intento do BNG en maior medida, e do PSOE, de sacarlle un rendemento electoral, que o PP contrarrestou con indemnizacións sen xeito, cobrándoas presuntamente xente que nin era mariñeiro ou mariscador, pero que, como tiñan unha gamela, foron que de preparalos papeis aínda estando a traballar a miles de quilómetros de Galicia.
Tamén fomos quen de de ver como ese mesmos políticos cando xurdiu espontaneamente a marea humana, os voluntarios, trataron de sumarse e facerse ver para a foto. Uns voluntarios que nalgúns pobos incluso eran mal visto, porque para os mariñeiros sen escrúpulos, canto máis durase a crise, máis tempo podía botar a cobrar e sen pegar pancada, porque esa foi outra, moitos non baixaron ás praias a botar unha man.
E que dicir dun pobo que ao ano seguinte de ter cinco días de festa, pasaron a ter seis, ou como algúns xa estaban pedindo outro Prestige.
Dez anos despois da catástrofe, ¿sabería alguén sinalar que medidas se tomaron para evitar outra catástrofe? ¿Cantas barreiras antipolución temos nos nosos portos? ¿Cantos remolcadores se prometeron construir e cantos se fixeron? Etc.
Non debemos esquecer que seguen navegado petroleiros monocasco, pero até o buque máis moderno pode sufrir una avaría mecánica. Nunha mar rizada non lle pasará nada, pero a 200 millas da costa con esa mar arborada que citei antes, cando cheguen alí os remolcadores, igual xa é tarde.
https://www.facebook.com/photo.php?fbid=195619697229703&set=a.184686968322976.20990.184682188323454&type=1&theater
"A cidadanía galega, e mesmo a de todo o Estado, descubría de súpeto que o Goberno español e a Xunta de Galicia carecían dun plan de medidas preventivas, de controis sobre o tránsito de buques perigosos polo corredor de Fisterra, dun plan de acción inmediata defensiva frente ao sinistro do Prestige, de buques e medios loxísticos para combater a marea negra do "chapapote", dun plan de protección civil merecente de tal nome, e mesmo de protección ningunha de ningunha caste frente á adversidade"...
"Nin sequera saben quén somos e o que somos. Chámannos pescadores. Pescadores son os que pescan con cana nas rochas. Nós somos mariñeiros. É que España non ten costas?" - dicía un neno da Costa da Morte en Tele5 -.
"Un goberno que non saben quén son e o qué son os cidadáns que ten que defender, que non coñece a súa identidade e a súa condición, é un goberno alleo e alienado dos cidadáns, é un goberno de alieníxenas.
Os cidadáns galegos descubriron todo iso, e percibiron subitamente o sentido exacto, o rigor semántico, o significado preciso da definición de Galiza como nación sen Estado: nin o tiña propio, e até a Xunta demitía do seu poder autónomo, nin funcionaba como Estado dos cidadáns galegos o que pretendía e dicía ser o seu.
Os cidadáns comprobaran que durante trinta anos, dende a catástrofe do Polycomander no 1970, até esta de agora do Prestige, sucedéranse no Estado gobernos franquistas, centristas, socialistas e pepeístas, e que todos eles mantiveran indefensas as costas galegas, o seu ecosistema e a economía das xentes mariñeiras"...
"Só ficaron loitando os cidadáns que son galegos sen máis, sen teren que ser coma outro, senón seren simplemente, valentemente, cidadáns galegos. Por iso bradaban en Compostela pedindo a súa demisión [a de Fraga], e mais a dos gobernos en plural, ou sexa o español e o galego"...
"É a cidadanía galega a protagonista, son os galegos e galegas de nación os que, sen pretendelo, asumiron o protagonismo da acción dramática, ao asumiren por si mesmos as responsabilidades das que as institucións políticas, centrais e autonómicas, fixeron deixación e abandono.
Fallou o Estado e emerxeu a nación". BEIRAS, XOSÉ MANUEL (2003): A catástrofe do Prestige. Laiovento.
Voluntario
13/11/2012
13:01:08