08 mayo 2010

Non é que se diga que O Son queda illado, é que esa é a verdade

:lvg: | 08/05/2010
Como bo sonense, Luis Oujo tarda pouco en sacar a relucir un asunto que preocupa a moitos veciños e que a cotío está na boca dos políticos locais: a necesidade de poñer o municipio no mapa das novas comunicacións viarias da bisbarra.

-Fale das infraestruturas viarias no municipio...
-Temos unha necesidade enorme de que se melloren. É que non é que se diga por aí que O Son queda illado, é que esa é a verdade. No futuro, Noia terá unha autovía e unha variante e Barbanza conta tamén cunha vía de alta capacidade. En cambio, nós non temos acceso directo nin a unha nin á outra.

-Ese é un problema, sobre todo na época estival...
-Imos ter retencións e retencións, o que agora pasa en Noia trasladarase aquí. Non é de recibo esta situación.

Hai que lograr que quen visita Baroña quede máis tempo aquí
A potenciación do turismo é unha das cousas que persegue a patronal sonense. Sinala que están inmersos en distintos proxectos para mellorar a oferta aos visitantes.

-¿Cales son os obxectivos no eido turístico?
-Temos que lograr que quen visita Baroña quede máis tempo aquí, que prolonguen a súa estadía, porque está claro que aquí temos moitos recursos, tanto costeiros como paisaxes interiores, que merecen a pena ser coñecidos.

-Explique algunhas das ideas que teñen...
-Queremos loitar para que se recuperen as bandeiras azuis, que son moi importantes. Ofrecer rotas de sendeirismo e outros atractivos para o turismo. Temos un potencial enorme, que moitas veces os visitantes non chegan a coñecer.

0 comentarios: