30 mayo 2010

Conversas.... con Luís González Taboada

:lvg: | 30/05/2010
«A miña loita diaria é coa lista de espera».

O próximo mes de xuño cúmprese un ano da toma de posesión de Luis González Taboada como director xerente do Hospital Comarcal de Barbanza. É natural de Lalín, o pequeno de dous irmáns, e o primeiro da familia que decidiu estudar a carreira de Medicina. Fíxoo na Universidade de Santiago. Está casado e ten tres fillas, que seguen o seu camiño.

Luis González coñecía a comarca barbancesa como visitante, pero, agora mesmo, está inmerso na xestión da saúde de 65.644 habitantes que abarcan os concellos de Boiro, A Pobra, Ribeira e Porto do Son, os que abrangue o ámbito de atención do centro asistencial radicado en Oleiros.

Ten xa unha longa experiencia no exercicio da súa profesión e na dirección de equipos. Empezou ocupando a xefatura de Urxencias no hospital comarcal de Burela para logo recalar no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, no que estivo ata o ano 2005. De aquí vai de xefe operativo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, no que entrou como médico do servizo de Urxencias, aínda que non traballou como tal porque tiña asignadas outras funcións directivas de libre designación.

-Din que a medicina é vocacional, ¿é o seu caso?
-Cando me preguntaban de pequeno qué quería ser sempre contestei o mesmo, médico, a pesares de non existir ningún antecedente na miña familia. A posibilidade de axudar aos demais sempre estivo presente na miña vida e ata agora non mudei de opinión. Fíxenme médico xeneralista para despois introducirme na rama de urxencias. Rematada a carreira xa me preparei cun máster nesta especialidade, de feito exerzo esta función en Burela para despois pasar a director médico. Logo completei esta actividade cun máster de alta dirección hospitalaria.

-¿Tiña información sobre o Hospital do Barbanza antes da súa toma de posesión?
-Coñecíao bastante pouco. Decontado me puxen ao día.

-¿Como é a súa chegada ao centro sanitario barbancés?
-Cáusame unha enorme impresión, xa o primeiro día, na toma de posesión, a idade do persoal: Todos eran moi novos. Os que andamos no sector da saúde sabemos que isto é o que mellor co que nos podemos atopar para traballar, propoñer e incentivar. É unha sorte porque sabes que as propostas que fagas van ter oídos para escoitalas. Os recursos humanos son fundamentais para a xestión dunha empresa, e neste hospital son un activo poderoso. Daquela, tamén me decatei de que eu era o máis vello.

-¿Como é o seu equipo directivo?
-Somos catro. Está formado por un director médico, outro de xestión, un de servizos xerais e unha de enfermería. Reunímonos todos os días ás oito media da mañá para estudar como vai ser o día, e resolver algo que quedase pendente do día anterior, así como para proxectar ideas e formas necesarias para unha dirección eficaz.

-Dígame, por favor, ¿que pode significar este hospital para unha zona como a nosa? -Era totalmente necesario para un lugar como Ribeira e a súa área de influencia. Pretendíase que aquí puidesen atenderse as patoloxías máis primarias. Non vou aspirar como director a que, por exemplo, Neurocirurxía se faga aquí, serían aires de grandeza, pero si poden atenderse as patoloxías máis comúns. Por outra banda, non esquezamos que un hospital é unha empresa que axuda a potenciar a zona coa creación de postos de traballo específicos que contan coa misión de fabricar saúde, nin que moitos dos traballadores que están no centro tiveron o seu primeiro emprego aquí.

-¿Cales son as patoloxías máis comúns que se tratan no centro barbancés?
-O máis común das oitenta camas se refire á medicina interna, o demais é cirurxía, obstetricia, pediatría, etcétera. Dentro da medicina interna está a patoloxía respiratoria, que, sen lugar a dúbidas, onde máis incide é na xente maior.

-¿Que lle gustaría que dixesen de vostede os seus administrados cando acade outro destino fóra de Ribeira?
-Que tiveron que agardar pouco para ser atendidos. A miña loita diaria é coa lista de espera. Pelexamos contra ela para baixala. O meu desexo é que á xente se lle atenda rápido e ben.

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Creo que todos los altos cargos deberían de tomar ejemplo de un gerente como el.

Parabéns Doctor Taboada