06 febrero 2012

Barbantia presentou un conmovedor relato sobre as guerrilleiras


:logo-lvg: | Barbanza

A casa de cultura de Xuño foi o escenario dun acto con dúas vertentes: por un lado a literaria e por outro a audiovisual

A asociación cultural Barbantia vén de iniciar unha nova andaina con Xoán Pastor Rodríguez como coordinador que se materializou na tarde do sábado coa presentación do libro de Aurora Marco Mulleres na guerrilla antifranquista galega. A casa de cultura de Xuño foi o escenario dun acto con dúas vertentes: por un lado a literaria e por outro a audiovisual, xa que se proxectou un conmovedor documental de Pablo Ces, Silenciadas, baseado no texto de Aurora Marco.

Máis de medio cento de persoas ateigaron as butacas da casa de cultura de Xuño para ledicia de Pastor Rodríguez, que se mostrou encantado pola boa acollida do primeiro acto que organiza como coordinador de Barbantia. El foi o encargado de cederlle a palabra a Xesús Laíño, presidente do colectivo cultural, quen presentou á autora do libro, Aurora Marco, que ten publicadas xa diversas obras destacando o papel da muller en distintos eidos, como a escrita e a educación.

Foi precisamente Marco a encargada de falar sobre Mulleres na guerrilla antifranquista galega, un ensaio que recolle en 26 capítulos a traxectoria de numerosas guerrilleiras e a súa actividade contra o réxime. Recuperar os seus nomes, a súa voz, e reivindicar a súa existencia e o papel que xogaron na resistencia antifranquista son as motivacións que deron pé a un libro que ten tras de si catro anos de traballo.

Acto seguido, Pablo Ces presentou o seu documental, Silenciadas, que non deixou indiferente a ningún dos asistentes.

Entrevistas

Pastor Rodríguez cualificou de duro este traballo audiovisual, baseado no libro de Aurora Marco, polos testemuños achegados por algunhas das mulleres que formaron parte da guerrilla antifranquista galega.

O documental inclúe entrevistas con parte desas guerrilleiras, que foron exiliadas, nas que contan os episodios vividos nos anos corenta e principios dos cincuenta, uns relatos que incluso chegaron a emocionar a moitas das persoas que desafiaron o frío para achegarse á casa de cultura de Xuño.

0 comentarios: