Mostrando entradas con la etiqueta Barbantia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Barbantia. Mostrar todas las entradas

29 noviembre 2016

Anuarios de Estudos do Barbanza 2016

3 de decembro ás 12.30h. na Casa da Cultura de Porto do Son: PRESENTACIÓN DE ESTUDOS DO BARBANZA 2016. Ao remate da presentación do volume entregaranse os PREMIOS BARBANTIA DA CULTURA 2016.

13 diciembre 2014

Barbantia premia a Soledad Penalta, a Xulio Gutiérrez e ao Ateneo Valle-Inclán

:logo-lvg: | Barbanza

Os socios de Barbantia xa emitiron o seu veredicto e elixiron aos tres persoeiros galardoados este ano cos seus Premios da Cultura. Despois dunha disputada votación, Soledad Penalta, Xulio Gutiérrez e o Ateneo Valle-Inclán son os acredores dos Sereos realizados en cerámica de Sargadelos que se entregarán nun acto que se celebrará hoxe.

Xulio Gutiérrez, biólogo, profesor e integrante do grupo Menestreis, recibirá o premio á traxectoria cultural, unha categoría na que se impuxo ao historiador Daniel Bravo e a Maxi Olariaga. Pola súa parte, o galardón á iniciativa cultural recaeu este ano no Ateneo Valle-Inclán, espazo do que parten un bo número das iniciativas culturais nacidas en Ribeira. Por último, a escultora noiesa Soledad Penalta recibirá o Sereo na categoría de cultura galega.

Un total de 55 socios de Barbantia participaron na elección dos premiados nesta edición. Os outros dous finalistas de cada unha das categorías terán unha nova oportunidade no 2015.

Novos finalistas

Ademais de emitir os seus votos, os socios realizaron propostas sobre posibles candidatos a obter un Sereo na vindeira edición dos Premios Barbantia da Cultura. Desas suxestións seleccionáronse tres, unha por cada categoría, que competirán cos finalistas que non foron galardoados este ano: Maralla, na modalidade á traxectoria cultural; o colectivo Leñaverde, no premio á iniciativa cultural; e Manuel Romero.

25 octubre 2014

Arousa Norte e Barbantia reúnen aos referentes culturais

:logo-lvg: | Barbanza

Editaron unha guía elaborada por Xoán Pastor Rodríguez, na que aparecen máis de catrocentos persoeiros de Barbanza

Máis de catrocentas persoas que deixaron pegada ou a están deixando actualmente no eido cultural de Barbanza forman parte dun libro que, da man de Barbantia e de Arousa Norte, verá a luz en cuestión de días. Xoán Pastor Rodríguez Santamaría é o autor desta Guía de persoeiros da cultura, que será presentada no auditorio de Rianxo o vindeiro venres, coincidindo coa saída á rúa dun novo número de La Voz de Barbantia.

O volume, tal e como explicou onte o seu autor, recompila a persoas destacadas de todos os eidos da cultura, desde a literatura ata a música, pasando polas diferentes ramas artísticas. Abarca, ademais, un amplo período de tempo, que vai desde a Idade Media ata a actualidade. O obxectivo non é outro que darlle difusión a estes nomes propios: «En Barbanza hai unha serie de persoas relevantes que son de sobra coñecidas, como poden ser Castelao ou Manuel Antonio, pero hai moitas outras que non o son tanto e queremos sacalas á luz», manifestou Pastor Rodríguez.

Principais destinatarios

Aínda que todos aqueles que o vindeiro venres, ás 20.30 horas, se acheguen ao auditorio rianxeiro poderán facerse cun exemplar desta guía, os principais destinatarios son os mozos. Por iso, o volume distribuirase polos institutos dos catro municipios que integran Arousa Norte.

A presidenta da mancomunidade, Irene Maneiro, falou dos pasos que se están a dar para conectar literatura e turismo e da intención que ten a entidade de seguir afondando neste camiño.

A presentación deste libro encádrase nun intenso programa de actividades que desde agora e ata finais de ano se desenvolverá na vila de Castelao, do que forman parte máis de vinte propostas.

A maiores, no acto de onte, no que tamén estivo presente o alcalde, Adolfo Muíños, falouse do club de inglés que hai en marcha na vila, unha iniciativa que está aberta a todos aqueles que desexen sumarse para practicar o idioma.

02 febrero 2014

Barbantia encara ou seu décimo aniversario con Rosalía e Bayón non seu punto de mira

:logo-lvg: | Barbanza

O ano que acaba de empezar é moi especial para a Asociación Cultural Barbantia porque cumpre o seu décimo aniversario de actividade, e iso a pesares das dificultades financeiras polo recorte de subvencións. Por este motivo, a programación que se deu a coñecer aos socios na asemblea ordinaria celebrada o venres en Rianxo vai ser intensa, pero dous nomes sobresaen sobre o resto: Rosalía de Castro, polos 150 anos da publicación de Cantares gallegos; e Carlos García Bayón, que o 1 de outubro cúmprense os cen anos do seu nacemento. Neste sentido, o colectivo fixou o 27 de febreiro para unha homenaxe á poetisa de Padrón, mentres que no que respecta a Bayón vaise desenvolver un encontro en colaboración co colexio de Ribeira que leva o seu nome, e La Voz de Galicia, medio para o que colaborou ata o seu falecemento, o 20 de xullo do 2003.

Outras novidades para este exercicio que se deron a coñecer na xuntanza son a publicación da obra colectiva Muller-Arte Nós-Outras, na que participan creadoras de todos os eidos, que irá aparellada a un encontro de mulleres e unha exposición fotográfica da fotoxornalista de La Voz Carmela Queijeiro, en colaboración coa Fundación Museo do Gravado de Artes.

Romaría dás Letras

Barbantia tamén decidiu volver celebrar na finca de Goiáns (Boiro) a Romaría das Letras no Barbanza, que chegará á cuarta edición. Neste sentido, algún socio puxo de manifesto a necesidade de que as Administracións se interesen pola torre e as construcións estremeiras, porque están deteriorándose e corren o risco de sufrir derrubas.

Outra iniciativa que se desenvolveu o ano pasado e que saíu ben, o que anima a repetila, é BarbantiaRte, exposición colectiva de pintura e escultura que se montou no Museo do Gravado de Artes e que se vai celebrar a terceira edición, despois das dúas que tiveron lugar no 2013.

Tampouco van faltar á súa cita os premios Barbantia da Cultura, cuxa imaxe son os sereos e que se entregan no mes de decembro, como xa é habitual; nin tampouco o Anuario de Estudos do Barbanza, que tamén cumprirá dez anos e para o que pediron colaboracións na mesma asemblea.

17 diciembre 2013

Barbantia volveu a engrandecer a cultura

:logo-lvg: | Barbanza

Ten afeitos aos veciños da bisbarra a convocar unha cita cada último venres de mes, pero Barbantia fixo un cambio con motivo das festas de Nadal. Adiantou a súa chamada cultural e fíxoa coincidir coa entrega dos Sereos, que foron a parar ás mans do historiador Manuel Mariño del Río, da escritora Aurora Marco e da presidenta de Ambar, Milagros Rey. Eles foron os protagonistas da foto de familia da xornada, na que tamén estaban, por parte da entidade cultural, Xesús Laíño, María Xesús Blanco e Manuel Cartea; e, por parte do Concello anfitrión, Outes, o seu alcalde, Carlos López Crespo. Ata esta localidade tamén se desprazaron os rexedores de A Pobra, Isaac Maceiras; Rianxo, Adolfo Muíños; e Lousame, Teresa Villaverde.

Dous rianxeiros cobraron un protagonismo especial na gala. A actriz e directora de Airiños, Esther Carrodeguas, foi a encargada de presentar o acto; mentres que o artista Che Tembra sorprendeu a gran familia de Barbantia facéndolle entrega dun agasallo: un Sereo feito con refugallos de metal.

Como ven sendo habitual, a cita convocada por Barbantia congregou a un número importante de veciños vinculados ao mundo da cultura. Déronse cita en Outes, entre outros, os historiadores Xesús Santos, Maxi Olariaga e Xerardo Agrafoxo; o escritor Antón Riveiro Coello e o artista Alfonso Costa. Foi un día grande, no que a cultura volveu a escribirse con letras maiúsculas.

20 octubre 2013

«A loita cultural seguirá coa imprenta ou recorrendo á Rede»

:logo-lvg: | Barbanza

Defensor do papel, ve con incerteza o futuro debido aos recortes

A piques de cumprir tres anos á fronte de Barbantia e cando o colectivo ven de iniciar un novo curso cultural, o noveno, Xesús Laíño mira ao futuro con incerteza. O presidente da asociación que marcou un antes e un despois na comarca culturalmente falando asegura que nunca tantos problemas económicos tivo a entidade para sacar adiante os seus modestos proxectos como na actualidade. Por iso, comprácese de ter logrado seguir a liña que marcou o seu antecesor no cargo, Antón Riveiro Coello.

-Difícil curso cultural este noveno...

-Os recortes en subvencións para a cultura e as dificultades dos concellos para colaborar con nós son cada vez maiores, pero nós seguiremos facendo o que poidamos cos medios que hai. Iso si, non son tempos doados.

-Pero, ¿obrigaron estes recortes a suprimir ou pospoñer algunha iniciativa?

-Existen máis dificultades para sacar adiante iniciativas como a publicación do anuario. Este ano vai saír pero, se a situación non mellora, para o que ven vai haber serias dificultades para sacalo á luz. O día a día podemos asumilo pero, para proxectos grandes hai que actuar con moderación. Temos pendente o libro das creadoras do Barbanza, que tentaremos rematar canto antes para, de momento, deixar de lado as iniciativas de envergadura.

-¿Ve un risco real na continuidade da asociación ou do seu programa de actividades?

-A día de hoxe estamos pendentes de cobrar axudas porque, as poucas que conceden, poñen moitísimos requisitos para a súa xustificación. Parecía que había brotes verdes, pero debían ser colorados. A loita cultural seguirá coa imprenta ou recorrendo á Rede.

-¿Ve en Internet a fórmula para garantir o futuro de Barbantia?

-A día de hoxe xa temos os anuarios e toda a información colgada na Rede, pero o certo é que nos gustaría seguir editando en papel.

-¿Periga, en xeral, o futuro das publicacións en papel?

-Iso non o teño claro. Eu son pouco apocalíptico. Teoricamente, o libro xa estaba finiquitado hai anos e segue aí. Ademais, a recesión non vai durar sempre. Penso que as publicacións en papel non van desaparecer nunca, pois aínda que, economicamente, sexa máis asequible publicar na Rede, Internet tamén ten os seus inconvintes.

-Con este panorama que debuxa, semella difícil introducir novidades na programación habitual de Barbantia...

-Si, o certo é que, de momento, temos previsto seguir coas presentacións mensuais. Neste mes de outubro será Antón Riveiro Coello o que fale dos seus Acordes náufragos e xa, entre finais de novembro e comezos de decembro entregaremos os Sereos e lanzaremos tamén o anuario.

-¿Hai xa máis autores que adquiriran o compromiso de facer unha parada en Barbanza?

-Estamos mantendo conversas porque vai saír unha novidade de Anxo Rei Ballesteros e pretendemos homenaxealo con motivo do aniversario da súa morte. Tamén estamos pensando no premio Xerais, pero non hai nada seguro. Nós estamos abertos a todo o mundo. Sabemos que os autores coñecidos chaman máis, pero buscamos un equilibrio entre os escritores de Barbanza e os de fóra.

-¿Vai haber algunha proposta de Barbantia no eido editorial?

-Bastante temos con sacar á luz o anuario pois os fondos non dan para máis. Espallar a cultura si, pero non temos previsto iniciativas de edición propia. No pasado fixemos algo neste eido, pero a día de hoxe non temos orzamento.

Tres premios sereos buscan dono

:logo-lvg: | Barbanza

Xulio Gutiérrez, Mar de Noia e Quico Cadaval son as novidades

O último trimestre do ano, como xa ven sendo costume, é o máis intenso para a Asociación Cultural Barbantia. Neste período, fállanse os Premios Barbantia da Cultura, simbolizados na figura do Sereo feito en cerámica de Sargadelos. Os socios están a recibir (ou recibiron estes días) a circular cos finalistas, que son os dous de cada modalidade que non obtiveron o agasallo o ano pasado, máis outros tres novo.

Desta volta, as incorporacións son Xulio Gutiérrez Roger, profesor de Bioloxía e un dos responsables da colección Animales extraordinarios, da editorial Kalandraka, da que, hai uns meses, presentou a última entrega, con textos da súa autoría, titulada Ocultos, sobre as peripecias dos animais para confundirse no medio, para cazar ou para evitar ser cazados. Figura na sección Traxectoria Cultural no Barbanza, onde ten como rivais ao mestre e historiador sonense Manuel Mariño del Río; e ao tamén docente e historiador ribeirense Daniel Bravo Cores.

No premio á iniciativa cultural no Barbanza, a novidade é a Asociación Mar de Noia, entidade que está a facer un gran labor etnográfico, froito do cal reflotouse o histórico balandro Joaquín Vieta e montouse o museo Mar de Noia, onde se poden ver interesantes pezas e antigos motores mariños. Este colectivo vai ter como competidores o Ateneo Valle-Inclán de Ribeira e a asociación de discapacitados Ambar, que tamén optaron ao sereo no 2012.

No que se refire ao premio da Cultura Galega 2013, este ano entra na terna o ribeirense Quico Cadaval, unha eminencia no colectivo dos contacontos galegos. Actor, director e guionista, e incluso responsable de interpretación no Gran hermano portugués. Este ribeirense terá enfronte a dúas noiesas: a escultora Soledad Penalta, cuxa obra é coñecida e apreciada a nivel internacional; e a incansable investigadora Aurora Marco, ademais de profesora, que leva toda unha vida indagando no pasado das mulleres que sufriron os rigores dunha ditadura que non conseguiu agochalas.

Prazo de entrega

Os socios teñen de prazo para entregar as papeletas coas súas propostas ata o 15 de novembro. Tanto poden envialas por correo ordinario á sede de Barbantia, como depositalas na urna que se habilitará nos actos que a organización cultural vai celebrar tanto o vindeiro venres 25 deste mes, no local Leñaverde de Boiro, como noutros que se desenvolvan no período de votacións.

Precisamente, o acto mensual da asociación Barbantia que vai ter lugar o día 25 estará centrado na presentación dun novo libro do presidente fundador da entidade e directivo actual, Antón Riveiro Coello. Trátase de Acordes náufragos, publicado pola Editorial Galaxia, firma que probablemente estará representada polo seu director xeral, Víctor F. Freixanes.

Por outra banda, nas papeletas de votación, a entidade reserva un apartado para recoller suxestións de premiados de cara xa á convocatoria do vindeiro ano 2014, apartado que vai pegado xunto coas votacións correspondentes a este ano.

29 septiembre 2013

Noia e Barbantia uníronse para facer maxia coas verbas

:logo-lvg: | Barbanza
Xerardo Agrafoxo presentou o seu último libro ante ducias de persoas

Noia demostrou, unha vez máis, o seu compromiso con Barbantia. A casa de cultura Antón Avilés de Taramancos encheuse de público con motivo da presentación do libro Quen matou o Cantino, de Xerardo Agrafoxo, unha obra que remove no pasado, nos episodios máis escuros da historia para denunciar a morte dun camareiro que foi executado en Boisaca o 10 de outubro de 1936, acusado polos fascistas de cometer un delito de rebelión militar. Trátase dun dos misterios da Guerra Civil.

Xesús Laíño, presidente da asociación cultural, tomou a palabra en primeiro lugar para anunciar que os actos de Barbantia regresan con moita forza e que sempre é un pracer visitar Noia pola boa acollida dos veciños e do mundo da cultura.

Seguidamente, o director de Xerais, Manuel Bragado, sinalou que este é un momento difícil para a edición en galego e para a cultura en xeral. «Este libro debe considerarse como un modelo para restaurar a dignidade daqueles que foron vítimas do xenocidio que xurdiu a partir do ano 1936», engadiu Bragado.

Tamén Pedro García Vidal tomou a palabra para destacar o valor desta publicación. A súa intervención estivo cargada de emotividade: «No ano 1975 algúns de nós eramos uns mozos. Pensabamos que se abrían ás ventás da liberdade e que virían tempos novos. Hoxe algúns sentímonos derrotados, pero hai xente como Agrafoxo que para nada o están e saca libros como o que presentamos. Con Xerardo a memoria está asegurada».

«Un acto en liberdade»

O autor tomou a palabra e relatou a historia do Cantino, destacando o traballo de documentación que levou a cabo e as testemuñas dos veciños que o axudaron a escribir esta obra que causa tanta expectación na vila noiesa. Agrafoxo subliñou que O Cantino, cando chegou a Boisaca, non negou a súa ideoloxía, e xa sabía que o matarían. «Grazas ao seu compromiso celebramos hoxe un acto en liberdade».

Foron moitos os aplausos que dedicou o público ao escritor e moitos os que non quixeron marchar sen levar o seu libro asinado. Os actos de Barbantia volven ao calendario cunha aposta nun decidido apoio á cultura na comarca e a autores como o que o venres pola noite encheu de paixón pola literatura e pola historia a casa de cultura.

02 junio 2013

Unha novela a medio camiño entre Arousa e Barcelona

:logo-lvg: | Barbanza

Manuel Portas presentou en A Pobra o seu libro «Faneca brava», no seo da asociación cultural Barbantia

A literatura segue o seu percorrido pola bisbarra da man da asociación cultural Barbantia. O venres pola noite, a tenda-escola O Deán foi o escenario no que se presentou o número 85 de A Voz de Barbantia e a novela que leva por título Faneca brava, de Manuel Portas. Trátase dunha obra editada por Xerais e de corte realista, unha novela ambientada a medio camiño entre Arousa e Barcelona.

O acto foi presentado pola máxima representante del Centro Comercial Aberto O Deán, Amparo Cerecedo. O autor mantivo un interesante diálogo con presidente de Barbantia, Xesús Laíño, e desta sacáronse varias conclusións.

Manuel Portas, que ademais de escritor é sociolingüista e profesor, asegurou que «se escriben novelas porque se ama a literatura e do pracer lector pásase ao pracer da escrita». Tamén que toda novela ten moito de persoal, aínda que non sexa exactamente autobiográfica, xa que se nutre das vivencias do autor e das súas lecturas.

A obra alterna o ambiente da ría de Arousa, a zona sur, co ambiente urbano de Barcelona, e tamén de Compostela. O argumento xira arredor dunha muller, Concha, e da busca da súa verdadeira personalidade. O narrador principal é o seu curmán. Esta busca parte dun complexo de culpabilidade,

Personaxes femininas

Aínda que na historia hai varias personaxes femininas moi fortes, destaca a presenza de Fernando, non só como testemuña, senón con vida propia.

Ao final do acto de presentación do libro, o público tivo ocasión de participar nun diálogo co autor, que despediu A Pobra agradecendo a Barbantia, La Voz de Galicia e O Deán o seu esforzo por organizar iniciativas culturais deste tipo en lugares diferentes aos establecidos neste tipo de programacións culturais.

24 marzo 2013

Barbantia deu fe de que a Bioloxía tamén é cultura

:logo-lvg: | Barbanza

A presentación de «Ocultos» deu pé a unha amena lección de natureza

Se a cultura é coñecemento, circunscribir só á creación artística a tal consideración é reducir o seu abano. E un bo exemplo do sinalado foi o acto que a Asociación Cultural Barbantia desenvolveu na galería Sargadelos de Boiro o pasado venres, unha lección de natureza a cargo de biólogos vocacionais que acudiron á chamada da entidade que preside con motivo da presentación do volume Ocultos, a cuarta entrega da colección Animales Extraordinarios da editorial Kalandraka.

Os autores da obra son Xulio Gutiérrez Roger e Nicolás Fernández. O primeiro encargouse dos textos, e o segundo, da ilustración. Gutiérrez compareceu acompañado por Jesús Lojo, director da sala Sargadelos; Agustín Agra, membro de Barbantia e mestre de Bioloxía; José María Heras, en representación da editorial, e a concelleira de Cultura, Helena Teixeira.

Foi Agustín Agra quen levou o peso da presentación e, como sempre, fíxoo ao seu estilo, debullando, primeiro, ao autor e colega de profesión, indagando nas súas teimas; e logo, coa obra, da que, entre outros aspectos, destacou a súa calidade tanto na edición como nos contidos, a maquetación e o deseño, a facilidade de lectura e a distribución de contidos.

Accesible para maiores

Pola súa banda, José María Heras, quen tamén participou na elaboración do volume, explicou que o seu papel neste traballo era facer que a publicación fose accesible tanto para nenos como para maiores. Sinalou que o primeiro obxectivo do volume era escribir textos pequenos que entenderan tanto os nenos como os seus pais. Engadiu que se buscaba que o libro fose conciso e que puidese lelo un neno de 10 anos, cousa que, ao seu parecer se conseguiu: «É, en realidade, un álbum infantil que poden ler os maiores». Destacou tamén a calidade das ilustracións de Nicolás Fernández, que non puido comparecer.

O autor, que coordina a sección Palabras na Paisaxe do suplemento A Voz de Barbantia, dixo que Ocultos é froito de moitos anos de traballo. Xulio Gutiérrez lembrou que a obra forma parte dunha colección de seis volumes, redactados con sinxeleza para que sexan libros de lectura universal, accesibles en todo o mundo, motivo polo que se inclúen animais de todos os continentes: «Ocultos é un libro no que tratamos de reflectir os enganos dos animais para comer e para non ser comidos». As publicacións desta colección están traducidas ao inglés, alemán e ao portugués.

Pechou o acto a concelleira de Cultura, Helena Teixeira, felicitando ao autor pola súa obra e a Barbantia pola labor cultural e a publicación do suplemento.

23 febrero 2013

Barbantia únese ás homenaxes a Rosalía de Castro

:logo-lvg: | Barbanza

Como non podía ser doutro xeito, o colectivo cultural Barbantia tamén se sumou ao actos para conmemorar o aniversario de Rosalía de Castro e da publicación de Cantares gallegos. Hoxe á tarde, á partir das 19.00 horas, na casa de cultura de Noia, celebrarase unha lectura de textos da autora na que participarán alumnos dos institutos Campo de San Alberto e Virxe do Mar.

A programación inclúe unha conferencia a cargo de Xesús Alonso Montero, que falará do Significado no seu tempo e no noso de Cantares gallegos.

17 diciembre 2012

Barbantia recibiu un novo impulso en Lousame


:logo-lvg: | Barbanza

É sen dúbida o concello menos poboado da bisbarra, pero tamén o máis extenso. E agora ten outro mérito, que é o de ser outra casa para a Asociación Cultural Barbantia que pechou o intenso e complicado exercicio neste termo nun acto cheo de calor, animado por unha aguda Esther Carrodeguas que incluso lembrou ao seu profesor Xosé Ramón Barreiro, premiado co sereo á cultura galega que non compareceu no acto.

Moitos persoeiros

A alcaldesa, Teresa Villaverde, dixo que era o seu desexo que o presidente da Deputación vise a forza cultural que hai en Barbanza, e non só conseguiu que Diego Calvo estivese en Porto Bravo, senón tamén os rexedores de Rianxo, Adolfo Muíños; Porto do Son, Luis Oujo; e Outes, Carlos López; ou exmadatarios como Xosé Deira e Manuel Velo; pero tamén a deputada no Congreso Tristana Moralejo e o flamante parlamentario galego Santiago Freire. En fin, un feixe de personalidades ás que hai que engadir os sempre fieis seguidores da entidade.

Música de vento

O ambiente foi do melloriño, animado pola sección de vento da Banda Municipal de Lousame. E subiu de ledicia o ver que ó belén da casa de cultura faltáballe o gando, quizais atendendo á declaración papal, pero non un volume do Anuario de Estudos do Barbanza.

16 diciembre 2012

Barbantia avoga polo consenso lingüístico a favor do galego

:logo-lvg: | Barbanza

A entidade pechou o ano ca entrega dos sereos e o anuario de estudos

Decembro está sinalado en vermello no almanaque de Barbantia. Neste mes coinciden catro actividades: a entrega dos premios Sereo, a presentación do Anuario de Estudos do Barbanza, a saída dun novo suplemento de A Voz de Barbantia, que acadou o número 80, e a comida de Nadal. A cita tivo onte por escenario Lousame. Na Casa de Cultura mesturouse ledicia e reivindicación nun aforo no que compareceron políticos de todos os eidos. A eles expresamente dirixiuse o vicepresidente da entidade, Manuel Cartea, para pedirlles que fagan o que estea nas súas mans para recuperar o consenso a favor da lingua, e tomou como base e modelo a Lei de Normalización Lingüística de 1983 «para que a nosa lingua volva estar onde ten que estar e de onde nunca debeu de saír».

No acto oficial, todos os protagonistas estiveron á altura, empezando pola presentación, a cargo de Esther Carrodeguas, directora de Airiños, que evidenciou as súas dotes tanto para a representación teatral como para os monólogos. Fixo sorrir e rir a todos os asistentes, ao tempo que ía dando entrada a cada apartado, entre eles, a música da sección de vento da banda municipal.

Aberta ao mundo

A primeira parte xirou en torno ao oitavo Anuario de Estudos do Barbanza, do que falaron o presidente de Barbantia, Xesús Laíño, e o vicepresidente, Manuel Cartea. O primeiro destacou a sección Aires de fóra, para sinalar que a publicación está aberta ao mundo, xa que incorpóranse obras de creadores estranxeiros cuxas traducións están feitas por colaboradores e socios da entidade, como as desta ocasión: poemas de Pierre Jean Jouve, traducidos por Cartea; e As dúbidas de Xosé sobre María, a cargo de Cristina Mourón.

Manuel Cartea parouse especialmente na achega de Pedro García Vidal sobre o illamento de Muros, e no detalle de que a ponte sobre o Xallas construíuse en 1951, trinta anos despois de que se fixese a estrada, e preguntouse como podían pasar dun lado ao outro aquelas mulleres cos cestos na cabeza.

11 diciembre 2012

Barbantia presentará en Lousame o oitavo anuario

:logo-lvg: | Barbanza

No acto, presentado pola rianxeira Esther Carrodeguas na casa da cultura, tamén se entregarán os Sereos

O mundo da cultura comarcal ten unha nova cita esta semana da man da asociación Barbantia. Será o sábado, na casa de cultura de Lousame, lugar escollido para a presentación do oitavo volume de Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza 2012. O acto terá lugar ás 12.30 horas e estará conducido pola rianxeira Esther Carrodeguas. Ao mesmo tempo darase a coñecer o número 80 de A Voz de Barbantia.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e un representante da Deputación de A Coruña, organismo que colaborou na edición, acudirán ao encontro, no que intervirán o presidente de Barbantia, Xesús Laíño, e Manuel Cartea, un dos coordinadores do anuario e vicepresidente da entidade.

A publicación inclúe na súa parte final un capítulo dedicado aos actos culturais que Barbantia levou a cabo na bisbarra no último ano, dende outubro do 2011. O limiar é obra de X. Ricardo Losada. Nunha primeira parte hai seis artigos, obra de José Antonio Vázquez Vilanova, Pedro García Vidal, Ramón Blanco, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Daniel Bravo.

Baixo o título Aires de fóra figuran dous artigos, Pierre Jean Jouve. Poemas, traducido por Eme Cartea, e As dúbidas de Xosé sobre María, cunha tradución de Cristina Mourón Figueroa.

Na última parte do libro figuran Barbantia, ano VII, onde se fai un repaso polas actividades feitas nestes doce meses, así coma un apartado dedicado a numerosas publicacións aparecidas na comarca relativas a aspectos culturais ou patrimoniais.

Premios á cultura

No mesmo acto entregaranse os Premios Barbantia da Cultura, os Sereos. Nesta ocasión, os galardoados son Xoán Mariño Reino, que recibirá o galardón pola súa traxectoria cultural na bisbarra. Mariño Reino, natural de Outes, é o comisario do Ano Añón que se leva a cabo no municipio, destaca pola súa faceta como investigador e escritor.

Pola súa banda, a Sociedade Liceo de Noia recibirá o Sereo á iniciativa cultural. Trátase da entidade con máis socios na bisbarra barbancesa e destaca polo intenso labor que realiza ao longo de todo o ano coa programación de diversas actividades.

Finalmente, a Xosé Ramón Barreiro, historiador ribeirense que presidiu a Real Academia Galega, entregaráselle o premio Barbantia da cultura galega.

10 diciembre 2012

O recompilatorio de A Voz de Barbantia seguirá á venda nos quioscos durante un mes

:logo-lvg: | Barbanza

Despois de máis de dous anos e medio de espera, onte chegou aos quioscos de toda a comarca un novo recompilatorio con 25 números do suplemento cultural A Voz de Barbantia. O volume, o terceiro dos editados ata o momento, estará ao alcance dos lectores nos puntos de venda durante un mes.

Foron moitos os que xa na xornada de onte se achegaron aos quioscos e librarías habituais para facerse cun dos exemplares publicados por La Voz de Galicia e a asociación Barbantia, un libro que compila preto de trescentas colaboracións que foron vendo a luz, mes a mes, nas páxinas da edición de Barbanza do xornal. O novo volume aglutina os traballos incluídos no suplemento cultural entre xaneiro do 2010 e o pasado mes de maio, e pode adquirirse, xunto co periódico, por un prezo moi razoable: dous euros. Neste libro, aparecen reunidos os números do caderniño do 51 ao 75.

Editado nun papel de gran calidade, e en formato facsímile, dun tamaño lixeiramente inferior ao das páxinas do xornal, o recompilatorio sae de novo á rúa co obxectivo de achegar á cidadanía o traballo dos creadores e artistas, novos e consolidados, que abundan na comarca barbancesa.

09 diciembre 2012

«A Voz de Barbantia está acadando altas cotas de calidade»


:logo-lvg: | Barbanza

O coordinador do suplemento fala da asociación e o recompilatorio

Hoxe ponse á venda o terceiro recompilatorio de A Voz de Barbantia, o suplemento que cada fin de mes chega aos lectores a través das páxinas de La Voz. Aproveitando este feito, un dos máximos responsables de que a publicación vexa a luz fala da cultura, da asociación Barbantia, de recortes e do futuro, un horizonte no que o talento dos creadores barbanceses seguirá a estar moi presente.

-Van xa polo terceiro recompilatorio, ¿satisfeito co resultado?

-Moitísimo, penso que A Voz de Barbantia vai acadando altas cotas de calidade. Tecnicamente, a publicación é fantástica, houbo un cambio no formato e a calidade de imaxe é maior. E os contidos tamén están a mellorar, están máis revisados, unha das cuestións que está mellorando ostensiblemente é a corrección lingüística.

-¿Resulta moi complicado sacar adiante o suplemento?

-É traballoso, pero temos un gran equipo de colaboradores. Sempre hai urxencias, présas de última hora, incluso ten pasado que unha colaboración non chegue a tempo, pero contamos con xente moi preparada e sempre hai alguén que pode suplir ese traballo. Hai recursos humanos para saír de calquera situación. O equipo que traballa en Barbantia é excepcional.

-A Voz de Barbantia leva xa anos publicándose, ¿segue habendo temas suficientes na comarca para seguir co suplemento? ¿Aínda hai creadores sen saír na sección de Convidados?

-O Barbanza é rico en xente digna de ser entrevistada en todos os campos: a arte, a historia, o xornalismo, a política, o deporte... Logo hai focos moi concretos, coma Rianxo, é un viveiro de persoeiros, pasados e presentes. Barbanza é unha fonte, se non inesgotábel, inmensa de riqueza cultural, non só no que respecta a persoas, tamén pola súa natureza e a súa historia. A memoria desta comarca estaba aínda por escribir.

-Parece, pois, que o cuarto recompilatorio está asegurado.

-¡Claro! Por favor, non hai crise que nos mate. O equipo directivo de Barbantia segue aí, e os socios tamén, os colaboradores non desmaian e La Voz de Galicia segue a contar con nós e nós con eles. La Voz é o segundo elemento fundamental deste proxecto. Estando La Voz e estando Barbantia máis vivos que nunca a continuidade do suplemento está garantida.

-¿Vese afectado o traballo da asociación pola crise económica e os recortes?

-É inevitable. Vaise notar no anuario, que publicamos o día 15 e que este ano verá reducida a súa paxinación, sen diminuír, iso si, a calidade. Nos contidos non hai crise porque ata aí o Goberno non chega. De cara ao futuro, a ver o que pasa porque dependemos de subvencións. Se non hai axudas suficientes haberá que replantexar a publicación do anuario. Esperamos non chegar a iso porque, xunto co recompilatorio, é outro dos piares da asociación. Para nós sería unha pequena traxedia.