26 febrero 2012

«Temos que crear sinerxías entre todos os membros da FEB»


:logo-lvg: | Barbanza

O novo dirixente quere aumentar o protagonismo da organización

Acaba de aterrar como presidente da Federación de Empresarios do Barbanza (FEB), tras ser elixido hai pouco máis dunha semana por unha folgada maioría, e o boirense José Ramón Romero García iniciou unha intensa campaña para pórse ao día en todos os aspectos relativos á patronal comarcal. Xa mantivo varias reunións co persoal da entidade e estableceu contactos para configurar a directiva dunha nova singradura que empeza en momentos difíciles, pero que ten o gran reto de recuperar o prestixio histórico do que gozou a organización empresarial.

-¿Por onde ten que comezar a renovación da FEB?
-O primeiro é establecer unhas bases de traballo e, ao mesmo tempo, examinar a parte económica e ver que proxectos poden levar a cabo. O que está claro é que a FEB debe experimentar un cambio radical e converterse nun referente para cada unha das asociacións empresariais que a integran. Imos realizar un diagnóstico de cada entidade para coñecer os seus proxectos e as súas necesidades. Trátase de elaborar unha radiografía de cada unha, para o que efectuarei visitas a todas elas e, en función dos datos obtidos porase en marcha un plan de acción.

-O certo é que a patronal comarcal está integrada por entidades moi dispares e, algunhas con importantes problemas para seguir en marcha
-Hai que ver en que medida a FEB pode axudalas. É certo que algunhas teñen dificultades para afrontar os seus gastos correntes e hai que mirar que alternativas poden darse.

-¿Pensouse en agrupar asociacións?
-Non, o camiño non vai nesa dirección, polo menos non está previsto. No que si penso é en compartir servizos para aforrar custos. De todos os xeitos, trátase de cuestións que o conxunto de socios debemos valorar. Eu son o presidente, pero eu só, sen o apoio e a implicación dos restantes membros da FEB, non podo facer nada. Iso téñoo claro desde o principio.

-Entendo que a súa intención é que os socios teñan maior protagonismo, que calquera saiba que pode achegar ideas porque serán escoitadas.
-Debemos facer reunións periódicas nas que todos se impliquen. A FEB ten que ser un fervedoiro de ideas. Hai que mellorar as relacións cos socios e temos que crear sinerxías entre todos os membros da FEB. Nesta entidade hai moita xente con iniciativa e seguro que poden desenvolverse proxectos moi interesantes en beneficio da colectividade

-A idea dunha FEB líder é a base do seu plan de acción desde que decidiu aspirar á presidencia.
-A patronal perdeu protagonismo nos últimos anos e temos que recuperalo. A FEB ten que liderar proxectos, non pode ser un mero transmisor de información nin limitarse a organizar un par de citas ao ano. Hai que facer postas en común de iniciativas, unha tormenta de ideas. Nas asociacións que a integran desenvólvense moitos proxectos a nivel individual que poden ter un ámbito comarcal. Ata hai algúns que se duplican, iso non é efectivo. Entre todos é máis fácil conseguir resultados positivos. Hai que traballar unidos.

-O comercio é un puntal importante no conxunto de asociacións, ¿cal é a súa aposta nese sentido?
-A FEB pelexará para que se manteñan as axudas ao pequeno comercio e traballará para que este colectivo sexa máis competitivo. Está a pasar por momentos difíciles debido á recesión e á competencia das grandes superficies. É preciso que conte con toda a axuda posible.

-¿Hai algún outro aspecto polo que aposte de xeito decidido neste novo proxecto?
-A formación, tanto dirixida ao sector empresarial como a persoas que se atopen en paro e precisen da actualización de coñecementos para acceder ao mercado laboral. A ABE, por exemplo, xa traballa neste campo desde hai tempo e creo que é moi positivo. É necesario desenvolver accións formativas sectoriais e intersectoriales. Neste sentido, considero que poden aproveitarse moito os servizos que ofrece a Confederación de Empresarios da Coruña. Neste colectivo hai profesionais especializados e creo que aproveitalo iría en beneficio de todas as asociacións.

-¿Conseguirá o ansiado cambio de rumbo da Federación de Empresarios?
-Teño plena confianza niso. Desde logo por falta de empeño pola miña banda non vai ser. Estou envorcado con este proxecto pero, insisto, a cooperación de todos é esencial.

José Ramón Romero García presidente da Federación de Empresarios do Barbanza

Relacionada
«La intención no es pedirles a los socios el pago de una cuota para la patronal comarcal»

0 comentarios: