24 agosto 2010

Acercándose ao taekuondo

:lvg: | 24/8/2010
O grupo de rapaces adestrado por Osiris Romay na localidade de Caamaño realiza exhibicións en distintas localidades para amosar esta arte marcial

Osiris Romay é mestre de taekuondo na parroquia sonense de Caamaño, onde leva preto de oito anos adestrando a rapaces. Este verán decidiu realizar unha especie de xira pola zona para que a xente se acercase a esta arte marcial e para que os rapaces comezaran a perder o medo escénico.

Este mozo comezou a súa andaina dentro do mundo do taekuondo da man de Juan Luis Martínez, un adestrador ribeirense que foi quen o iniciou nesta arte marcial. Hoxe en día, Romay ten o seu propio lugar de ensino en Caamaño e realiza moitas actividades en común co que foi o seu instrutor. Hai oito anos que comezou a impartir clases, e moitos dos rapaces que se iniciaron con el continúan asistindo ás sesións de adestramento que se realizan tres días á semana.

Durante este verán está facendo unha xira de exhibicións cos seus alumnos por diferentes puntos do municipio. Este proxecto ten diferentes obxectivos: un deles é conseguir que os rapaces comecen a desenvolverse enriba do tatami; outro, que a xente se familiarice con este tipo de deporte e esqueza vellos prexuízos, como que as artes marciais son violentas e que non contan con ningún tipo de disciplina.

Algúns dos lugares que puideron gozar do bo facer destes cativos foron a parroquia de Queiruga e a de Caamaño. A próxima cita está prevista para o 10 de setembro en Porto do Son.

As idades dos rapaces que adestran na casa de cultura de Caamaño soe estar entre os 6 e os 12 anos, aínda que segundo afirma o propio Romay, «os máis pequenos son os que máis gozan, pois tómano como un xogo. Porén, cando van medrando empezan a mirar que opcións reais teñen dentro do deporte. Ademais, hai idades que son conflitivas e iso vese á hora de adestrar, porque arredor dos 12 anos».

O papel dos pais

Osiris Romay tamén resalta a importancia da implicación dos pais. Sinala que cos anos adquiriron un compromiso maior, e que así o pasan mellor cos pequenos: «Antes os pais acercaban aos rapaces a adestrar ou levábanos as competicións e marchaban. Actualmente é moi diferente, os proxenitores están máis implicados na actividade que realizan os seus fillos, van aos combates, animan aos rapaces, vese que hai un maior interese e iso resulta moi positivo para os cativos».

Para este sonense é importante que a xente entenda a importancia que pode ter o deporte no desenvolvemento dos rapaces, que inflúe na súa educación e na adquisición dunha serie de valores: «O taekuondo é unha segunda disciplina na que se lle inculcan unha serie de pautas, non só é un deporte físico, ten a súa parte mental». Tamén destaca que a agresividade non ten cabida dentro desta arte marcial: «Se me decato de que os meus rapaces empregan o que eu lles ensino para andar de matóns por aí castígoos sen poder pelexar. Se algún día o necesitan para defenderse é diferente». Romay mostrase satisfeito co momento actual que vive o taekuondo en Galicia e espera que a situación mellore co tempo ou que polo menos se manteña igual.

0 comentarios: