19 junio 2010

«Ramón fíxome ser mellor persoa, aínda que el dicía que un non se fai, que nace»

:lvg: | 19/06/2010
Hai persoas que a un lle impón falar con elas. A súa historia, a transcendencia dos seus actos, o seu pasado... Todo iso fai que a un se lle poña unha especie de nó na gorxa ao ter que preguntarlles. Ocorre así con Ramona Maneiro, a veciña da Ribeiriña (A Pobra) cuxo nome deu a volta ao mundo a conta do caso de Ramón Sampedro. Sen embargo, ese muro, esa distancia, rómpese nada máis empezar a conversa. Ramona Maneiro recibe no bar que rexenta en Boiro dende o pasado mes de outubro, A Tasca do Neno, e, ás dúas palabras, un xa pensa que a coñece de toda a vida. Para empezar, chámalle á xente con diminutivo, «mariiña», «aniña»... Di cada vez que nomea a alguén. É pura proximidade. Puro achegamento.

A media mañá, Ramona viste mandil e serve cafés no seu negocio. Véndoa aí, chamándolle a cada cliente polo seu nome e poñéndolle un sorriso a todo aquel que entra pola porta, a un parécelle imposible que esa muller, a que ven e vai con cuncas e pratos na man, sexa a mesma que recorreu tantos estudios de televisión, unha das persoas máis coñecidas por defender a eutanasia e quen axudou a morrer a Ramón Sampedro. A conversa empeza por aí. «Hai xente que pensa que vivo de marabilla, que ganei millóns... eu dígolles que deberían dicirme onde están, porque está claro que eu non os teño. Como ves, agora mesmo vivo do meu negocio e antes traballei noutras moitas cousas, asegúroche que ninguén me regalou nunca nada», afirma. Logo, pechando o sorriso e poñendo unha cara entre a melancolía e a nostalxia, di: «Si me axudaron, meus pais tiraron moito por min».

As pedras

O recordo dos pais fai que as súas verbas cambien de rumbo. Maneiro regresa a moito antes de que o caso Sampedro a fixera aparecer nos medios de comunicación de medio mundo. A súa mente viaxa ata a Ribeiriña, o lugar onde viviu sempre. E aproveita as lembranzas para falar do sitio que elixiu como o seu recuncho favorito. «Encántame as calas da Ribeiriña porque pasei moito tempo nelas. Cando os meus fillos eran pequenos -tivo tres fillos, e xa é avoa de outros tantos netos- estabamos sempre nelas, nas pedras e bañándonos. Incluso ía de pequena, aínda que daquela non nos deixaban case bañarnos. Tiñamos que facelo en roupa interior, e despois poñela a secar para que na casa non nos rifaran».

Sorrí cando lembra o nome de cada unha das pedras; o mar da Ribeiriña... e, de súpeto, Ramón Sampedro cólase na conversa. «¿Sabes que ata que foi o de Ramón nunca saíra da Ribeiriña? A primeira vez que fun a Madrid foi para ir á televisión. Viaxei grazas a Ramón, pero en contra do que algunha xente pensa non cobrei por ningunha exclusiva. Ou si. Unha vez me pagaron, pero os cartos foron para mercarlle unha furgoneta a un rapaz de Ponteareas que tiña moita necesidade dela. Eu non me quedei con nada», di.

E logo, aínda que insiste en que «a miña historia xa é moi coñecida», non pon reparos en contar como coñeceu a Sampedro -cando ela colaboraba con Radio Rianxo-, como nunca lle custou entender «que o seu desexo era morrer», como «a súa intelixencia era inmensa» e como decidiu axudarlle a facelo. «Sinxelamente seguín as súas instrucións punto por punto, nada máis. Quedoume a pena de que o seu fin non fora como el pensaba, de que sufrira».

Aínda que a raíz da morte de Sampedro, no ano 1998, o seu nome xa se fixo coñecido en todo o mundo, recoñece que foi cando Amenábar recalou en Galicia para levar ao cine a historia do tetrapléxico sonense no momento no que todo alcanzou unha dimensión moito maior. Iso, e a súa declaración televisiva recoñecendo que axudara a morrer a Sampedro. Fala do filme. Del quedoulle unha gran amizade con Lola Dueñas, o seu alter ego na pantalla. Lembra que esta actriz quixo compartir días con ela, «que estivo na Ribeiriña e en Boiro paseando como unha veciña máis». E tamén recorda que, cando a artista leu o guión, lle confesou o seguinte: «Díxome que non me ía gustar, porque ela dábase conta de que eu non era como ía aparecer na película. A verdade, sentinme moi pouco identificada».

Despois de todo iso, chegou a escribir un libro e viaxou a varios lugares para promocionalo -estivo, por exemplo, en Chile e Miami-. Tamén estivo de colaboradora en algúns programas televisivos e, fundamentalmente, converteuse nun dos referentes da defensa da eutanasia. Pero pasou o tempo. Os flashes fóronse apagando. E as entrevistas tamén. Aínda que ten algunha cita cos medios pendentes, Ramona Maneiro vive como calquera outro fillo de veciño. «Traballo, coma sempre fixen. Porque estiven na conserva, estiven coidando maiores... fixen de todo».

E, ao preguntarlle se semellante experiencia vital non cambian a un para sempre, a súa resposta é clara: «Mira, eu creo que sigo sendo a mesma. Penso que Ramón me fixo mellor persoa, aínda que el dicía que un non se fai, que nace». Di esa frase e levántase para preparar as tapas do mediodía. Así é Ramona. Sinxela, clara, diáfana.

Relacionada
«Nin gardo rancores nin teño malos recordos»

0 comentarios: