:lvg: | 27/03/2010
A deputada provincial Caridad González lembraba o xoves en Porto do Son, no descurso da inauguración da exposición Indumentaria tradicional galega , a descrición que facía Rosalía de Castro do traxe das muradás, ao dicir: «Elas de negro se visten, delgadiñas e lixeiras, refaixo e mantelo negro, zapato e media de seda, negra chaqueta de raso, mantilla da mesma peza, con terciopelo adornado canto enriba de si levan».
Tamén o rexedor local, Xoán Pastor Rodríguez, tivo palabras de eloxio para os elementos que integran a colección que a agrupación Ximiela de Louro presenta nesta exposición, á vez que se referiu á necesidade de salvagardar os contidos culturais do pasado, como sinais identificadores do futuro. O alcalde animou aos seus veciños a mergullarse nesta mostra, que se manterá na casa de cultura da vila ata o vindeiro día 15.
Con esta exposición, Ximiela, da man da Deputación da Coruña, comeza unha nova xira presentando as súas coleccións de traxes tradicionais e bonecas da época en varios concellos da provincia, entre os que figuran Boiro, Vedra, Cerceda e Oroso, para rematar, esta primeira andaina deste ano, a principios do verán na cidade de Santiago de Compostela.
Nove maniquís
A colección de traxes rexionais que o xoves se inaugurou no Son está integrada por seis equipamentos completos de muller e tres de home, presentados en nove maniquís. Ademais do traxe de muradá, que é o máis valioso da colección, tamén figuran vestimentas de outras comarcas galegas, así coma una descrición dos traxes de gala, de cotío e de ir á vila con que se ataviaban os galegos no pasado. Unha colección de adobíos, xoias e obxectos persoais completan a mostra.
Xunto a iso tamén se presentan dous mostrarios de bonecas, con rostros de porcelana e traxes típicos galegos variados, así coma una colección de mantos e roupa do pasado, encaixes e puntillas, e traxes infantís.
O público que asistiu á inauguración loou a beleza da mostra, e mesmo a edil nacionalista Ánxela Franco expresou o seu desexo de verse dentro dun destes traxes, ao dicir: «Téñome vestido moitas veces con estas roupas, pero nunca tiven a ocasión de lucir unha peza de tanto valor artístico coma as que hoxe se amosan aquí».
0 comentarios:
Publicar un comentario