09 enero 2010

O Son quere subirse á Rede

:lvg: | 09/01/2010

Persoal do Concello traballa xa na mellora dos contidos da páxina web para que teña utilidade para os veciños.

Conscientes de que cada vez son máis os veciños que teñen acceso a Internet, os novos gobernantes de Porto do Son queren que o Concello se suba de xeito definitivo á Rede cunha páxina web actual, interactiva e que se renove de xeito periódico. Xa hai persoal municipal que está a traballar nos novos contidos que terá o portal, que se pretende que sirva para achegar a Administración local aos cidadáns.

Xa fai anos que o Concello de Porto do Son ten un espazo reservado na Rede, o que ocorre é que ao longo de moito tempo a páxina estivo sen actualizar, ofrecendo incluso información incorrecta de temas como a estruturación da corporación municipal. Na etapa do anterior goberno do PP, a web foi actualizada, pero quedou convertida nun portal eminentemente turístico, no que pode accederse a documentación sobre as praias, o patrimonio, o ocio, as festas ou a gastronomía do lugar.

O que tenta agora o bipartito é darlle novos contidos a esta páxina e facela máis operativa e interesante para os veciños: «Queremos, por unha banda, ofrecer novas sobre as actividades que se organicen desde o Concello e, por outra, que o portal sexa útil como servizo de documentación, para que os cidadáns poidan acceder a impresos e tamén para darlle uso á firma e ao carné electrónicos», explicou o rexedor, Xoán Pastor Rodríguez.

Partida orzamentaria

Aínda que o alcalde sonense prefire non falar de datas concretas sobre a posta en funcionamento da nova web, sinalou que será «o antes posible». De feito, Rodríguez engadiu que se habilitará unha partida para este fin con cargo aos fondos do plan anticrise.

Pero para que o propósito do goberno sonense se faga realidade, é preciso superar un escollo: «O problema é que nestes intres está en vigor un contrato que o anterior executivo asinou cunha empresa para o mantemento da páxina».

Rodríguez e o seu equipo tamén queren modificar a dirección do portal sonense, xa que a día de hoxe non se atopa entre as primeiras que aparecen nos buscadores ao teclear o topónimo municipal.

Tendo en conta o que ocorre en Porto do Son e o feito de que o portal de Noia está en fase de construción, pode dicirse que o Concello da Pobra é o único de Barbanza que carece de web.

0 comentarios: