02 noviembre 2012

«Todo o que pinto é imaxinario, pode ser de calquera lugar»


:logo-lvg: | Barbanza

Este autodidacta ten realizado un cento de cadros

Foi carpinteiro, zapateiro, mecánico-electricista e mesmo operador de cine en Noia pero, desde que iniciou a etapa dorada da xubilación, Eduardo Ponte Filgueira (Lousame, 1933) dedícase de cheo á que é a súa gran paixón desde que era neno, a pintura. Estes días amosa vinte das súas últimas creacións na casa de cultura de Porto do Son.

-¿Como foron os primeiros contactos co eido artístico?

-Remóntanse á época de estudante. Nacín na aldea de Cruído e, con 11 anos, funme a Noia. Meu pai tiña unha pequena taberna e eu dedicábame a copiar ilustracións das botellas. E iso que nunca me gustou copiar, eu sempre preferín inventar.

-¿Lembra cal foi o primeiro cadro que pintou?

-Era unha copia de Xesucristo cuns pescadores. Fíxeno con 13 anos, empregando un preparado con pinturas e tinta de escribir que elaborei con distintas cousas que merquei. Pinteino cunha pluma.

-E o seu primeiro orixinal, ¿lémbrase del?

-Foi moito despois. Con 14 anos, díxenlle ao meu pai que quería ir a unha escola de arte, pero el contestoume que xa tiña para min unha escola, a de carpinteiro. Aí deixei de pintar ata que empecei a traballar no cine de Noia, onde estiven 35 anos como operador. Foi con 36 anos cando volvían á pintura. Os primeiros cadros eran paisaxes, pescadores... Case todos os regalei.

-¿E como se decidiu a amosar as súas obras?

-Foron os amigos e os coñecidos os que me animaron. Eu pinto porque me gusta, non co ánimo de que se fale de min. Fixen a miña primeira exposición en Outes e vendín varios cadros. Despois pasei por Noia, Lousame, Rois e agora estou no Son. Despois teño previsto montar algo en Ribeira.

-¿Como é a súa obra?

-Todo o que pinto é imaxinario, pode ser de calquera lugar, pero non é de ningún. Para facer as obras emprego diversas ferramentas, como pinceis, palillos e mesmo os dedos.

-¿Cal é o seu cadro preferido?

-Cústame moito traballo elixir porque todos me gustan. Destacaría, por exemplo, unha paisaxe con vacas que me din que se semella ás terras asturianas e tamén un cadro cun enorme e fermoso lago.

-Di que os seus cadros son imaxinarios pero, ¿en que se inspira para crealos?

-Fago un marco, dou as primeiras imprimacións e logo voulle dando forma, sen inspirarme en nada, improvisando. Nunca repito unha obra, levarei pintadas un cento e todas son diferentes.

-¿Que o leva a pintar?

-Fágoo totalmente por afección. Cando monto unha exposición, dáme igual vender ou non.

-¿Como ve a situación da pintura en Barbanza?

-Penso que hai moi bos pintores, o que ocorre é que non se lles abre o camiño á hora de expoñer. Estou seguro de que moita xente podería saír adiante e se queda no camiño por falla de medios.

0 comentarios: