08 noviembre 2012

O novo calendario de A Misela xa está en marcha


:logo-lvg: | Barbanza

O Liceo noiés dará cabida a un festival solidario, organizado por Os Salgueiriños

Un ano máis, os noieses, e demais veciños da comarca, terán a oportunidade de contar nas súas casas cun calendario moi especial. O colectivo A Misela, antes coñecida como Asociación de Pais do Stand, xa puxo en marcha a maquinaria para elaborar un almanaque protagonizado polos usuarios. As sesións de fotos realizáronse nas últimas semanas, e só queda editar as páxinas máis solidarias da bisbarra noiesa.

Como de costume, no almanaque aparecerán distintos espazos da vila de Noia, e, desta volta, nel estarán representadas as artes a través dos distintos e recoñecidos artistas que teñen por patria o municipio noiés. Entre eles hai pintores, como Alfonso Costa, actores consagrados coma Ricardo de Barreiro ou o cineasta Luis Avilés.

Todos eles foron retratados polo fotógrafo noiés Pichero representando as diferentes disciplinas artísticas xunto cos membros da asociación A Misela, que veñen a ser os verdadeiros protagonistas dunha iniciativa que ten como finalidade recadar fondos para a entidade, que non está pasando polo seu mellor momento desde o punto de vista económico.

Precisamente por esta razón, se está a traballar practicamente a contrarreloxo para que os calendarios solidarios estean rematados o antes posible. O obxectivo é que os exemplares acaben nas mans do colectivo antes do vindeiro 25 de novembro, data na que celebrará un festival para xuntar fondos para A Misela organizado por Os Salgueiriños. Debido ao peche do Coliseo Noela, o escenario desta nova actividade solidaria serán as instalacións do Liceo de Noia, e a intención da entidade é poñer os almanaques á venta ese mesmo día.


0 comentarios: