04 febrero 2011

O teatro regresa a Portosín da man do grupo A Trote


:lvg: | 4/2/2011

A vila de Portosín ten unha tradición importante no eido do teatro. No núcleo chegaron a funcionar distintas compañías afeccionadas que conseguiron espertar entre os veciños o interese por este tipo de arte. Agora, despois dunha tempada desértica no que á escena se refire, un grupo de residentes decidiron fundar A Trote, unha agrupación que, precisamente, saltará este fin de semana, por vez primeira, ao escenario.

A compañía está formada por unha vintena de persoas, cun nexo en común, a asociación cultural e deportiva Coira. Esta entidade xurdiu hai uns catro anos co obxectivo de dinamizar o pobo. De feito, empezaron organizando excursións e actividades deportivas, ao tempo que aproveitaban datas sinaladas como o Entroido e o Nadal para xuntar aos veciños.

No pasado mes de outubro, despois de que algúns membros de Coira amosaran o seu interese polo teatro, fundouse A Trote, unha denominación que nace dun xogo coas sílabas da palabra teatro. Son unhas vinte persoas que se reúnen unha vez por semana para ensaiar. A representación convértese así, para estes veciños, nunha fórmula para escapar da rutina e tamén para estreitar lazos.

Dobre estrea

Os froitos do traballo que veñen realizando ao longo dos catro últimos meses poderán verse este domingo, ás 18.30 horas, cando estes afeccionados tomen o escenario da casa de cultura de Portosín para estrear dúas pequenas pezas: O doutor Vinagreta e O testamento do tío Nacho. Trátase de obriñas curtas e sinxelas, apropiadas para o que son os primeiros pasos dunha compañía que aspira a ir evolucionando pouco a pouco.

De feito, na segunda das pezas participan varios nenos e unha das intencións da asociación Coira é fundar, a curto prazo, unha compañía de teatro infantil, co fin de crear na vila unha especie de canteira que faga que a arte da escena cobre importancia e se perpetúe.

Para a posta en escena destas dúas obriñas, A Trote conta coa colaboración dunha veciña da vila que ten participado en distintas compañías, Marita, que exerce de directora. Tanto ela coma o resto dos integrantes da agrupación de Portosín consideran que a experiencia está a resultar moi positiva. Agora só queda esperar que tamén o resto dos veciños da localidade, aos que van destinadas as funcións, compartan esta opinión. O domingo, cando se abra o pano da casa de cultura, serán o momento de emitir as valoracións.

0 comentarios: