08 febrero 2011

«O meu soño é ter un museo sobre arqueoloxía»


:lvg: | 8/2/2011

Traballa nun taller de automoción, pero o boirense Guillerme Caxaraville ten unha afección ben distinta. Boa parte dos andeis da súa vivenda están repletos duns libros moi especiais, trátase de volumes relacionados coa arqueoloxía. Nos recunchos da súa casa tamén se agochan un bo numero de reproducións de cerámica, pedra e metal relacionadas coa cultura castrexa. Estes días, amosa parte desta interesante colección no centro social de Boiro.

-¿De onde lle ven esta afección por coleccionar libros arqueolóxicos?
-Todo xurdiu no ano 1969, estando de campamento en Baroña. Alí había un arqueólogo, Luengo, ao que lle escoitei falar do castro e, aínda que eu era só un crío, chamoume tanto a atención o tema que empecei a recompilar libros e pezas relacionados con este eido. Pouco a pouco, a miña afección foi a máis e empecei a percorrer feiras e a visitar anticuarios ata conseguir reunir máis dun milleiro de volumes.

-De todos eles, ¿cales destacaría?
-Teño por exemplo unha colección de libros sobre os traballos que fixo o arqueólogo Aznar e tamén me gustan moito as obras de Alberto Balil, que ten unha creación moi extensa e documentouse sobre todo na cultura castrexa.

-¿Ten algunha peza antiga digna de mención?
-O volume máis antigo que teño é Dioses y templos, do ano 1747. Nesa época, a maior parte dos estudos estaban relacionados coas culturas grega e romana. Foi a mediados do século XVIII cando se empezou a investigar o Neolítico e o Paleolítico e aí empeza realmente a miña colección.

-A súa é unha afección que sae cara, ¿non?
-Fun facéndome coa colección pouco a pouco. Levo unhas tres décadas mercando libros e, sobre todo ao principio, atopei obras moi curiosas e incluso únicas. O que ocorre é que cada vez a xente ten máis conciencia do valor que teñen as pezas antigas e é máis reacia a desprenderse delas. Cando eu empecei con esta afección era moi doado, había quen incluso me entregaba gratis os volumes.

-Para a exposición que se montou no centro social, ¿por que libros se decantou?
-Loxicamente, por motivos de espazo, tiven que facer unha selección dun cento de obras. O que se tentou foi representar as etapas máis significativas, desde o Paleolítico ata a romanización da península. A exposición inclúe tamén unhas 150 reproducións de material como pezas de cerámica, coitelos de pedra ou ondas.

-Ten a súa vivenda convertida nun auténtico museo...
-Precisamente, o meu soño é ter un museo sobre arqueoloxía que funcione de forma permanente, pero iso supón un desembolso moi importante. Polo de agora, conformaríame con montar unha gran exposición con todo o material que teño no meu poder para que a xente puidera incluso abrir os libros e ter acceso aos textos e ás ilustracións. O temor que teño é que a xente non responda como eu penso, porque aínda que sei que é un tema que esperta interese, hoxe en día os cidadáns viven bastante afastados do mundo da cultura.

-E a nivel de obras, ¿cales lle gustaría engadir á súa colección?
-Sobre todo, libros de comezos do século XIX, pero a maior parte son edicións únicas que están en museos ou nas mans de coleccionistas, polo que non son accesibles.

-¿Que é o que lle atrae tanto da arqueoloxía?
-Gústame sobre todo saber como era cada pobo, as formas de vida e os medios que tiñan para subsistir naquelas condicións. Tamén me fascina coñecer o método de traballos dos arqueólogos, como van extraendo conclusións a partir de determinados achados.

-Dos pobos que coñeceu a través desta colección, ¿cal lle impactou máis?
-A cultura castrexa é a miña preferida. Sempre me chamou moito a atención a súa forma de vivir, mediante a separación de núcleos case familiares. Nunca entendín moi ben como non se constituían en pobos máis grandes, pois a obtención de recursos seríalles máis doada.

0 comentarios: