01 febrero 2011

Heroe ou vítima?

:ecg: | 01/02/2011
Desde o pasado día 17 o busto de Ramón Sampedro xace na praia das Furnas mirando sempre cara ó mar, mais non é quen de percibir o seu encanto coma cando o contemplaba desde a fiestra do seu cuarto. Entón podía impresionarse coa encendida posta do sol, co prateado ronsel orixinado polo continuo vaivén das ondas, co zunido do forte vento ou co tamborileo da chuvia nos cristais os días de temporal. Malia a súa imposibilidade física, interiormente era libre, capaz de deixar voar a súa imaxinación e mergullarse nas limpas e salgadas augas da ría, sentir o morno aloumiño da raiola do sol tombado sobre as finas areas da praia e observar como o ceo descende ata a terra na infinita liña do horizonte. Mar e montaña poderíano elevar ata os máis altos cumes da poesía.

Hai xente tetrapléxica á que a incapacidade física non lle impide ser feliz. Atopamos ás veces outras persoas que non o son a pesar de conseguiren fama, de gañaren cartos a moreas e de gozaren de boa saúde. Disque Sampedro estaba rodeado dunha familia que o quería e o coidaba con agarimo, que non era partidaria de tan desastroso final.

Tamén teño entendido que os seus amigos o apreciaban, pero quizais cun amor tinguido de egoísmo, un amor que consideraba máis importante as ideas que a persoa amada. Eles non souberon, ou non quixeron, facerlle ver o lado positivo da aventura de vivir senón que o utilizaron para loitaren pola súa causa.

Sampedro, máis que un heroe, foi unha vítima.

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Creo que foi ambas as duas cousas: heroe e vítima. Comparto moito deste artigo, case todo. É unha estupenda invitación á reflexión na polémica que hai entre morrer e vivir dignamente. Comparto case todo, agás ese concepto do/a autor/a desa liberdade interior (deixar voar a imaxinación ata os lugares máis idílicos, sen poder moverte da cama). Iso quedoulle moi ben a Amenábar na ficción, máis na realidade paréceme moi frustrante.
Creo que sí, que Sampedro foi heroe e vítima, pero non creo que nunca tivera a intención de ser ese mártir no que agora pretenden converter, nin que se atopase conforme con ese rol.