05 enero 2011

Barbanza vive o día máis máxico

:lvg: | 5/1/2011
A ameaza de chuvia non impedirá que os nenos da comarca teñan a súa ansiada cita cos Reis Magos en carpas, polideportivos e auditorios

Se as previsión de MeteoGalicia non fallan, a xornada de hoxe estará caracterizada pola intensa chuvia. En principio, iso non será impedimento para que os Reis Magos se acheguen ás distintas localidades de Barbanza para saudar aos nenos antes de comezar o reparto dos agasallos polos fogares da comarca. En caso de mal tempo, carpas, polideportivos e mesmo auditorios servirán para cobixar ás Súas Maxestades.

Ribeira
Está previsto que Melchor, Gaspar e Baltasar cheguen á cidade de Santa Uxía ás 17.30 horas. Para a ocasión, preparáronse dez carrozas, que percorrerán as rúas arroupadas por bandas de música, charangas, zancudos e tragalumes. En caso de chuvia, a actividade desenvolverase no auditorio e na carpa instalada á entrada deste edificio.

Noia
Tamén en Noia, a hora máxica está fixada para as 17.30. Será entón cando os Reis cheguen ao paseo marítimo a bordo do Joaquín Vieta. Desde alí, dirixiranse á casa consistorial, onde se instalou unha carpa para que as Súas Maxestades poidan recibir a todos os nenos en caso de chuvia. O programa de actos da localidade complétase cun belén vivinte. A escenificación terá lugar ás 17.00 horas no Campo da Feira.

Boiro
Medio millar de persoas conformarán a comitiva que ás 16.30 horas sairá do núcleo boirense da Madalena en dirección á casa consistorial. As espectaculares carrozas elaboradoras polos veciños de Lampón estará nesta ocasión acompañadas polos grupos Oje Ferrol, Buxaina, Os Armadanzas, Arume, Noitebra e a banda de música local.

A Pobra
En barco, concretamente ao peirao comercial, chegarán sobre as 17.30 horas os Reis Magos á vila pobrense. Desde alí, e acompañados por paxes, mouros, soldados, bandas de música, gaiteiros e pandereteiras, os de Oriente trasladaranse ata o belén instalado na praza Maior, onde se fará a ofrenda. Se chove, as actividades terán lugar no interior do polideportivo da rúa Venecia.

Rianxo
Na localidade rianxeira, as actividades arrancarán coa montaxe do belén vivinte, ás 17.30, estando prevista a ofrenda dos Reis Magos para as 18.30. A continuación, as Súas Maxestades farán un percorrido polo pobo. Se o tempo non acompaña, a recepción será na igrexa.

Porto do Son
Un autobús empezará ás 16.30 horas a recoller aos nenos das distintas parroquias de Porto do Son para trasladalos á zona do Cruceiro. Alí, os rapaces encontraranse con Melchor, Gaspar e Baltasar para, xuntos, ir ata a casa consistorial e seren recibidos polo rexedor local. Como non podía ser de outros xeito, haberá reparto de caramelos e agasallos.

Carnota
A festa en Carnota transcorrerá no pavillón de Lamas. Alí, desde as 17.00 horas haberá xogos, inchables e animación. Os nenos presentes recibirán a visita dos Reis Magos, que sairán ás 17.30 de Lariño.

Outes
Como ven sendo habitual, a cabalgata de Outes partida da praza do Bosque, para percorrer despois diversos puntos da localidade. As Súas Maxestades teñen previsto iniciar a marcha ás 18.00 horas.

Lousame
En cabalos chegarán os Reis a Lousame. Neste caso, o punto de encontro é a praza Teodomiro Hidalgo e a hora, as 17.00. Alí haberá inchables, xogos e chocolate con rosca para todos. Se chove, as actividades serán no polideportivo. O Concello habilitará un servizo de autobús para recoller aos nenos das diferentes parroquias.

Muros
Os Magos de Oriente iniciarán en Laxeiras o seu percorrido pola localidade. Desde alí, dirixiranse ao Curro do Praza, onde se instalará un belén vivinte. Ademais de facer a ofrenda, os Reis aproveitarán para saudar a todos os nenos que se acheguen ao palco instalado no lugar.

Mazaricos
A cita para os nenos de Mazaricos está fixada para as 16.00 horas, no auditorio da casa de cultura. Ata alí achegaranse Melchor, Gaspar e Baltasar. Despois de trasladarlle as peticións de última hora, os cativos terán ocasión de degustar unha chocolatada.

0 comentarios: