02 octubre 2010

Entrevista: Ramón Leis novo director da escola de música de porto do son

:lvg: | 2/10/2010
«Nunca é tarde para empezar, a música non ten límite de idade»
Leis ven de asumir o reto de poñer en marcha unha banda na localidade sonense; de momento, conseguiu un cento de alumnos para a escola.

Traballa impartindo clases de música en Santiago, A Baña e A Pobra; pero Ramón Leis (Serra de Outes, 1973) elixiu Porto do Son, o municipio no que reside, para acadar un importante reto: poñer en marcha unha banda de música. Xa deu os primeiros pasos para conseguilo, púxose á fronte da escola de música, que ven de ampliar o seu número de materias, e conseguiu que preto dun cento de persoas se matricularan para o curso que acaba de comezar.

-¿Que cambios hai na escola de música sonense?
-Ata agora había unha escola de solfexo, guitarra, piano e gaita con tres mestres. A partir de agora haberá catro profesores: un para batería e percusión; outro para piano e acordeón; outro para vento madeira e un cuarto para vento metal.

-E todo co obxectivo de fundar unha banda, ¿cando cre que poderá empezar a tocar?
-Normalmente, unha banda que empeza de cero coma esta tarda entre dous e tres anos en saír, pero a miña intención é que poida ofrecer os primeiros concertos o vindeiro verán. Para iso pretendo recorrer a axuda externa, procedente das outras agrupacións coas que estou a traballar. Deste xeito, os rapaces da escola animaranse a seguir coa música.

-¿Por que este empeño en poñer en funcionamento unha banda en Porto do Son?
-Resido desde hai un tempo en Portosín e vin que aquí existía a necesidade de fundar unha agrupación deste tipo. O primeiro que fixen foi acudir aos colexios para buscar a rapaces que estiveran interesados en participar na escola e conseguir que para este curso se matricularan noventa alumnos. Hai desde pequenos de tres anos ata adultos, xa que non hai límite de idade.

-¿Considera entón que nunca é tarde para iniciarse neste mundo?
-Nunca é tarde para empezar, a música non ten límite de idade. De feito, en todas as reunións insisto en que estaría ben que se sumaran á escola tanto os rapaces coma os seus pais. Eu tentarei poñerllo o máis doado posible para que, en cuestión duns meses, estean listos para tocar. O que pretendo transmitir é que a música non é só unha profesión, senón que é un pracer.

-¿Augúralle un futuro longo a esta escola?
-O que máis me interesa é a formación dos nenos. O primeiro obxectivo é que os chavales gocen e que aprendan a tocar en directo. O que está claro é que para que unha escola de música sobreviva no tempo é preciso ir incluíndo a xente nova, por iso é moi importante que haxa unha banda que faga concertos, para incentivar así ao resto dos veciños. Cando os alumnos cumpren 16 ou 17 anos, soen marchar da banda.

-¿E iso? ¿Perden o interese pola música?
-Non, pero buscan algo distinto. Con estas idades decántanse polo rock, o blues ou o jazz. Por este motivo, na escola do Son imos impartir tamén estas materias e tentaremos que estes mozos sigan con nós, incluíndo no repertorio da banda temas novos.

-¿Cre que ten tirón a música de banda?
-A música con calidade sempre vai gustar. Nos pobos relativamente pequenos coma este, os veciños queren ver unha banda en concerto. Penso que esta tradición vai perdurar no tempo.

-E a nivel profesional, ¿ten saída este tipo de música?
-Sempre, aos músicos non lles afecta a crise, sempre se toca. A música ofrece moitas posibilidades a nivel profesional, desde ser funcionario nunha banda ata tocar nunha charanga ou nunha orquestra, que é moi digno. Pódese vivir da música, pero sempre está a posibilidade de tocar por pracer, pois a música non impide estudar unha carreira, todo o contrario, é compatible con todo aquilo que un se propoña facer.

0 comentarios: