09 noviembre 2010

A pintura atopa espazos en Barbanza


:lvg: | 9/11/2010
Dúas novas exposicións acaban de chegar ás salas de Porto do Son e Boiro, con obras de Estrela Rúa e Marcelino de Santiago, «Kukas», respectivamente.

Barbanza faise eco da creación artística. Proba diso son as diferentes exposicións que abriron recentemente en distintos puntos da comarca. Se a semana pasada se instalaban novas mostras de fotografías e debuxos, hai uns días tomou protagonismo a pintura. Concretamente, con dúas exposicións que se inauguraron en Porto do Son e Boiro, con obras dos artistas Estrela Rúa e Marcelino de Santiago Viqueira, Kukas, respectivamente.

No centro social de Boiro pode verse ata o día 30 a colección Mambruños, obra de Kukas. Unha selección de 13 pinturas ao óleo e acrílico compoñen esta mostra, que brilla polo seu colorido e polas formas cheas de movemento. Destacan os cadros dos bailaríns, os das chalanas e tamén unha serie na que toman protagonismo elementos da natureza, como o millo ou as xunqueiras.

Monicreques

Kukas relata, a propósito da exposición, que de cativo viviu «nunha Galicia gris que o meu maxín convertía nun paraíso cheo de color cando xogaba cos mambruños, pequenos cartóns cheos de imaxes». Kukas fixo a súa primeira exposición aos 13 anos, e desde entón empregou todo tipo de técnicas e formas de expresión artística.

Ademais, desde hai máis de trinta anos dirixe a primeira compañía de teatro de monicreques galega contemporánea, Os Monicreques de Kukas, coa que ten levado as marionetas galegas desde Compostela ata países como Brasil, Grecia ou Xapón.

Pola súa banda, a exposición de Estrela Rúa pode verse na casa de cultura sonense ata o día 30, baixo o título Soedade e libertade. A súa pintura destaca por formas e impresións visuais sereas, cheas de paz, inspiradas na natureza. As árbores, o mar ou os ríos están moi presentes nesta mostra. A artista define a súa obra como «expresionismo figurativo» e destaca a influencia que exerce o subconsciente na visión que un ten do mundo e en como o vive.

Estrela Rúa comezou a expoñer os seus traballos hai 13 anos. Desde entón, ten gañado numerosos premios artísticos a nivel nacional e internacional.

Relacionada
O centro do castro de Baroña acollerá fotografías dos irmáns Mayo

0 comentarios: