24 agosto 2011

La escasez de pulpo deja a la flota muy lejos de alcanzar los topes

:logo-lvg: | Barbanza

Transcorrido mes e medio desde a apertura da veda do polbo, os mariñeiros afirman estar desesperados porque o cefalópodo escasea, ata o punto que a maioría da flota chega a terra cada xornada sen conseguir coller nin sequera a metade do tope establecido, que neste momento está en 30 quilogramos por tripulante e noutros tantos por embarcación.

Un indicador de que hai pouco produto son os movementos rexistrados en lonxas como a de Ribeira, á que acoden a vender as súas capturas mariñeiros de numerosas localidades. O luns, por exemplo, só pasaron pola rula 1.237 quilogramos. Desde que comezou agosto poxáronse 16.450 quilos, cando no mesmo período do ano anterior a cifra roldaba os 20.000.

Prezos históricos

En contrapartida, o cefalópodo está a alcanzar cotizacións históricas. En Santa Uxía, o prezo medio deste mes sitúase nos 7,14 euros, erixíndose como o máis elevado da última década. Na poxa do luns, o cefalópodo logrou un prezo máximo de 9,70 euros e o mínimo foi de 5,40.

O caso ribeirense non é unha excepción, xa que o mesmo está a suceder en rulas como a de Muros ou Porto do Son. No caso muradán, un profesional indicou onte que os prezos se incrementaron un 70% con respecto ao pasado ano. Segundo explicou, a cotización máxima chegou aos 9,60 euros e a mínima non baixa dos 5,60.

Na rula sonense sucede algo similar. O valor máis elevado está nos 8,50 euros e o mínimo é de 5,60. A cotización media rolda os 6,50 euros.

Con todo, os mariñeiros non están en absoluto satisfeitos porque conseguen traer moi poucos quilogramos a terra e, como indican: «De nada serve que se pague tanto se non tes nada que vender».

De feito, en Muros, e segundo indicou o profesional Diego Vázquez, actualmente só hai catro barcos que se dediquen á captura do polbo, cando o normal nesta época do ano é que a cifra superase a vintena.

Outro mariñeiro da área barbancesa expresábase en termos similares ao dicir que sería máis conveniente para o sector que os prezos fosen un pouco inferiores e collésese máis cantidade. Onte, este profesional manifestou que non alcanzaran nin sequera a metade do tope.

Cabe sinalar que en agosto do 2010 houbo cotizacións mínimas de menos de 3 euros.

Relacionadas
«Eu son partidario de que non se faga un ano para ver o que sucede»
«As vedas non se fan con sentido común. Tiñan que ser de tres meses»
Difícil equilibrio

0 comentarios: