10 agosto 2011

«Hai cousas da vida que só se aprenden no seo dun grupo»


:logo-lvg: | Barbanza

Os catro rapaces de Portosín, Comoxo, Noia e Escarabote ven na súa banda unha forma de escape á música de hoxe

Adrián Pérez, Gabriel piñeiro, Nacho carnota y Pedro campos integrantes del grupo musical The Feeling band

Adrián Pérez, teclado, e Gabriel Piñeiro, vocal e guitarra, teñen 15 anos. Nacho Carnota, violín, 16. Pedro Campos, guitarrista, é o maior con 17. Estes catro mozos, conforman o incipiente grupo barbancés The Feeling Band, que teñen como referentes a bandas tan míticas como The Doors ou Led Zeppelin. Apaixonados pola boa música dos sesenta, estes rapaces botan a andar por si mesmos.

-¿Como nace o grupo?
-Pedro Campos: Pois realmente Gabriel mais eu xa tiñamos un dúo, Cachopo Pedro. A raíz do conservatorio, coñecín a Nacho e a Adrián e pensamos que podería estar ben tocar todos xuntos. Agora xa levamos case medio ano co grupo, desde xaneiro.

-¿Foi por casualidade?, ¿houbo problemas para facervos co mesmo estilo?
-Gabriel Piñeiro: Non, Pedro e eu escoitamos rock dos sesenta e setenta. Nacho é máis clásico e a Adrián vaille moito o heavy (rinse), pero non lle supón atrancos, ten un espectro musical moi amplo e xa se adaptou.

-¿E como se fusiona un violín co voso estilo?
-[G. P.]: Temos aquí o exemplo, ¿querelo oír? É unha balada nosa, I want to tell you. O violín é un instrumento máis, adáptase facilmente.

-¿Por que o inglés para o nome a os temas do grupo?
-[P. C.]: Porque a música que escoitamos xa nos fai crear cancións en inglés. Eu anímoos a facelas en galego pero non hai forma. Facer rima en galego é moi complicado.

-¿A soltura na lingua anglosaxona de onde provén?
-Adrián Pérez: A base é a do instituto e logo ampliámola escoitando música en inglés. Oímola desde cativos, polo que tamén somos algo autodidactas. Ademais, temos a Juan Calo, amigo de Pedro, que é coma un membro máis porque nos corrixe as letras e a pronunciación.

-¿Canto tempo ensaiades?
-[A. P.]: Co grupo, dous ou tres días á semana. Individualmente ninguén nos quita as nosas dúas horas diarias. Durante o curso sempre é algo menos, pero intentamos mantelas.

-¿Xorden disputas no grupo?
-[P. C.]: Eu provócoas, pero ninguén mas segue (todos rin).

-¿E isto a que se debe?
-[P. C.]: Para algo son o xefe (escachan á risa). Non, débese a que se non os chamo eu para ensaiar pasan o día na praia. Eu penso que, se temos un grupo, hai que ser máis serios.

-¿The Feeling Band podería despegar da comarca?
-Nacho Carnota: Hai algún tema que si e, respecto a algúns grupos cremos que temos cancións mellores, pero todo depende da aceptación do público.

-¿Mudaríades o voso estilo para acadar máis influencia?
-[P. C.]: Non somos ovellas. Non vamos ao fácil de facer música actualmente e non queremos cambiar porque temos á familia, aos amigos e a moita outra xente que nos segue.

-E tamén a moitas grupis...
-Todos: Si, moitas (ríndose)

-¿Que é para vos o grupo?
-[G. P.]: Conseguir que a música transporte a un lugar idílico. Queremos facer rock lento para facer sentir, de aí o noso nome.
-[N. C.]: A forma de fusionar, nas cancións, as nosas personalidades, sentimentos e ideas.
-[P. C.]: Unha forma de conseguir que o que facemos diga algo, teña sentido. Non sei se o conseguimos pero intentámolo.
-[A. P.]: É unha vivencia didáctica. Hai cousas da vida que só se aprenden no seo dun grupo.

0 comentarios: