04 abril 2011

Case 90 millóns para mellorar a reciclaxe nos concellos nos próximos cinco anos

:ecg: | 04/04/2011
Novo convenio entre a xunta e ecoembes para promover a recollida selectiva de lixo

En datas recentes a Xunta de Galicia firmou un novo convenio con Ecoembalajes España (Ecoembes), unha empresa dedicada á xestión dun sistema de recollida selectiva, recuperación e reciclaxe de envases lixeiros e de papel e cartón.

Na firma do convenio, presidida polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, acompañado polo secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito; o director de Ecoembes, Antonio García Zarandieta; e a subdirectora xeral da sociedade de reciclaxe, Carmen Sánchez, explicouse o seu contido, xa que suporá unha achega de 85 mi- llóns de euros para promover a reciclaxe nos concellos galegos nos próximos 5 anos e supón unha achega de 16,9 millóns de euros anuais aos distintos axentes intervinientes no proceso de selección e valorización.

Desta cantidade, 6,7 millóns, é dicir, o 40%, irá directamente dirixido aos concellos. Importe que poderá chegar aos 7,8 millóns de euros grazas ás bonificacións en caso de que os impropios (residuos distintos aos envases que se depositan nos contedores de recollida selectiva) estean con carácter xeral por debaixo do 30%. Estas partidas destinadas aos concellos experimentan un incremento respecto ao acordo anterior de 279.000 euros anuais.

Os importes achegados aos distintos beneficiarios poden consultarse con detalle na infografía que ilustra esta reportaxe.

concellos adheridos

Na actualidade, e ao amparo do vixente convenio marco, existen 293 acordos de adhesión que afectan a 308 concellos, dos 315 galegos. Isto supón unha poboación de 2.786.670 habitantes. Todos eles teñen implantada a recollida selectiva de papel e cartón pero non de envases lixeiros.

Por unha parte, aos concellos que teñen implantada unha recollida selectiva para envases lixeiros, que son 290, Ecoembes págalles directamente en función da cantidade e calidade de envases lixeiros que se recollan nos colectores específicos. Por outra parte, están os concellos que teñen implantada unha recollida selectiva da fracción orgánica pero non de envases lixeiros, que son 18. Neste caso, os envases lixeiros recupéranse nas plantas de selección a partir da recollida da fracción seca ou inorgánica. Ecoembes paga pola cantidade de envases que se recupera nas plantas de selección, non aos concellos senón aos xestores das respectivas instalacións.

A provincia galega da Coruña lidera a recuperación de envases lixeiros e papel. Participan 93 dos 94 concellos coruñeses -só queda fóra Mesía- sumando unha poboación de 1.143.540 habitantes. No 2010, A Coruña foi a que máis quilos achegou para reciclar, tanto de lixeiros como de cartón, cun total de 29,6 millóns de quilos. Destes, 11,4 millóns eran de envases lixeiros e 18,2, de papel e cartón.

Unha novidade do actual convenio firmado entre a Secretaría Xeral de Calidade e Ecoembes é que dá cobertura á práctica totalidade de Galicia, financiando a recollida e reciclaxe dos envases lixeiros e parte do papel e cartón que os cidadáns e empresas depositan no lixo. Cabe destacar que grazas a estes acordos, en 2009, o 99,1% da poboación tivo acceso á recollida selectiva de envases lixeiros, e o 99,2% no caso de recollida de papel e cartón.

Para acadar estes propósitos o convenio contempla cinco mecanismos:

• Engádese un reforzo positivo mediante bonificacións aos concellos pola boa calidade da recollida. Esta bonificación conseguirase reducindo a porcentaxe de impropios, é dicir, residuos botados no colector inadecuado. • Incorporación dun procedemento para verificar a calidade do servizo de recollida selectiva. • Mecanismos de control da calidade do material que entra nas plantas de selección • Incremento da efectividade das plantas de selección e diminuír o rexeitado que non se recicla. • Aumento dos fondos de comunicación e promoción nun 22%, para unha maior sensibilización.

Dende o punto de vista económico, Ecoembes comprométese a financiar o extracusto que supón a recollida selectiva de envases respecto da recollida tradicional de residuos. Deste xeito, o ente achega ás entidades locais os custos adicionais nos que incorren pola recollida selectiva e transporte de papel-cartón e envases lixeiros. En Sogama, financia os custos derivados da selección de envases e a valorización enerxética dos mesmos. Nas plantas do Barbanza e Nostián, faise cargo dos custos da recollida e selección do material que recuperan nas súas instalacións.

Coas novas medidas contidas no convenio recentemente asinado os concellos galegos verán incrementados os seus ingresos pola recollida selectiva de envases lixeiros nun 3,3% e por papel e cartón, un 8,9%, cantidades que se poderán incrementar no caso de ter porcentaxes de impropios por debaixo do 30%.

No caso dos impropios nos colectores amarelos, os últimos datos indican que só a provincia de Pontevedra acadou unha media nos seus concellos por baixo do 30% -29,6, concretamente-, mentres Ourense e A Coruña superaron a cifra, cun 31,3 e33%, respectivamente, e un pouco máis no caso de Lugo, cun 36,7% de impropios.

Plan de Xestión de Residuos Urbanos 2010- 2020

O novo convenio vai ser un dos instrumentos esenciais para acadar os obxectivos de reciclaxe de envases previstos no Plan de Residuos Urbanos de Galicia, PXRUG, 2010- 2020.

O obxectivo previsto neste plan para os envases lixeiros é incrementar a cantidade da recollida selectiva, pasando das 12.063 tm actuais a 25.280 tm no 2015, ano que coincide co fin da vixencia do convenio que se asinou entre a Xunta e Ecoembes. No caso do papel-cartón, o obxectivo neste mesmo espazo de tempo é incrementar os actuais niveis de recollida selectiva neta, pasando de 46.524 tm a 75.559 tm.

O PXRUG dedica unha das súas dez liñas estratéxicas, a liña 4, ao Fomento da Recollida Selectiva da Fracción Envases, cuxos obxectivos son: aumentar os niveis de recollida selectiva ata as cifras xa referidas, reducir os impropios ata un máximo do 25%, aumentar a eficacia das recollidas, reducindo o consumo enerxético e as emisións atmosféricas asociadas, e corresponsabilizar a empresas e grandes xeradores, como as zonas turísticas, na recollida e recuperación destes materiais. Dende o Goberno galego prevese un plan de mellora das recollidas selectivas, unha potenciación das recollidas comerciais segregadas e o fomento da recollida selectiva en zonas turísticas.

Cómpre sinalar que no ano 2009 a reciclaxe de envases lixeiros, incluíndo tanto os procedentes da recollida selectiva de envases coma os recuperados nas plantas de Sogama, Nostián e Barbanza, e os procedentes de recollidas específicas en industrias ou comercios, sumou 31.705 tm. No caso do papel-cartón, no ano 2009 recicláronse 51.695 tm, das que Eco- embes pagou o 40% (20.678 tm), que é a cantidade que se estima que son envases de papel-cartón responsabilidade do sistema integrado de xestión. O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 fixa como meta acadar o 50% de valorización material total de envases lixeiros no 2020, chegando ás 79.981 tm.

Para lograr este propósito, a Xunta mellorará a calidade das recollidas selectivas na forma establecida no convenio e no Plan e poranse en marcha as novas plantas para a recuperación de envases. Concretamente, está prevista a posta en funcionamento de dúas plantas para recuperar envases da fracción resto, nas que se recuperarán os envases que non se recollen selectivamente e que van xunto cos residuos en masa.

Trátase dunha planta de selección da fracción resto no Complexo Medioambiental de Cerceda, e outra das mesmas características no novo Complexo de Tratamento de Residuos Urbanos do Sur. Ademais, poñeranse en servizo dúas plantas específicas de selección automática de envases lixeiros, unha no mesmo Complexo de Tratamento de Residuos Urbanos do Sur e outra adicional, sen localización específica, a cal se desenvolverá en función do incremento da recollida selectiva.

PXRUG 2010-2020

obxectivos. Tal e como se recolle no documento de síntese, o plan establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara a un novo escenario máis sostible. Así, ademais de prever as infraestruturas que serán necesarias segundo as previsións feitas para o ano 2020, a maior parte das actuacións propostas teñen como público obxectivo a cidadanía en xeral e o territorio. As particularidades do territorio galego (dispersión, multiplicidade de entidades poboacionais, estruturas organizativas, etc.) tamén se tiveron en conta á hora de deseñar o modelo de xestión e a súa loxística, tanto no que se refire aos modelos de recollida propostos, como á descentralización de infraestruturas de tratamento en función da fracción e das posibilidades tecnolóxicas de tratamento para cada unha delas.

Unha empresa dedicada á recliclaxe

Ecoembalajes de España-ecoembes. É unha sociedade anónima sen ánimo de lucro creada no ano 1996, constituída como entidade xestora do Sistema Integrado de Xestión de envases e residuos de envases. Conta con máis de 12.000 empresas adheridas en toda España, das que 600 corresponden a Galicia. Os concellos participan neste sistema mediante un convenio marco coa Administración autonómica, no que se establecen as condicións xerais para aplicar en todos os municipios que, voluntariamente, opten por adherirse a dito convenio. En 2009, grazas á colaboración de cidadáns, concellos e autonomías, recuperáronse máis de 1,3 millóns de toneladas de envases lixeiros e de cartón e papel.

O actual convenio é o terceiro asinado entre a Secretaría Xeral de Calidade e Ecoembes, xa que o primeiro se firmou en 1999, sendo renovada a autorización en 2005.

0 comentarios: