18 diciembre 2009

A popularización do fútbol nas vilas do Barbanza

A partir da primeira década do século XX, o fútbol, que nas cidades conta xa con clubs consolidados como o AC Bilbao (fundado en 1898), Barcelona (1899), Madrid FC (1900) ou Deportivo (1906), comeza a coñecerse tamén por vilas e pobos. É neste momento cando se empeza a popularizar nos principais núcleos do Barbanza.

Nos anos dez do século XX, xa en Noia, cabeceira de partido xudicial e principal vila da bisbarra, se practica fútbol de xeito organizado. Segundo recollemos na prensa da época, en 1911 fundárase o pioneiro España FC, e pouco tempo despois, tras a desaparición deste, o Galicia Invencible e o Infernal, fusionados rematando a década no Sporting Club.

O escenario daqueles primeiros entusiásticos e rudimentarios encontros futbolísticos celebrados na bisbarra será o irregular campo do Triquinay, que desaparecerá sacrificado en favor dunha praza de touros. Esta perda, xunto á marcha de varios xogadores do Sporting Club, abrira unha breve crise no fútbol noiés, resolta, xa nos anos vinte, coa creación de dous equipos, El Ideal Gallego FC, e o Noya FC, e a inauguración dun novo campo en terreos cedidos por José Varela de Limia, vizconde de Santo Alberto. A fusión de ambas entidades, promovida por Javier López Medina na primavera de 1926, comportaría a creación dun novo e máis potente equipo, a Unión Deportiva.

Eran os tempos de xogadores como Hermoso, Carreño, Martínez, Rubio, Molina, Tatín, Roura, Leoncio, Amador, Sarmiento, Oviedo, Abeijón, Allut, Pestonit, Louro, Bravo ou Salanova. E de entusiastas promotores como Santiago Carballal, Severiano Leiceaga, Gabriel S. de Lamadrid, ou o referido López Medina, entre outros.

O exemplo esténdese

Seguindo o exemplo de Noia, e mirando tamén cara á veciña Vilagarcía, berce dun fútbol fraguado en partidos contra mariños da armada inglesa, irán aparecendo equipos no resto das vilas do Barbanza. Farano nun momento no que este deporte adquire relevancia, tras acontecementos como a prata olímpica da selección española en Anveres (1920), a disputa en Vigo da final do campionato de España entre o Barcelona e o Real Unión de Irún, ou a estrea da selección galega (ambos en 1922).

Polas crónicas periodísticas da época sabemos da existencia de clubs como o Pirelli, de A Pobra do Caramiñal, que aliña a rapazotes como Casal, Nicandro, Lorenzo, González, Hermida, Real, Salvador, Lijó, Vizcaya, Del Río, Santos, Alfonso Abalo ou os irmáns Barreras, entre outros. Do Barraña SC, de Boiro, con Dieste, Ramón Sánchez, os irmáns Fajardo, Julián Carreño, Hermida, Gerardo Piñeiro, Xambella, Rogelio Stone, Crusat ou Luís Casais. Do Riveira FC, de Sarasquete, Lucrecio, Alejos, Ricoy, Arca, Tino, Peña, Colomer, Moraña. Do Rianjo SC, de Insua, Noya, Losada, Tubío, Rodríguez, Núñez, Iglesias, Sixto, Rañó, Alcántara. E tamén do Atalaya FC, de Porto do Son; da SC Serrana, de Outes; do infantil Escolar, de Palmeira, e dalgún equipo máis.

Os recursos destes clubs, coas lóxicas diferenzas, eran moi limitados ou nulos, quedando nas mans e petos de xogadores e directivos o seu funcionamento. Os campos eran inseguros e perigosos, polo xeral simples descampados sen as mínimas condicións para a práctica deportiva, que os clubs conseguían en cesión municipal ou en aluguer a particulares.

Cabío e A Devesa, en A Pobra do Caramiñal; Barraña, en Boiro; o campo das Flores, en Frións-Ribeira; Santa Lucía, en Rianxo; Aguieira, en Porto do Son, ademais dos do Triquinay e San Alberto, en Noia, son os terreos onde se xuntaban os equipos en disputa dos seus partidos.

Dureza

Os xogadores, ao igual que os árbitros, salvo contadas excepcións, carecían de destreza e hábito de competición, provocando que a dureza e os comportamentos antideportivos predominasen naqueles embarullados partidos de patadón cara adiante. E aínda que o habitual era que os encontros fosen ocasións para confraternizar cos pobos veciños, tampouco eran estrañas as pelexas ou que as expedicións visitantes foran despedidas a pedradas.

Pese a todo, no transcurso dos anos vinte, o fútbol seguirá popularizándose, chegando a disputarse no verán de 1926 o Campionato do Partido Xudicial de Noia, que, tras a renuncia do Barraña, xuntaba no campo noiés de Santo Alberto o Ribeira, Pirelli, Atalaya e a recén creada Unión Deportiva, de Noia, que acabaría proclamándose campioa.

Xa encarando os anos trinta, o fútbol prosegue a súa crecente expansión nas localidades do Barbanza, coa creación de novos equipos, incluso en poboacións modestas como Bealo, Escarabote, Carreira, etc. Por outro lado, o fútbol noiés vai dar neste momento un salto de calidade ao federarse en 1928 na denominada Serie B (Grupo 2º). Creo, Paisal, Mella, Guillermo, Máximo, Fernando, Peri, Tapias, Bravo, Rubiche, Peldevé, entre outros, integrarían o plantel daquel Noya FC, presidido por Germán Vidal, que acabaría proclamándose campión da liga.

Todos aqueles equipos foron representantes dun fútbol imberbe, cativo, practicado con máis peito ca ideas en campos imposibles, pero que, con todo, achegaría ás vilas e aldeas do Barbanza dos albores do século XX un pequeno refacho do espírito moderno que encarnaba a práctica deportiva.

La Voz de Galicia 18/12/2009

0 comentarios: