13 mayo 2012

A poetisa que nunca esqueceu Beneso


:logo-lvg: | Barbanza

¿Que foi do legado de Áurea Lorenzo Abeijón?

Emigrou con 18 anos e só volveu no 1975; os seus familiares gardan o recordo inmaterial

Nas derradeiras cartas que Áurea Lorenzo Abeijón (Beneso, Porto do Son, 1905 - Buenos Aires, 1995) lle enviaba dende América á súa irmá Enriqueta, dicíalle que, cada día, pensaba en volver a Galicia. A ese lugar que lle chamaban (e lle seguen chamando) A Hortiña, en Beneso, nunha aba do monte Iroite, preto do mar. Marchara con 18 anos da casa natal e só volvera no 1975. Por iso quería facelo de novo. Non puido ser. Ou si, se se ten en conta a dozura coa que lembran os seus logo daquela visita. Eles gardan o recordo.

Na casa onde ela nacera, rehabilitada hai xa moitos anos e hoxe en día sinalada co número 35, Rosa Vila Queiruga abre a porta un xoves, sen terlle avisado. Pregúntaselle se esa é a vivenda na que viñera ao mundo Áurea. Di que si. Ela é sobriña política. «O meu home, Antonio, era sobriño dela», explica. Amable, conta que garda a reedición do seu poemario Queixas, feita no ano 2004. Amosa o autógrafo da responsable da investigación e edición, a sonense Aurora Marco. Ten o libro repasado, «aínda que agora xa non podo moito».

Rosa senta nunha pedra para buscar nas páxinas a fotografía das súas tres fillas con Áurea Lorenzo, Aurita, durante aquela visita do 1975. «Viña aquí e ía tamén á casa de Enriqueta, en Tara. Enriqueta xa morreu. Tiña 98 anos. E Luisa [outra irmá de Áurea]», lembra Rosa. O seu home tamén faleceu. Pero ela conserva os recordos. Non hai moito máis legado ca este inmaterial do sentir. Da América non volveron chegar novas dende un 31 de decembro de hai moitos anos e nada do que ela tivo aló puido volver á terra que a vira emigrar. Nin sequera a familia ten datos claros sobre o ano de falecemento, aínda que se sitúa arredor do 1995. «Cando se lle fixo este libro, ela xa morrera», confirma a súa sobriña política.

«Tería que ser en vida»

«Marchou moi noviña», di Rosa, e logo pasa a recitar uns versos dela: Cando collín o fardiño e baixei as escaleiras... Di que cando ela era moza tiña moi boa memoria e que esas poesías «que veñen aquí no libro» xa lle soaban. Queda vivo José María, sobriño da poetisa, así como as fillas de Rosa, é dicir, sobriñas netas. Dominga é un delas. Pouco máis. A reedición de Queixas no 2004, coa conseguinte investigación da súa vida e obra por parte de Aurora Marco, en colaboración co Concello de Porto do Son, foi, en boa medida, a homenaxe que tiña máis que merecida. Pode atoparse nas librerías da comarca. Rosa asistiu á presentación do libro. Cre que a Áurea habería que terlle feito actos de recordo en vida. «Don Julio, un cura que estivo aquí moito tempo, quixera traela a Galicia, pero daquela xa era moi maior, e preferiu non vir dende tan lonxe».

Áurea Lorenzo ten unha rúa co seu nome en Portosín (paralela á Avenida da Constitución). Aínda non está dada de alta, pero si foi aprobada en pleno. Será un recordo na súa terra natal.

0 comentarios: