27 mayo 2012

Barbantia acada 75 suplementos acompañada por Rexina Vega

| Barbanza

A escritora de Vigo presentou a novela «Dark butterfly»

Barbantia viviu o venres todo un acontecemento, como foi chegar ao número 75 do suplemento que publica en La Voz de Barbanza: sete anos e medio de existencia da publicación. Fiel ao costume que se implantou cando empezou a andaina da entidade e o periódico, o último venres de maio, antonte, foron convocados os socios e o público en xeral na Tenda Escola Deán, pois, ademais de presentar o suplemento, comparecía así mesmo a escritora viguesa Rexina Vega, para dar a coñecer a súa última obra, Dark butterfly, publicada por Xerais.

Amparo Cerecedo, presidenta da Asociación do Pequeno Comercio da Pobra, sinalou que tanto ela como a súa directiva estaban encantados de colaborar coas actividades culturais; agradeceu a Xerais, Libraría Ler, La Voz de Galicia e Barbantia a súa presenza na Tenda Escola e convidou a repetir este tipo de iniciativas no futuro.

Por parte de Xerais Edicións, o seu director, Manuel Bragado, falou da autora e da obra que se presentaba. Anunciou que o seu libro anterior, Cardume, co que Rexina Vega gañou o Xerais do 2007, xa foi traducido ao castelán. De Dark butterfly, apuntou que foi cualificada como novela heroica por parte da crítica, e que se trata dunha historia dura, pero romántica, que ten unha aparente sinxeleza, pero que non é tal. Engadiu que se trata dun libro vivo, vertebrado, de sangue quente. Tamén desvelou que está escrito en primeira persoa, detalle que cualificou de valente. Bragado avogou porque a lectura forme parte da axenda dos cidadáns e que os libros saian dos espazos convencionais, como estaba ocurrindo na Tenda Escola Deán.

Ecosistema delicado

Agustín Agra, en representación de Barbantia, empezou a súa intervención sinalando que «a cultura galega é un ecosistema moi delicado, con poucos elementos e en perigo, por iso este tipo de actos son moi importantes. Construír é difícil, destruír é doado», sinalou antes de referirse ao fito de acadar os 75 suplementos de A Voz de Barbantia «que achega e dá voz a moita xente».

O tamén escritor, apuntou que Rexina Vega é doutora en Filoloxía, profesora da Universidade de Vigo, especialista en Cunqueiro, tradutora, crítica literaria e que, ademais, sempre quixo ser escritora. Agra dixo que o argumento de Dark butterfly ten a súa orixe nunha irmá de Rexina Vega que era esquizofrénica e que morreu. Da novela, explicou que é unha metamorfose, un camiño irreversible dende que se entra no sanatorio; unha denuncia social, porque censura o desprezo, o tabú sobre os enfermos mentais: «É unha novela arriscada, chea de dor e de como fuxir del».

A preguntas de Agustín Agra, Rexina Vega explicou por que lle puxo o título en inglés. Sinalou que a bolboreta negra pretende representar a loucura, a morte, que é a metáfora central da novela. En canto ao enunciado en inglés, «porque o engano mental emprega a linguaxe para fuxir, inventa linguaxe», engadiu a autora de Vigo.

Tamén se interesou Agra pola escrita en primeira persoa: «Porque é ficción, senón sería máis caótica, máis fragmentaria, pero non é unha novela autobiográfica, nin tampouco para facela en terceira persoa», aclarou Vega.

O socio de Barbantia indagou da escritora se hai sentimento de culpa en Dark butterfly e Rexina dixo que supoñía que todo o mundo ten sentimento de culpa cando morre alguén querido, e máis se é un enfermo mental: «O enfermo mental acaba destruíndo as familias. As familias constrúen un escudo para defenderse do enfermo», manifestou a creadora.

Entre as fontes que empregou na novela, sinalou a Alejandra Pizarnik, que padecía un trastorno límite de personalidade; a Silvia Plath, que sufría un trastorno bipolar; e a Héctor Vallés, entre outros.

Como vén facendo Barbantia nos seus actos mensuais, para completar a cita coa cultura interveu en directo a mezzosoprano Lucía Vázquez, interpretando L? aura che spira, da ópera Giulio Cesare, de Haendel.


Related Posts:

  • «Casa da Gramática», Eva Veiga e Paola García gañan os Sereos:logo-lvg: | Barbanza Os premios de Barbantia van ser entregados en Noia o vindeiro sábado OS TRES GALARDOADOS Pintora Nada en Santiago, Paola García Paz reside en Boiro, a onde chegou de nena coa súa familia. Seu pai, Ra… Read More
  • Barbantia afronta a súa sétima tempada cultural :logo-lvg: | Barbanza Os premios sereos que entrega a entidade cambian de imaxe e incorporan unha figura elaborada por Sargadelos A Asociación Cultural Barbantia abriu a súa sétima tempada o venres pola noite cunha tripla p… Read More
  • Fin de semana cultural y solidario de Barbantia:logo-lvg: | Barbanza Ajetreado fue el fin de semana para la gran familia de Barbantia. Tuvo, como siempre, una gran carga cultural, pero en esta ocasión estuvo también aderezado con una pizca de solidaridad. Arrancó en Rianx… Read More
  • Barbantia encheu Noia de cultura :logo-lvg: | Barbanza A entidade entregou os premios Sereo e presentou o Anuario de Estudos do Barbanza Como dixo Xesús Laíño, presidente da Asociación Cultural Barbantia, Noia é a segunda casa de todos os que forman parte … Read More
  • Pepe Agrelo (V):logo-lvg: | Barbanza Como cada ano, eiquí estou a lembrarche, camarada, sempre ao redor do 21 do mes de Santos no que te despediches dos que andabamos a rondar polos recunchos do hospital de Compostela. Non traio boas novas … Read More

0 comentarios: