12 julio 2011

Inés Abad Lamas: «Móvenme as emocións e plásmoas mediante o colorido»


:logo-lvg: | Barbanza

A artista, que expón a súa obra na casa de cultura sonense destaca a capacidade do mar para transmitir sensacións

Inés Abad iniciouse, fai vinte anos, no mundo pictográfico da man dun pequeno taller de pintura. A súa carreira dedicouna a estudar a especialidade de deseño de interiores así como tamén abrangueu o deseño gráfico e o ámbito da publicidade. Pese a todo, a súa verdadeira paixón é a pintura en óleo. Mostra disto é a recente exposición que ofrece no Concello de Porto do Son, onde segue a manter o seu trazo máis característico: o uso dunha liña intimista plasmada sobre o lenzo.

-¿Que se ofrece na súa última mostra pictórica?
-Nesta última exposición hai unha secuencia de diferentes e variados puntos de vista marítimos aínda que tamén trato, pero minimamente, o tema figurativo. Xogo moito co uso do colorido dunha mesma gama cromática, usando máis a brocha que o que é o pincel en si, porque considero que da máis representación ó cadro. Por isto, o que en maior medida se vai a ver son temas costumistas, propios de Galicia, que ademais aquí, en Portosín, enlazan moi ben.

-Os temas marítimos, imaxes de barcas e rías, sempre son moi recorrentes nos seus cadros...
-O mar e a montaña son temas que me apaixonan, tanto pintar todo o que teña que ver co marítimo como coas paisaxes de interior. Neste caso a temática, ó ir de acordo coa vila costeira na que se expón, é basicamente de mar aínda que tamén os hai portuarios. Ademais, esta vez fixen moito uso do esmalte e noutros, aínda que menos número, usei o óleo.

-¿Que alberga o mar que lles inspira a todos os pintores?
- Pois, por explicalo dunha maneira moi simple, pero que é a realmente correcta, para min o mar é como a vida mesma. Eu no mar é onde atopo o reflexo do sentimento de tranquilidade, da sensación de reflexión. O mar chega a transmitirme as distintas situacións que se dan na realidade: a vida cotiá, a serenidade... é todo aquilo que podo proxectar na vida, no meu día a día. Ademais, eu pretendo escapar sempre do urbanismo para trasladarme a paisaxes onde creo que me podo atopar a gusto realmente e eu, esa esencia, atópoa no mar e no mundo rural.

-Ademais, as súas imaxes sempre son moi simples ¿isto é en beneficio do seu público ou seu?
-Non, non quero ser egoísta pero eu non penso no espectador, nun primeiro momento. Polo que me guío eu, primordialmente, son polas primeiras sensacións. A emoción que teña nun determinado momento ou o recordo que me chegue de vivencias e experiencias pasadas. Son cousas que precisas plasmar en momentos precisos e claves, pasando a ser o visitante a persoa que saca logo as súas conclusións ao velo. Este non se queda sen participar, tamén o fai. Eu pinto o que considero destacable nun intre e logo será el o que quite conclusións ao velo.

- ¿Opta por mesturar sempre o real co abstracto?
-Si, a min o que me move moito son as sensacións. Móvenme as emocións e plásmoas mediante o colorido, con diferentes tonalidades. Cada gama cromática pode xerar un sentimento distinto, en cada persoa, polo que eu non lle chamaría pintar en abstracto senón pintar usando o expresionismo.

-Entón ¿en abstracto puro nunca se plantexou pintar?
- Non, nunca. Pintar totalmente en abstracto, en abstracto puro, é algo que non me motiva nin me interesa.

-¿E mudar de estilo? ¿Cambiar, por exemplo, o óleo e pasarse á fotografía?
-Non, eu realmente estudei deseño de interiores e márketing afincado no ámbito da publicidade como, por exemplo, nas imaxes corporativas dunha empresa, pero son temas que se compaxinan sen ter que chegar a tomar a decisión ou a medida de cambiar totalmente de ámbito. Quizais como xa uso outras técnicas para estas labores sexa polo que non me chama mudar de ámbito no resto de facetas, na pintura.

-¿Non son estes dous ámbitos de traballo moi dispares aos que dedicarse?
-Para min non. Son distintos á hora de compaxinalos pero a súa relación atópase na proximidade que albergan, a de estar sempre traballando. Claro que non é o mesmo elaborar unha marca que pintar un cadro pero ao fin e ao cabo é sempre estar creando. Estou sempre a imaxinar, plasmar e aportar sentimentos e ideas para terceiros.

0 comentarios: