09 julio 2011

«Lembro unha rapaza que despois de dous anos na Creba, un día sorriu»


:logo-lvg: | Barbanza

Santiagués de nacemento, Ramón Girón síntese un barbancés en toda regra. Xa de neno pasaba en Noia os veráns, pois parte da súa familia materna vive nesta vila. Estudou menciña e, ao rematar a carreira, decidiu volver a Barbanza e traballar no centro médico noiés.

Doutor moi querido na vila, non dubidou en colaborar coa asociación A Creba en canto llo pediron. Pola súa profesión e polas circunstancias de familiares próximos, sempre sentiu curiosidade polas enfermidades mentais. Cando se comezou a involucrar nos primeiros proxectos, tiña especial interese en conseguir o obxectivo primordial da asociación: «Tentar cubrir todas aquelas áreas que nós pensamos que son dereitos das persoas e que a Administración pública non abarca».

Girón leva oito anos á fronte da Creba. En breve rematará o seu mandato e será substituído por Susana Luengo. Pero non dubida nin por un segundo en seguir vinculado cos que el considera parte da súa familia e que cada día lle achegan felicidade e satisfacción.

Considera que pasar un momento cos enfermos mentais permite «entender o afortunados que somos e sorte que teñen as nosas familias; temos que entender que os enfermos o son porque se negan a recoñecer o que lles pasa. O papel das familias tampouco é sinxelo, deben asumir e comprender que o futuro cambia para todos».

Recompensa ao seu traballo

Aínda que leva toda a vida exercendo como médico, Ramón asegura que as satisfaccións e os beneficios que lle dá a asociación non os logra co seu traballo no centro de saúde. Na súa memoria quedan gardados recordos que nunca esquecerá: «Lembro unha rapaza que despois de dous anos na Creba, un día sorriu. Foi un gran día, significaba o comezo do traballo, da súa recuperación. Hoxe en día ela traballa con nós, axuda á integración de persoas que están na mesma situación na que se atopou ela fai moitos anos».

Moitas das evolucións dos pacientes pódense apreciar nos diferentes talleres nos que participan. Dende fai dous anos un profesor do municipio, Manuel Torres, está realizando un taller de cine cos rapaces da Creba que ten por finalidade a realización dun corto. Cando Girón observou o traballo desenvolvido quedou atónico: «Ver como rapaces que son incapaces de mirarche aos ollos de maneira continuada ou que non queren falar, se poñen diante dunha cámara e son capaces ata de contar un chiste en inglés faiche sentir que o teu traballo xunto co dos demais ten os seus froitos».

Ademais de realizar talleres nos que os usuarios exercitan a mente, na Creba tamén se desenvolven actividades físicas para que os músculos non se lles agarroten e sigan mantendo unha forma física que «favorecerá a súa pronta recuperación». Unha vez á semana, unha mestra cubana dálles clases de baile: «A algún dos que lles custa levantarse, cando soa a música non parecen os mesmos».

Tamén existen momentos complicados, nos que os pacientes non responden aos tratamentos como se esperaba: «Entón tomas unha decisión difícil, pero tentamos non asumilo coma un fracaso. A realidade é tozuda e, moitas veces, imponse». Hai momentos nos que os problemas desbordan a un, é por iso que Ramón se refuxia «no seu traballo no centro médico».

Para el, tamén é un lugar axeitado para os momentos de relaxación, o recinto que ten a propia asociación A Creba, pois a el e aos seus colaboradores custoulles moito suor e algunha que outra bágoa conseguilo. A Girón gústalle sentarse no xardín do edificio: «Antes desde aquí víase a ría».

56 anos
Médico de familia

Recuncho
Os arredores da asociación A Creba: «Antes desde aquí víase a ría».

Girón deixará o seu cargo de presidente da asociación A Creba o vindeiro mes de setembro, sen embargo seguirá traballando para lograr todos aqueles proxectos que ten en mente. Un dos que lle quita o sono é construír unha residencia «porque hai pacientes que necesitan atención as 24 horas do día e moitos outros, cando chegan a unha idade, non teñen ningún familiar que se poida facer cargo deles ou atendelos como o necesitan».

A finalidade de todos os seus esforzos é que «existan os suficientes centros para que todos os cidadáns reciban a axudan necesaria e sexan capaces de reinsertarse na sociedade sen miramentos».

0 comentarios: