12 julio 2011

O credo alcaldil

:logo-lvg: | Barbanza

Aque moitos chaman a «dama de ferro» á española, o mesmo que a tortilla con patacas, ironizou con retranca galega dos moitos cartos que o concello de Madrid tiña cando o seu alcalde lle comentou que ía facer moitas obras, mentres que ela, como presidenta da comunidade madrileña, dixo que non tiña nin un «puto duro» -dos de antes, se entende-. Coñecido é que non son ben levados pero, amais, teñen unha concepción da política moi distinta. Quédome coa de Esperanza Aguirre e coa que está amosando Núñez Feijoo.

Facer obras é o credo do alcalde, obras visibles e que perpetúen no tempo para mais gloria de hoxe e a título póstumo. Non serve calquera outra actuación que, aínda tendo máis utilidade para o común da cidadanía, non luce e pronto se esquece.

Por iso, nin sequera a crise domea. ¿Quen se lembra, poño por caso, da inquedanza que tiña Herminia Pouso, concelleira en Ribeira e tesoureira no concello de Porto do Son cando o apagón analóxico da televisión?. Lembrámonos uns poucos e moitos o descoñecen, pero este tipo de actuacións son as que engrandecen aos bos políticos.

No argot da política é moi habitual ler ou escoitar o alardeo de que tal ou cal obra pública custou moito diñeiro, como se gobernar ben sexa medible en función dos custos. Quizais isto sexa debido á progresiva inconsciencia que representan os bordos escuros, que son os máis, da famosa teoría freudiana da lanterna, en contraposición cos da conciencia que está na súa parte central, que son os que menos. Un exemplo. Dende a miña fiestra vexo, nos días en que o tempo axuda, como os vellos da residencia pobrense que usan andadores, camiñan pola rúa, xa que está moi lisiña, e non o fan polas beirarrúas, xa que nin están pensadas nin axeitadas para iso.

Agora ben, para que ninguén se pique, hai que dicir que A Pobra non é o único concello onde se trata mellor aos coches que ás persoas vellas ou eivadas. Supoño que somos unha minoría que estorba para os políticos, agás cando votamos.

0 comentarios: