27 julio 2011

«No salón inmobiliario haberá referencias de 800 vivendas»


Andrés Teira presidente do centro empresarial

:logo-lvg: | Barbanza

O responsable do CECB asegura que a cita é un escaparate que se promocionará en revistas especializadas británicas

Empezou a conta atrás para a apertura do primeiro Salón Inmobiliario Arousa Norte, que terá lugar entre o venres e o domingo no pavillón de Barraña. A iniciativa partiu da empresa Masua S.L. e o Centro Empresarial da Construción do Barbanza (CECB) non só a apoiou, senón que proporcionou todo o seu respaldo. O presidente do CECB, Andrés Teira, afirma que a cita «vai ter unha gran transcendencia».

-¿Como recibiu o sector a proposta?
-A idea, de xeito positivo. Xa é un éxito o feito de xuntar a 40 expositores. No salón inmobiliario haberá referencias de 800 vivendas, pero na comarca debe haber unhas 2.000 valeiras. Existe un potencial económico que está durmido. Se pensamos nun valor medio de venta deses pisos a 100.000 euros, estaríamos falando dunha inxección económica de 80 millóns de euros. No caso das 2.000 vivendas, de 200 millóns. Se todos estivésemos no mesmo carro habería unhas posibilidades de mercado moi importantes.

-¿En caso de non formalizarse ventas sería un fracaso?
-O salón é un escaparate para facer promoción dunhas vivendas e vai seguir promocionándose durante un ano en revistas especializadas do Reino Unido. O éxito desta cita non pode medirse o día 31, senón nos vindeiros meses.

-¿A que é debida a divulgación no Reino Unido?
-Había un contacto previo por parte da empresa Masua, organizadora do salón. Esta firma, que tivo un importante remanente de vivendas, mantén relacións con diversas entidades británicas.
-Na comarca hai moita oferta de pisos pensados como segunda residencia, supoño que se quere aproveitar o verán para darlles saída.
-Na última época a maioría das construcións facíanse como segunda residencia e, nese sentido, é importante contar co turismo. Esta é unha época idónea para que os visitantes poidan visitar os edificios. O salón está aberto a todos. Esta iniciativa é un escaparate da oferta existente. Tampouco pode deixar de terse en conta o feito de que un piso pode ter unhas características boas, pero tamén é importante a ubicación. Nese sentido, na construción en Barbanza empréganse materiais de primeira calidade pero, ao mesmo tempo, os pisos teñen un compoñente de valor engadido que engrandece a compra: o entorno da bisbarra.

-¿Ve factible a recuperación do sector?
-Non resulta posible rematar coa crise se a sociedade continúa vivindo nela. Necesítase unha industria produtiva capaz de crear riqueza propia. Sería importante expoñer unha economía que permita funcionar á construción a través das posibilidades económicas da xente. Ultimamente fálase moito de potenciar o sector servizos, pero a economía produtiva é necesaria porque, no caso dos servizos, córrese o risco de que se forme unha burbulla da que sexa difícil saír.

-¿Que se espera do encontro?
-Que sexa un éxito na súa traxectoria. A participación xa o é e agardamos que se complete coa presenza dun gran número de visitas e de ventas. Ao mesmo tempo, desexamos que se os resultados son bos, isto sirva como plataforma para futuras edicións. O propósito é que as promotoras que están ausentes agora poidan sentirse interesadas por esta proposta.

-¿Hai moitas empresas da bisbarra?
-A maioría son barbancesas, construtoras e promotoras. Ao mesmo tempo, na inauguración haberá unha degustación de produtos da terra de Conservas Isla de Arosa, situada en A Pobra, e regadas co caldo con denominación xeográfica protexida Altares de Postmarcos, da bodega Entre os Ríos.

0 comentarios: