08 julio 2011

Salvador González Lapido: «Eu pinto porque, pintar para min, é unha necesidade»


:logo-lvg: | Barbanza

A súa inspiración son todos os montes, as costas, as ladeiras e os recunchos máis agochados de Galicia. A representación das paisaxes, así como dos costumes galegos, pertencen conxuntamente a toda a obra do pintor Salvador González Lapido. Esta semana, logo de facer diversas presentacións dos seus óleos en Ames, Negreira ou Padrón, dedícalle a Porto do Son a posibilidade de contemplar os cadros acabados de pendurar na parede.

-Nesta exposición, ¿que se vai atopar de novo e que perdurará por parte do autor?
-O que perdura do autor é que as obras tratan fundamentalmente de paisaxes que é, basicamente, o que eu pinto. As de maior abundancia son as mariñas, pero logo tamén aporto novidades como son os rurais do Courel e algunha acuarela. De todas formas, o tronco da exposición é a obra mariña.

-É certo que as paisaxes e os costumes son o piar da súa traxectoria, ¿de onde lle provén isto?
-De sempre, teño o gusto polas paisaxes dende sempre. Ás veces tamén pinto algunha escultura, algún monumento, mesmo teño retratos a carboncillo, pero son retratos familiares e íntimos que considero que non son para expoñer. Se pinto paisaxes é rotundamente porque foron os que sempre me chamaron a atención.

-¿O cambio de temática é algo que non se expuxo?
-Pois realmente non, esta temática é coa que sempre me sentín cómodo e eu considero que cando algo vai ben non precisa de cambios.

-Chechu Sende dixo de vostede que «é o meu pintor predilecto». ¿Só pode ser un artista recoñecido por outro?
-Vaia, realmente é algo co que non contaba, non sabía que dixera iso de min pero, de todas formas, agrádame sabelo e considero que si, que é unha mágoa pero que hoxe o artista só é recoñecido, incluso eloxiado, polo resto de artistas que o rodean.

-Ademais, a pintura considérase a arte da alta cultura. ¿As súas paisaxes galegas teñen o mesmo destino?
-Non, eu pinto porque pintar, para min, é unha necesidade. Eu só me dedico a pintar, se gusta o que fago ben e se non gusta ¿que lle imos facer? Cando estou creando non me paro a pensar en que efecto provocará na xente que vexa a pintura. Para min, pintar é algo persoal que, primeiro de todo, me ten que reportar algo a min e todo o posible beneficio que carrexe xa será algo secundario, gratificante pero secundario.

-Logo, ¿non persegue un público específico?
-Non, pretendo que me guste e me convenza a min. Se eu estou satisfeito co meu traballo de seguro que tamén lle ha gustar a alguén.

-¿Considera que a pintura perde público por iso mesmo, por ser pintura?
-Creo que non, para nada. A min, polo menos, a persoa que me coñece sabe que é aquilo que pinto, sabe o que me chama e está afeito, dalgún xeito, ás miñas creacións. Ninguén me pretende cambiar e iso mesmo pasa coa pintura. É un eido que se o coñeces e o tratas sabes o que che pode aportar, polo que o público que ten é sempre moi fiel.

-A fotografía, ¿aféctalle a este eido?
-A fotografía é algo que se introduce no proceso de elaboración das obras. Eu, antes de acadar un resultado, teño lapis, teño acuarela, fotografía... aparece como algo polo que hai que atravesar para chegar ó final. A fotografía é un complemento, un instrumento para pintar.

-Tamén se precisa inspiración. As obras, as infraestruturas, mesmo os incendios, ¿conseguirán acabar coa temática da súa inspiración?
-Con cousas coma esas si que hai que ter tino. O bo é que eu non pinto dende agora nin contextos actuais, podo ter plasmadas paisaxes de fai vinte ou trinta anos pero estes novos factores sempre inflúen. Teño feito, moi recentemente, cadros de paisaxes que volvo a mirar agora e xa non recoñezo. Un caso moi claro é o de Porto Nadela, aquí en Porto do Son, que está xa demasiado cambiado. Estas modificacións afectan a todo o que pinto, a todo o que fago.

-Mais, sempre atopa algún recuncho do que xurdan trazos...
-Exacto, non me imposibilitan pintar. Se algo está moi saturado podo obviar partes ou engadirlle outras. Non o adoito facer, pero mellor esa medida que non ter paisaxes enxebres das que tirar beneficio.

0 comentarios: