22 julio 2012

«Debemos apostar todos pola viabilidade da planta de Servia»


:logo-lvg: | Barbanza

Un dos seus principais obxectivos é acabar cos conflitos entre a empresa FCC e a mancomunidade, que cre que prexudican a todos

Luis Oujo Pouso presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza

«Carnota foi o único concello que solicitou que se rebaixase o servizo de recollida»

Dende primeiros de ano, Luis Oujo Pouso, rexedor de Porto do Son, é o presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza. Nos últimos tempos, moitos foron os conflitos aos que tivo que facer fronte a entidade. Un dos máis importantes é o que atinxe ás relacións entre este ente supramunicipal e a empresa adxudicataria da xestión da planta de Servia e da recollida do lixo, Fomento de Construcciones y Contratas (FCC). A resolución destas diferenzas é unha das prioridades para Luis Oujo, quen fala da necesidade de «buscar o consenso».

-¿Como ve o futuro da mancomunidade?
-Hai que arranxar varias cousas, pero son optimista. A planta de reciclaxe é un referente a nivel nacional, e hai vicios creados que deben resolverse. Non imos deixar que morra a planta de Servia.

-As melloras ás que alude suponse que están directamente vinculadas á relación da mancomunidade con FCC.
-Neste momento téñenos metidos cinco procesos xudiciais. Eu non sei se isto foi debido á falla de diálogo, o que si teño claro é que as cousas, así, non funcionan. Debemos apostar todos pola viabilidade da planta de Servia. A nosa intención é que a FCC e á mancomunidade lles vaia ben, e supoño que a empresa está interesada en seguir coa xestión.

-¿Algunha desas demandas é especialmente delicada?
-Unha delas é a reclamación duns seis millóns de euros pola denominada autorización ambiental integrada. Se a resolución xudicial fose negativa para a mancomunidade, estaría en cuestión a súa viabilidade. Hai outros asuntos que estamos analizando en profundidade, como é o caso da modificación do servizo polo incremento dos puntos de recollida. Estamos mirando que porcentaxe de incremento houbo dende que se concertou con FCC.

-Tamén está o asunto de Ecoembes, porque o acordo ao que chegou a entidade non é aceptado por FCC.
-A empresa di que ese 80% de recollida de envases lixeiros e plásticos é insuficiente. Sen embargo, no contrato tamén se establecen unhas toneladas a recoller e pode que ese 80% se converta nun 100%. Explícome, agora estase erradicando o uso de bolsas de plástico nos supermercados e, incluso, algúns só teñen recipientes biodegradables, feitos de materia orgánica, para levar a compra, estes últimos xa non contan como plástico. A nosa intención é buscar o consenso. Se nos denunciamos uns a outros só conseguimos que a planta non sexa viable.

-Serra do Barbanza tamén ten a súa responsabilidade, porque os pagos non están ao día.
-A mancomunidade ten unha débeda importante con FCC, máis de tres millóns de euros, e queremos que os concellos paguen. Está claro que nós tamén debemos cumprir cos nosos compromisos coa empresa. Non podemos ter un servizo e non pagar. Hai un acordo coa Xunta para que se reteñan os cartos aos concellos que non contribúan coa súa parte e estamos sendo rigorosos.

-Hai uns meses falárase de reducir o servizo para poder afrontar mellor a situación.
-No contrato existe unha cláusula que di que cada concello pode reducir un 20% o servizo de recollida. Polo momento, Carnota foi o único membro da mancomunidade que solicitou que se rebaixase a prestación. Ao parecer, a súa situación económica é bastante complicada. Este asunto deberá abordarse na vindeira asemblea. Polo momento o servizo vense mantendo como se fixo ata agora.

-Falou antes das débedas coa empresa concesionaria, ¿cantos concellos están ao corrente de pago?
-Polo momento, Noia e Porto do Son. Sen embargo, como xa indiquei, hai tempo que se veñen tomando medidas neste asunto e pretendemos que a situación de todos se regularice.

-Vese que, ao igual que garantir a viabilidade da planta, saldar a débeda é outra das súas inquedanzas.
-Dende logo. O meu propósito é poñer todo ao día no relativo aos pagos, evitar os preitos coa empresa e que todo funcione o mellor posible.

-¿Como son as relacións co comité de empresa?
-Son boas. Intentamos, aínda que é un aspecto que é competencia da empresa e no que nós non podemos meternos, que non haxa redución de persoal. No que podamos faremos o posible, aínda que está claro que esas son cuestións que atinxen directamente á empresa concesionaria.

«Nós tamén temos que cumprir cos nosos compromisos coa empresa»

0 comentarios: