08 octubre 2013

«Entrei a formar parte da banda familiar con tan só nove anos»


:logo-lvg: | Barbanza

A agrupación sonense que lidera, Suevia, está mergullada na gravación do seu segundo traballo discográfico


A música tradicional está a vivir un momento difícil. Pero aínda hai esperanza para o folclore grazas a xente como Pepe Romero. Este músico, nado en Rianxo e residente en Ribeira, leva anos loitando pola súa paixón. Foi un dos pioneiros en introducir as clases de gaita e percusión na comarca e loitou porque se impartisen de forma oficial no conservatorio ribeirense. Agora, co seu grupo Suevia, de Porto do Son, están inmersos nun estudo de música para lanzar o seu segundo cedé, Múa Vai, tras quedar segundos no certame Intrarritmos.
-¿Como acabou a gaita converténdose en parte da súa vida?
-A verdade é que comezou como unha obriga. Meus pais tiñan unha banda, o grupo Os Rosales. Antes, ao saír da escola, os fillos de labregos traballaban no campo, os de mariñeiros no mar e a min tocoume ser gaiteiro. Entrei a formar parte da banda familiar con tan só nove anos. A medida que me fun movendo no mundo da música tradicional, o que naceu como unha obriga foise convertendo nunha gran paixón.
-¿Que fixo que levase a súa paixón ao mundo do ensino?
-Cando medrei, decidín realizar un proxecto individual e saír da colectividade da banda familiar. Iso levoume a abrir en Ribeira a escola de gaita e percusión na que formei a bandaAncoradoiro, que chegou a ser un referente no marco galego ata a súa extinción. Un alumno de Porto do Son comentoume a posibilidade de seguir na súa terra e aquí estou, dando clases na escola municipal de música sonense e liderando a súa banda, Suevia.
-¿Que papel ten a agrupación Suevia na súa vida?
-Somos catorce músicos desexosos de fomentar a música tradicional. Trátase dunha agrupación aberta, na que nos gustaría que participase todo músico que teña un instrumento e queira ser parte dun proxecto similar. Queremos levar este tipo de música a outro nivel. No certame Intrarritmos quedamos nunha boa posición e ofrecéronnos a oportunidade de gravar un novo traballo. Non esperabamos tal recoñecemento e estamos moi ilusionados. Hai uns días realizamos a gravación no estudo, agora falta editar e mesturar.
-¿Que lugar lle atribúe a música tradicional na sociedade actual?
-A supervivencia da gaita está garantida polo ámbito académico e o espectáculo. Pero a sociedade non a mantén viva. Gástase máis en atraccións estranxeiras e orquestras que no propiamente noso. Se nós no defendemos os nosos sinais de identidade ninguén o vai facer. Por iso, aquí estamos uns cantos para seguir soprando e poñernos o traxe tradicional para transmitir este patrimonio marabilloso.
pepe romero músico

0 comentarios: