20 octubre 2013

«A loita cultural seguirá coa imprenta ou recorrendo á Rede»

:logo-lvg: | Barbanza

Defensor do papel, ve con incerteza o futuro debido aos recortes

A piques de cumprir tres anos á fronte de Barbantia e cando o colectivo ven de iniciar un novo curso cultural, o noveno, Xesús Laíño mira ao futuro con incerteza. O presidente da asociación que marcou un antes e un despois na comarca culturalmente falando asegura que nunca tantos problemas económicos tivo a entidade para sacar adiante os seus modestos proxectos como na actualidade. Por iso, comprácese de ter logrado seguir a liña que marcou o seu antecesor no cargo, Antón Riveiro Coello.

-Difícil curso cultural este noveno...

-Os recortes en subvencións para a cultura e as dificultades dos concellos para colaborar con nós son cada vez maiores, pero nós seguiremos facendo o que poidamos cos medios que hai. Iso si, non son tempos doados.

-Pero, ¿obrigaron estes recortes a suprimir ou pospoñer algunha iniciativa?

-Existen máis dificultades para sacar adiante iniciativas como a publicación do anuario. Este ano vai saír pero, se a situación non mellora, para o que ven vai haber serias dificultades para sacalo á luz. O día a día podemos asumilo pero, para proxectos grandes hai que actuar con moderación. Temos pendente o libro das creadoras do Barbanza, que tentaremos rematar canto antes para, de momento, deixar de lado as iniciativas de envergadura.

-¿Ve un risco real na continuidade da asociación ou do seu programa de actividades?

-A día de hoxe estamos pendentes de cobrar axudas porque, as poucas que conceden, poñen moitísimos requisitos para a súa xustificación. Parecía que había brotes verdes, pero debían ser colorados. A loita cultural seguirá coa imprenta ou recorrendo á Rede.

-¿Ve en Internet a fórmula para garantir o futuro de Barbantia?

-A día de hoxe xa temos os anuarios e toda a información colgada na Rede, pero o certo é que nos gustaría seguir editando en papel.

-¿Periga, en xeral, o futuro das publicacións en papel?

-Iso non o teño claro. Eu son pouco apocalíptico. Teoricamente, o libro xa estaba finiquitado hai anos e segue aí. Ademais, a recesión non vai durar sempre. Penso que as publicacións en papel non van desaparecer nunca, pois aínda que, economicamente, sexa máis asequible publicar na Rede, Internet tamén ten os seus inconvintes.

-Con este panorama que debuxa, semella difícil introducir novidades na programación habitual de Barbantia...

-Si, o certo é que, de momento, temos previsto seguir coas presentacións mensuais. Neste mes de outubro será Antón Riveiro Coello o que fale dos seus Acordes náufragos e xa, entre finais de novembro e comezos de decembro entregaremos os Sereos e lanzaremos tamén o anuario.

-¿Hai xa máis autores que adquiriran o compromiso de facer unha parada en Barbanza?

-Estamos mantendo conversas porque vai saír unha novidade de Anxo Rei Ballesteros e pretendemos homenaxealo con motivo do aniversario da súa morte. Tamén estamos pensando no premio Xerais, pero non hai nada seguro. Nós estamos abertos a todo o mundo. Sabemos que os autores coñecidos chaman máis, pero buscamos un equilibrio entre os escritores de Barbanza e os de fóra.

-¿Vai haber algunha proposta de Barbantia no eido editorial?

-Bastante temos con sacar á luz o anuario pois os fondos non dan para máis. Espallar a cultura si, pero non temos previsto iniciativas de edición propia. No pasado fixemos algo neste eido, pero a día de hoxe non temos orzamento.

0 comentarios: