29 mayo 2011

De tal pau, tal acha: Unha gran familia atrapada nas liñas dos pentagramas


:logo-lvg: | Barbanza

Xunto coas notas, os pentagramas e o solfexo hai un apelido, Olveira, que forma parte do paquete de palabras indispensables para falar de música ou, polo menos, da que leva o selo de Barbanza. É que unha familia de Porto do Son que responde a este sobrenome vive por e para a arte de tocar. Membros das últimas catro xeracións desta saga non só teñen en común a súa paixón por esta forma de expresión, senón que están vinculados á banda de música de Caamaño, unha agrupación que está a piques de celebrar o seu centenario.

Foi precisamente un antepasado dos Olveira o que fundou esta banda no ano 1912. Non só puxo o xerme da tradición musical en Caamaño, senón que, entre o legado que lle deixou a todos os seus fillos, a música ocupaba un lugar destacado: «Meu pai iniciounos na música tanto a min, como a todos os meus irmáns», explica Francisco, quen entrou a formar parte da agrupación sonense cando aínda non cumprira os dez anos e, desde o 1968, é o director.

El asegura que a súa profesión foi e seguirá a ser sempre a de músico: «Sempre toquei o clarinete e máis o acordeón, na banda e en algunha orquestra. Agora dirixo porque é máis descansado». Francisco explica que el e os seus compañeiros espallaron a súa arte por toda a comarca e incluso máis alá das fronteiras de Galicia, aínda que recoñece que aquela etapa dourada das bandas rematou, polo menos nesta zona: «En Pontevedra segue a concedérselle gran importancia, pero aquí considérase que as bandas cobran demasiado. Á hora de organizar unha festas, prefiren contratar uns grupos de gaiteiros para o día e unhas orquestras para a noite».

Aínda así, a traxectoria case centenaria da banda de música de Caamaño é o seu mellor aval: «Nós imos tocando bastante ben porque temos a nosa clientela máis ou menos fixa e tampouco somos unha agrupación demasiado grande». Entre as 25 persoas que forman parte do grupo está a filla de Francisco, Mari Carmen, que herdou a afección pola música e tamén a converteu na súa profesión. Toca o clarinete e o piano, e compaxina a banda coa faceta de mestra en Cambados e en Xuño: «A música é o máis grande que hai, pois serve para expresar todo tipo de sentimentos e acompaña ao ser humano desde que nace, cos sons festivos, ata que morre, coas marchas fúnebres».

A cuarta xeración

Ela ten claro que a música debería ter máis peso no sistema educativo: «Aínda que ten o seu grao de dificultade, os nenos que aprenden música teñen a mente preparada para outras materias máis complexas». Por iso, non dubidou en inculcarlle esta afección á súa filla, Carmen, que con nove anos estreouse o 15 de abril na banda de Caamaño, xusto o mesmo día que o fixera o seu avó Francisco.

Como non podía ser de outro xeito, o avó está máis que satisfeito por ver que a tradición familiar continúa, pois tamén o seu outro fillo se dedica á música, ao igual que as dúas netas que ten pola súa parte: «Gústame moito ver que todos eles están vinculados coa música porque foi a carreira que sempre tivo esta familia».

Tanto os Olveira coma o resto dos membros da banda están xa a pensar na gran festa que vai ter lugar na localidade o ano que ven, cando se cumpra o primeiro aniversario da agrupación.

O pau é Francisco Olveira e as achas, a súa filla Maria Carmen e a súa neta Carmen

Francisco ten 79 anos; Mari Carmen, 42 e a pequena Carmen, 9

Os tres son músicos e tocan na banda de Caamaño

0 comentarios: