20 mayo 2011

Carta aberta a Pastor Rodríguez

A proximidade dos comicios do domingo semella poñer nerviosos algúns candidatos que non teñen claro que na política municipal sonense a batalla, hoxe e sempre, ten que darse para conseguir o mellor para Porto do Son, para as súas institucións e veciños, e non para descualificar, insultar e calumniar os adversarios.

Eu entendo a campaña coma un tempo de expoñer ideas, presentar proxectos e denunciar situacións negativas xeradas no concello. E, mesmo neses momentos dos discursos que se centran en facer oposición, creo que esta ten que ser leal e construtiva.

Por iso, porque vexo a política dun xeito moito máis positivo ca o que están a demostrar o señor Pastor Rodríguez e a señora Ánxela Franco, asisto aterrorizado á baixada aos infernos protagonizada polo candidato socialista, disposto a calquera cousa para arrincar un par de aplausos nos seus pouco afortunados mítines.

Seica o pasado xoves, nun encontro con veciños na parroquia de San Pedro de Muro, Pastor Rodríguez tivo a desafortunada idea de falar da miña familia no seu discurso. A estratexia é evidente: diante da falla de argumentos, de coherencia e mesmo da máis elemental decencia, o señor Rodríguez empregou a violencia verbal, a vulgaridade e o insulto, descualificándose el só.

Falou Pastor Rodríguez tirando por terra a memoria dos meus pais, os dous tristemente desaparecidos, nunha cita cos veciños nas que debería de ter falado de Porto do Son e do inexistente proxecto socialista para o concello, Pastor Rodríguez demostrou co seu xesto, ademais dunha nula educación, que é un incapaz para a retórica política e que non ten a catadura persoal que fai falla para dirixir este municipio.

Asegura o señor Rodríguez que desatendín a meus pais e só me preocupei pola herdanza. Desafío ao candidato socialista a que volva dicir iso mesmo, pero comigo e meus irmáns de fronte. A que, mirándome á cara, repita que desatendín un só día o compromiso coa miña nai, enferma de diabete, do corazón e vítima dun Alzheimer que no la arrebatou moito antes de que a despediramos definitivamente, hai un ano. Seguro que a covardía de Pastor Rodríguez fai que non sexa quen de xuntar dúas palabras seguidas para seguir pisando a memoria de miña nai, Celsa Taboada, nin de meu pai, Joaquín Quiñoi, tamén falecido, e faltando a meus irmáns, que nada teñen que ver nesta carreira política e ós que involucrou cos seus insultos.

Pastor Rodríguez desacreditouse facendo esta agresión totalmente gratuíta, destinada a ferir por pura satisfacción, calumniando de forma consciente e pública á miña familia. Meus pais morrerían de pena ao saber que se emprega o seu nome dunha forma tan baixa, e que se fai no lugar que o seu fillo escolleu para vivir, e no que fundou a súa familia.

Resulta dobremente penoso que sexa precisamente Pastor Rodríguez, que no seu día foi vítima de campañas maledicentes sobre asuntos da súa vida privada, quen veña estender infamias sobre min e os meus.

As miñas armas, agora e en diante, serán sempre as propostas, as accións de goberno e os plans de futuro para Porto do Son. Déixolle para o señor Pastor Rodríguez as ofensas e as calumnias. Non renego, iso si, de poñer en coñecemento de avogados as afirmacións contra o honor e a intimidade feitas polo socialista, pero non farei delas uso político. E reivindico un Porto do Son libre de derrotados e impotentes, de incapaces para o diálogo, de xente coma Pastor Rodríguez, un home vencido polo medo a que unha alternativa moito máis digna lle faga sombra nas súas ambicións persoais.


Javier Quiñoy Taboada

0 comentarios: