07 noviembre 2011

Unha familia precursora do turismo de sol e praia

Víctor (dereita) encárgase agora da xestión do negocio que fundaron os seus pais.

:logo-lvg: | Barbanza

Como tantos outros negocios hostaleiros da comarca, o restaurante e hospedaxe As Furnas é de carácter familiar. Foi fundado hai case catro décadas por un veciño do Son, Luis Maneiro, e a súa muller, a portuguesa Quiteria Martiño. A historia se repite no tocante ao relevo xeracional. Tamén neste caso, un fillo, Víctor, encargarase de garantir a continuidade da empresa. O singular deste establecemento radica, se cabe, na localización xeográfica, pois aínda que agora é unha concorrida praia de Xuño, nos anos setenta non era máis que unha paraxe marcada polo bater das ondas do mar e a soidade.

¿Quen lle ía dicir a Quiteria que aquela pequena casa de planta baixa á que chegou atravesando un camiño de carro alá polo ano 1973 se ía converter nun próspero negocio de hostalería? Nin a ela, nin de seguro aos moitos veciños de Xuño que viron na iniciativa posta en marcha por este matrimonio unha empresa máis que arriscada.

Naqueles tempos, a parella empezou de cero, montando unha especie de chiringuito de praia no salón da súa propia vivenda: «O meu home e máis eu coñecémonos en Estados Unidos, cando el estaba embarcado. El tiña xa unha pequena casiña nas Furnas e aquí nos viñemos os dous para comezar a nosa vida. Eu non quería que el traballara no mar, así que montamos un pequeno bar».

Pero, por aquel entón, as praias non rexistraban a afluencia de xente que teñen hoxe en día e a das Furnas, menos: «Chegábase por un camiño de carro e, aínda que viñan algúns desde Vigo a pescar, tiñan que acceder camiñando». Aínda así, algo lle dicía a estes emprendedores que tiñan que seguir adiante coa súa iniciativa empresarial. Tanto foi así que dous anos despois, construíron un novo piso na vivenda e habilitaron cinco habitacións para destinalas a aluguer: «Tivemos o noso primeiro fillo e Luis volveu ao mar. Co que gañaba iamos ampliando o negocio», lembra Quiteria.

Procesos de ampliación

Primeiro foi un bar máis grande e con terraza e, despois, o salto definitivo: un novo espazo construído que permitiu habilitar un restaurante en condicións e máis habitacións, pasando a contar cun total de once.

Con estas instalacións, un volume de negocio en aumento e tres fillos aos que coidar, Luis decidiu deixar o mar e dedicarse en exclusiva á hostalería. Foi un alivio para Quiteira, que pasara máis dun apuro soa na vivenda, sobre todo nos crudos invernos: «Lembro cando foi do temporal Hortensia. Eu vía semellante altura nas ondas do mar que tiven realmente medo. Por sorte, quedou niso».

Pero aqueles duros comezos deron paso a un próspero negocio hostaleiro, merecedor incluso do galardón máis importante de Barbanza a nivel empresarial, o Dolmen de Ouro. Esta familia de Porto do Son recibiuno hai poucas semas, na última edición da gala promovida pola Federación de Empresarios do Barbanza: «É un premio que se agradece de verdade, pois fai que traballemos con máis ilusión», comenta unha orgullosa Quiteria.

Os paus son Luis Maneiro e Quiteria Martiño, mentres que a acha é o seu fillo Víctor

Luis ten 68 anos; Quiteria está a piques de cumprir 60 e Víctor conta con 38

Os tres rexentan o bar As Furnas, que dispón tamén de once habitacións

Relacionada
Relevo xeracional garantido

0 comentarios: