Mostrando entradas con la etiqueta Hospedaría As Furnas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Hospedaría As Furnas. Mostrar todas las entradas

07 noviembre 2011

Unha familia precursora do turismo de sol e praia

Víctor (dereita) encárgase agora da xestión do negocio que fundaron os seus pais.

:logo-lvg: | Barbanza

Como tantos outros negocios hostaleiros da comarca, o restaurante e hospedaxe As Furnas é de carácter familiar. Foi fundado hai case catro décadas por un veciño do Son, Luis Maneiro, e a súa muller, a portuguesa Quiteria Martiño. A historia se repite no tocante ao relevo xeracional. Tamén neste caso, un fillo, Víctor, encargarase de garantir a continuidade da empresa. O singular deste establecemento radica, se cabe, na localización xeográfica, pois aínda que agora é unha concorrida praia de Xuño, nos anos setenta non era máis que unha paraxe marcada polo bater das ondas do mar e a soidade.

¿Quen lle ía dicir a Quiteria que aquela pequena casa de planta baixa á que chegou atravesando un camiño de carro alá polo ano 1973 se ía converter nun próspero negocio de hostalería? Nin a ela, nin de seguro aos moitos veciños de Xuño que viron na iniciativa posta en marcha por este matrimonio unha empresa máis que arriscada.

Naqueles tempos, a parella empezou de cero, montando unha especie de chiringuito de praia no salón da súa propia vivenda: «O meu home e máis eu coñecémonos en Estados Unidos, cando el estaba embarcado. El tiña xa unha pequena casiña nas Furnas e aquí nos viñemos os dous para comezar a nosa vida. Eu non quería que el traballara no mar, así que montamos un pequeno bar».

Pero, por aquel entón, as praias non rexistraban a afluencia de xente que teñen hoxe en día e a das Furnas, menos: «Chegábase por un camiño de carro e, aínda que viñan algúns desde Vigo a pescar, tiñan que acceder camiñando». Aínda así, algo lle dicía a estes emprendedores que tiñan que seguir adiante coa súa iniciativa empresarial. Tanto foi así que dous anos despois, construíron un novo piso na vivenda e habilitaron cinco habitacións para destinalas a aluguer: «Tivemos o noso primeiro fillo e Luis volveu ao mar. Co que gañaba iamos ampliando o negocio», lembra Quiteria.

Procesos de ampliación

Primeiro foi un bar máis grande e con terraza e, despois, o salto definitivo: un novo espazo construído que permitiu habilitar un restaurante en condicións e máis habitacións, pasando a contar cun total de once.

Con estas instalacións, un volume de negocio en aumento e tres fillos aos que coidar, Luis decidiu deixar o mar e dedicarse en exclusiva á hostalería. Foi un alivio para Quiteira, que pasara máis dun apuro soa na vivenda, sobre todo nos crudos invernos: «Lembro cando foi do temporal Hortensia. Eu vía semellante altura nas ondas do mar que tiven realmente medo. Por sorte, quedou niso».

Pero aqueles duros comezos deron paso a un próspero negocio hostaleiro, merecedor incluso do galardón máis importante de Barbanza a nivel empresarial, o Dolmen de Ouro. Esta familia de Porto do Son recibiuno hai poucas semas, na última edición da gala promovida pola Federación de Empresarios do Barbanza: «É un premio que se agradece de verdade, pois fai que traballemos con máis ilusión», comenta unha orgullosa Quiteria.

Os paus son Luis Maneiro e Quiteria Martiño, mentres que a acha é o seu fillo Víctor

Luis ten 68 anos; Quiteria está a piques de cumprir 60 e Víctor conta con 38

Os tres rexentan o bar As Furnas, que dispón tamén de once habitacións

Relacionada
Relevo xeracional garantido

15 octubre 2011

Guerra entrega os premios Dolmen de Ouro no Barbanza

:logo-ecg: | Comarcas

A Xunta está a impulsar a iniciativa emprendedora na comarca, ademais de apostar pola innovación e a internacionalización das pequenas e medianas empresas que dan corpo ao tecido produtivo do territorio

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sinalou hoxe na entrega de premios o Dolmen de Ouro da Federación de Empresarios do Barbanza levada a cabo en Padrón que “os empresarios do Barbanza están especialmente implicados coa dinamización económica de Galicia para o que contan co compromiso decidido da Xunta de Galicia”.

Guerra sinalou que “cada nova idea e cada proxecto solvente debe converterse en empresa” e salientou que a Xunta “está a impulsar a iniciativa emprendedora na comarca, ademais de apostar pola innovación e a internacionalización das pequenas e medianas empresas que dan corpo ao tecido produtivo do territorio”.

O conselleiro sinalou que os emprendedores galegos necesitan apoios para eliminar as posibles dificultades que freen a consolidación dos seus negocios ou ben para a posta en marcha de iniciativas novidosas. Por iso, desde a Consellería de Economía e Industria se está a facilitar unha mobilización de inversións próximas aos 30 millóns de euros na Comarca.

Asemade, destacou o apoio da Consellería de Economía e Industria aos proxectos viables en Galicia que nacen a través do fondo de capital risco de XesGalicia, dotados con 3,3 millóns de euros, e dos programas de axudas re-Emprende e re-Imaxina, que permiten apoiar a máis de 700 proxectos de microempresas, emprendedores e pemes.

Guerra trasladou tamén o recoñecemento do Executivo galego ao gañador do Dolmen de Ouro, así como ao resto dos premiados, que representan o espírito dinámico que caracteriza aos emprendedores do Barbanza.
A patronal de Porto do Son premiou á hospedaría As Furnas, de Quiteria Martinho Riveiro.