05 noviembre 2011

«Para entender o presente teño que coñecer o pasado»

:logo-lvg: | Barbanza

Leva un lustro convivindo cos restos dos antepasados dos barbanceses, analizando o seu xeito de vida e coñecendo de preto os seus costumes. Faino desde a súa profesión de técnico en patrimonio cultural, unha función que desenvolve desde o 2006 no Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza, pero Víctor Barbeito recoñece que, ademais do traballo en si, está enganchado por este eido: «Tírame a prehistoria e a arqueoloxía».

Do labor que leva desenvolvido en Neixón despréndese que este licenciado en Historia que se pasou case media vida exercendo de camareiro desenvolve agora a súa faceta laboral no eido que lle gusta pero, aínda así, asegura que o seu vínculo coa arqueoloxía non ten carácter vocacional: «Eu non nacín coa idea de ser o Indiana Jones do Barbanza, para nada».

De feito, Barbeito chegou a este mundo case por obriga. Rematou os estudos de Bacharelato pola rama de ciencias puras e ingresou na facultade compostelá de Historia porque a nota de corte lle limitaba o acceso a outras carreiras que naquel momento se lle presentaban como máis interesantes: «Evidentemente, o tema da prehistoria e da arqueoloxía foime enganchando e especialiceime nestes eidos. Aínda que hai algo de romanticismo na miña traxectoria, eu son moi pragmático. Gústame isto porque considero que para entender o presente teño que coñecer o pasado, nel está toda a explicación racional do que hai hoxe en día».

E desde o Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza ten esta posibilidade ao alcance da man. Aínda que é certo que cando el chegou a Neixón xa había un equipamento cultural en funcionamento, o historiador implicouse de cheo na súa consolidación. Daquela expúxose unha serie de retos, algúns dos cales están aínda pendentes de consecución. Ocorre, por exemplo, coa súa pretensión de darlle ás instalacións unha visión de carácter comarcal.

Varios retos logrados

Outras das metas que Barbeito se fixou na súa axenda foron materializándose co paso dos anos: «O máis importe foi a obtención do estatuto de Ben de Interese Cultural para o complexo arqueolóxico de Neixón. Tamén o proxecto de ampliación das instalacións que está en proceso de execución».

Pero nun complexo da importancia que ten o boirense, é normal que sempre queden materias pendentes: «Estamos tentando que o centro teña estatuto xurídico propio, o que nos permitirá ter exposta unha parte dos restos atopados nas escavacións realizadas nos castros de Neixón».

Como tantos outros especialistas na materia, Víctor Barbeito considera que a sala boirense está chamada a «capitalizar a difusión do patrimonio arqueolóxico do Barbanza». Unha riqueza cun valor para el incalculable, pero que se atopa nunha situación «pésima».

Todo por facer

Para o historiador boirense, en Barbanza «está todo por facer» a nivel arqueolóxico: «O outro día preguntamos nun colexio, a rapaces de segundo e terceiro de Bacharelato, que xacementos de Barbanza coñecían e falaron do castro de Baroña e do dolmen de Axeitos, con dificultade, cando na comarca temos máis de cincocentos».

Barbeito cree que falla o modelo de xestión existente na zona e a nivel autonómico e estatal: «Confío en que agora coa crise, cando vai ser obrigatorio introducir cambios na materia, se reformule o sistema». Para el, os concellos teñen poucas competencias en patrimonio cultural e moitas dificultades para levar a cabo proxectos de posta en valor ou divulgación.

Aínda que se embala falando de Neixón e da arqueoloxía en xeral, o seu recuncho preferido de Barbanza está en outro escenario, pois trátase da praia de Carragueiros: «Alí respírase tranquilidade». Aclara que, no fondo, patrimonio e mar pertencen ao mesmo microcosmos da natureza, ao tempo que di que o areal tamén lle permite «afastarme do día a día».

Víctor Barbeito
34 anos
Técnico en patrimonio cultural

Relacionada
«Cada xacemento de Barbanza ten a súa peculiaridade»

0 comentarios: