18 abril 2012

«O que pretendemos é crear unión e darlle vida a Portosín»


:logo-lvg: | Barbanza

Di que a entidade se sente moi apoiada e recompensada polo pobo, o cal lles responde moi ben, sobre todo ao teatro

Hai actividades, coma as actuacións de teatro ofrecidas o pasado domingo na casa de cultura de Portosín polo grupo infantil da Agrupación Cultural e Deportiva Coira, que deixan ver que o éxito non é cousa dun día. É cuestión de traballo. Loli Sánchez é a presidenta desa entidade dende o 2007, ano no que se fundou como tal, aínda que, realmente, xa existía antes. A agrupación pechou o exercicio do 2011 con once membros na súa directiva, 63 familias socias e 195 se se fala de socios individuais. As familias son na súa meirande parte de O Son, pero hainas tamén de Teo, Ames, Noia e incluso de Madrid.

-¿Por que deciden recuperar a agrupación Coira?

-A agrupación xa existía, pero estaba parada, así que un grupo de pais con fillos que facían algún tipo de deporte decidimos creala no 2007. Achegámonos aos órganos do colexio e aceptárono. Logo, ao cabo duns meses, o concello púxose en contacto con nós e tamén acabamos levando as escolas deportivas, o cal fixemos durante dous anos. O que pretendiamos era facer actividades nas que non só participasen os nenos, senón tamén os pais e outros membros da familia. Así o fomos levando, facendo o Día da Bicicleta, xogos de orientación, tamén para maiores... En datas emblemáticas como as Letras Galegas tamén preparabamos algo. Foi cando decidimos que a agrupación Coira, ademais de deportiva, tamén pasase a ser cultural.

-¿E o aspecto teatral?

-En outubro do 2010 reunímonos un grupo de socios e puxemos a funcionar unha actividade teatral, encargándonos de todo, dende buscar a obra, ata traducila ou o vestiario. Sempre de maneira moi humilde, porque somos afeccionados. Aproveitamos ademais que acababan de estrear un auditorio na Casa de Cultura de Portosín. Por tanto, en febreiro do 2011 fixemos unha estrea e en maio, o grupo infantil, que crearamos pouco antes, xa fixo tamén unha representación. A participación é moi boa: en outubro anotáronse 27 nenos.

-¿Apóiaos a xente?

-Sentimos moita satisfacción porque nos vemos moi recompensados en canto ás actividades que facemos, sobre todo, sen dúbida, o teatro. O que pretendemos é dinamizar o pobo, así que, nese sentido, si nos sentimos moi apoiados, tanto polos socios como por todo o pobo. Os maiores temos intención de representar en xuño tres pequenas obras e para os cativos, ademais das actuacións en si, tamén facemos xogos teatrais. Nós sabiamos que, había anos, en Portosín houbera xente que quixera facer teatro, e quixemos volver recuperalo. Buscamos que as actividades que organicemos as poidamos facer todos. Incluso organizamos tamén unha viaxe ao ano, xuntos, non só por visitar sitios novos, que tamén, senón para convivir.

-¿Algunha axuda económica?

-Non temos ningunha subvención. O que facemos é grazas á cota simbólica dos socios: son 15 euros ano e non por persoa, senón por familia.

-¿Lévase ben o traballo?

-Todos os membros da xunta directiva son moi necesarios, competentes e colaboradores. Tan pronto se chaman, xa están aquí. Incluso xente que non é da directiva vén botar unha man. Recompensa é ver á xente leda, porque o que pretendemos é precisamente iso, crear unión e darlle vida a Portosín. Que a xente teña posibilidade de implicarse, participar e divertirse sen ter que saír do pobo. No verán é cando paramos, tamén porque nesa época xa comeza a haber moito movemento de visitantes... e porque, a maiores, todos precisamos descansar.

loli sánchez presidenta da agrupación cultural e deportiva coira

«Buscamos actividades que poidamos facer todos, nenos e tamén maiores»

0 comentarios: