19 abril 2012

Literatura, arte, tapas e etnografía encherán a segunda Romaría das Letras no Barbanza


:logo-lvg: | Barbanza

O festexo terá lugar o 17 de maio no pazo de Goiáns, pero tamén no centro de Boiro

A segunda Romaría das Letras no Barbanza xa está case lista. Organizada e coordinada polas asociacións Barbantia e O Faiado 2 (contando coa colaboración do Concello de Boiro, a asociación cultural Borobó, a de veciños Cruceiro do Monxo, a Asociación Boirense de Empresarios e a Mancomunidade Arousa Norte), a cita será, como non, o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Valentín Paz Andrade. Así o recordou onte, durante a presentación do festexo, a edila de Cultura, Helena Teixeira.

A maioría dos actos concéntranse no pazo de Goiáns, pero tamén os haberá na rúa peonil de Boiro. «A cultura é de todos e todos debemos participar nela, así que dende o concello temos a obriga de achegala aos cidadáns», manifestou Teixeira, quen amosou a diversidade de iniciativas, para todos os públicos. Pola súa banda, a presidenta do O Faiado 2, María Luísa López, sinalou que o pazo de Goiáns é un lugar cun patrimonio etnográfico único e, por tanto, tal e como se pensou xa na primeira edición, idóneo para esta romaría, «a cal queremos que sexa a nivel comarcal».

Noutros tempos fora un lugar de peregrinación de grandes escritores da zona, segundo sinalou Pastor Rodríguez, en representación de Barbantia, quen invitou a outras entidades do Barbanza a participar da iniciativa, inscribíndose no correo barbantia@barbantia.org. Por último, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, fixo fincapé na ampliación de actividades organizadas polo concello para ese Día das Letras e tamén na conveniencia de centralizalas nunha xornada, «facendo que sexa un día importante para Boiro e para toda a comarca, coa implicación directa de toda a cidadanía».

0 comentarios: