Mostrando entradas con la etiqueta José Rodríguez Cabeza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta José Rodríguez Cabeza. Mostrar todas las entradas

13 diciembre 2011

Un conto árabe

:logo-lvg: | Barbanza

O ladrillo de barro xa era un material construtivo fai moitos séculos, quedando vestixios tan salientables como a Gran Muralla China de fai uns dous mil cincocentos anos. Hoxe en día é un controvertido material ao que se lle atribúen moitas desgrazas, como a crise financeira, que algo hai pero non tanto, sendo a construción civil en España na segunda metade do século pasado unha gran locomotora da economía.

Aló pola década dos setenta comezouse a lexislar tan restrinxidamente como que cando alguén solicitaba licenza para facer unha casa na leira da sogra autorizábase sempre e cando non supuxera perigo de formación de núcleo de poboación (Artigo 85 do R.?Decreto 1346/1976). Pois ben, malpocadamente para Galicia, tal propósito está conseguido. O que non se acadou foi a previsión do artigo corenta e sete da Constitución de impedir a especulación do chan que agora custa máis que facer unha casiña decente, sendo a lei 8/1990 (de Felipe) o estoque desta situación na que unha parella de mozos non pode soñar co seu niño de amor sen que tampouco a 7/1997 (de Aznar) arranxara o problema. Nesta bisbarra houbo iniciativas plausibles tentando amolecer tal lexislación, como en Ribeira cun plano tipo estandarizado para facilitar que se construíra nas aldeas sen afrontar certos gastos de dubidosa utilidade.

En Porto do Son apostaron por permisos de galpóns e noutros concellos por facer a vista gorda, pero moita xente pouco pudente alcanzou o seu soño. A construción, corrixindo certas rixideces, debe volver a ser protagonista xa que é xeradora de moito emprego e refuxio do necesario aforro.

Que haxa quen desexe vivir no eido rural é toda unha opción de calidade de vida, ademais de inverter a nefasta tendencia da desruralización, que en moi poucas xeografías é tan doado, sen que iso supoña que todos teñan que ser labregos. Claro que tampouco axuda que moitos concellos se converteran na cova de Alí Babá e os corenta ladróns que, como todos ben sabemos, non é máis que un conto árabe.

06 septiembre 2011

Paripés

:logo-lvg: | Barbanza

Supoño que os meus máis fanáticos lectores desta columna pensarán que xa rematarán as miñas inmisericordes críticas sobre o funcionamento das administracións públicas unha vez modificado o artigo 135 da Constitución, xa que isto actuará como o coñecido xarope de Fierabrás que cura todas as enfermidades e que Don Quixote preparaba con aceite, viño, sal e romero. Pois, a dicir verdade, por moitas voltas que lle estou dando aos seis apartados dos que consta (antes tiña dous), máis que durmir sosegadamente como Sancho Panza, prodúceme os vómitos e suores do fidalgo cabaleiro. Vexamos.

Collendo media ducia de papeis e garabateando neles algúns números, calquera pode preparar os presupostos máis inmaculados e concordantes coa nova ou coa vella redacción do devandito artigo. Tanto é así que, por exemplo, dende sempre os concellos non podían aprobar os orzamentos desnivelados de gastos e ingresos. ¿Como se pode entender, entón, que teñan máis furados que un cesto de vimbio?.

Chegados aquí vou traer a colación o verso de Jorge Manrique «cómo, a nuestro parecer, cualquiera tiempo pasado fue mejor» para reivindicar a dous próvidos funcionarios, José Rodríguez Carballo e Manuel Muñiz Noal, que, ex cathedra, me ensinaron todo o que podo escribir destes temas con fundamento. Exerceron en Lousame, Boiro, A Pobra e Ribeira e pertencían ao chamado Cuerpo Nacional de Secretarios, Interventores y Depositarios, creado no 1924, asumido na República en 1935 e estruturado no franquismo en 1950, que tiñan a potestade de frear -e freaban- os excesos e tentacións consubstanciais dos alcaldes en calquera época, ata que en 1985, cando un sincero Alfonso Guerra que tamén dixera que en España Montesquieu morrera, foron exterminados para que os mandatarios puidesen facer o que agora vemos a destro e sinistro.

Mentres non se volva á normalización destas estruturas de control, tamén no ámbito estatal e autonómico, co espírito do insigne José Echegaray, este paripé non serve para nada.

30 agosto 2011

¿Servizos de urxencias?

:logo-lvg: | Barbanza

Unha persoa acode ao seu centro de saúde pola mañá para ser atendida por urxencias, xa que presenta un cadro de doenza atípico, no que lle prestaron a asistencia sanitaria posible coa indicación de que, se non remitía, fose directamente ao hospital de Barbanza, como así foi necesario na primeira hora da tarde. Chegados ao centro hospitalario, activáronse os protocolos axeitados á situación, rematando o proceso ben pasada a media noite. Prestación recibida, correcta, agás o tempo transcorrido.

Pero máis de oito horas permiten pescudar algúns datos, como que, habendo tanto doente que atender, soamente había dous médicos asistidos por un persoal sanitario electrificado, mentres que en catro centros de atención primaria dos concellos de Porto do Son, Ribeira, A Pobra e Boiro, catro médicos e o seu persoal auxiliar dormitean a meirande parte do tempo. Deixo para o xornalismo de investigación a media de urxencias destes PAC, pasando a facer unha retrospectiva.

Ano 1999, o conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón, plantexa concentrar as urxencias destes concellos no hospital comarcal, pero -¡oh fatalidade!- coinciden eleccións municipais, e dende colectivos que saben de sanidade o que eu de astronauta, acordan opoñerse, polo que as baronías da bisbarra fan unhas chamadas telefónicas a un alto cargo do PP galego que exerce en Madrid, o cal fai outras chamadiñas a Santiago, co que se frea para mellores tempos a decisión do inefable conselleiro.

Pode que o plantexamento estivese trabucado, ou non. Vexamos. Segundo a páxina web do Sergas o mapa sanitario, regulado polo Decreto 55/1989, establece 93 Zonas de Atención Primaria, 45 Zonas Sanitarias de Atención Integrada, 9 Áreas de Saúde, 3 Rexións Sanitarias e, para rematala, a lei 8/2008 engade outras 58 persoas para formar o Consello Galego de Saúde. Conclusión, para que un barco non se afunda hai que taparlle os furados ou cambiar o sistema de navegación para que non se fure.

23 agosto 2011

Gobernar arbitrariamente

:logo-lvg: | Barbanza

O galego, como dicía Castelao, non protesta, emigra, pero temos esa hospitalidade coñecida e recoñecida por propios e foráneos que nos visitan. Somos xente de agarimo que non queremos que se fale mal de nós alén dos nosos arrós e facémolo aínda sabendo que son doutras raras crenzas que non entendemos, que nos din que os homes e mulleres do mesmo sexo que se casan son un matrimonio ou que a muller é o único suxeito co dereito de abortar, enténdase asasinar. Nós acendémosmelle o lume no inverno e convidámolos a uns chourizos da matanza que temos colgados na lareira e asentimos aínda que non compartamos, pero non somos tontos, emporiso os que nos proclamamos católicos non entendemos nin asumimos a aldraxe que se lle fixo á Bieito XVI co gallo da Xornada Mundial da Xuventude, xa que logo foi un grave insulto para os crentes.

Ao marxe do gran servizo social que a Igrexa leva adiante, non podemos simplificar esta tropelía nos autores da mesma, senón que isto supón unha ignominia dos poderes públicos que non se ocupan de garantir os nosos dereitos constitucionais a manifestar, libremente, a nosa crenza e, cando iso acontece, estamos diante da arbitrariedade que está prohibida na administración e que o gran xurista, Rudolf von Ihering, expresou: «O súbdito que contravén a lei obra ilegalmente, non arbitrariamente. A arbitrariedade é a inxustiza do superior».

Poño un caso. Fai uns días fomos a Rianxo coa idea de tomar unhas cervexas nalgún dos bares que miran cara o peirao, cando me entrou a necesidade de ir a mexar, non topando aseo para cadeira de rodas máis que nunha docería que xa estaba pechando e, con voz valle-inclanesca naquelas famosas tertulias na farmacia Tato, dixen que o alcalde debería pechar todos aqueles establecementos. Alguén díxome que o mandatario rianxeiro soamente levaba uns meses no poder. Certo é, emporiso fágolle, agarimosamente, un emprazamento para que desfaga a arbitraria inxustiza dos seus predecesores e que se estenda o exemplo.
Lamentablemente esta situación tercermundista no se da solo en Rianxo.

12 julio 2011

O credo alcaldil

:logo-lvg: | Barbanza

Aque moitos chaman a «dama de ferro» á española, o mesmo que a tortilla con patacas, ironizou con retranca galega dos moitos cartos que o concello de Madrid tiña cando o seu alcalde lle comentou que ía facer moitas obras, mentres que ela, como presidenta da comunidade madrileña, dixo que non tiña nin un «puto duro» -dos de antes, se entende-. Coñecido é que non son ben levados pero, amais, teñen unha concepción da política moi distinta. Quédome coa de Esperanza Aguirre e coa que está amosando Núñez Feijoo.

Facer obras é o credo do alcalde, obras visibles e que perpetúen no tempo para mais gloria de hoxe e a título póstumo. Non serve calquera outra actuación que, aínda tendo máis utilidade para o común da cidadanía, non luce e pronto se esquece.

Por iso, nin sequera a crise domea. ¿Quen se lembra, poño por caso, da inquedanza que tiña Herminia Pouso, concelleira en Ribeira e tesoureira no concello de Porto do Son cando o apagón analóxico da televisión?. Lembrámonos uns poucos e moitos o descoñecen, pero este tipo de actuacións son as que engrandecen aos bos políticos.

No argot da política é moi habitual ler ou escoitar o alardeo de que tal ou cal obra pública custou moito diñeiro, como se gobernar ben sexa medible en función dos custos. Quizais isto sexa debido á progresiva inconsciencia que representan os bordos escuros, que son os máis, da famosa teoría freudiana da lanterna, en contraposición cos da conciencia que está na súa parte central, que son os que menos. Un exemplo. Dende a miña fiestra vexo, nos días en que o tempo axuda, como os vellos da residencia pobrense que usan andadores, camiñan pola rúa, xa que está moi lisiña, e non o fan polas beirarrúas, xa que nin están pensadas nin axeitadas para iso.

Agora ben, para que ninguén se pique, hai que dicir que A Pobra non é o único concello onde se trata mellor aos coches que ás persoas vellas ou eivadas. Supoño que somos unha minoría que estorba para os políticos, agás cando votamos.

21 junio 2011

O estado descomposto

:logo-lvg: | Barbanza

Nos primeiros anos da democracia tiña o costume de ler moitas sentencias do Tribunal Constitucional, xa que pensaba que era a garantía dun país en convivencia. Unha das primeiras doutrinas manifestadas por tal alta institución foi a de que a España das autonomías era un estado composto, un estado no que cada parte formaba o todo en harmonía. O que entendo hoxe é que o TC xa non pode manter ese principio e que, moi pola contra, estamos diante dun estado descomposto. Convencido disto, asáltame a dúbida de se a culpa desta descomposición foi producida polas partes ou polo todo.

Fai uns días tiven unha conversa moi interesante cun guiri alemán que axudou ao equipo de protección civil a mergullarme na saudable e salgada auga do Mar Menor e, debullando algúns argumentos da situación española, díxome que en Alemaña non se entendería o descaro nin a impunidade con que aquí se rouba nas administracións, concretamente nos concellos, tema que el coñecía pola súa dedicación empresarial no eido da construción.

Despois de analizar o reparto de poder nos da bisbarra e tamén a súa presenza na Deputación ou na Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, e lendo en profundidade moitas das entrevistas feitas por este xornal aos nosos mandamais saídos do 22-M coido que a cita electoral non vai supoñer máis que un troco de cromos ou un suma e segue.

Son moitos os que din que é preciso traballar máis, cobrar menos e vincular os salarios á produtividade. En certo modo así terá que ser, pero tamén é certo que desta situación non é culpable a clase traballadora, aínda que si. Explícome. O problema do noso mercado laboral está nas carencias formativas froito das erradas políticas educativas públicas, por iso cando agora se pide unha implicación municipal no arranxo do desemprego non se entende que a solución sexa, por exemplo, pedir máis chan industrial con tantas empresas pechadas. Se iso é todo o que se lles ocorre podiamos ter aforrado a liturxia das urnas.