09 diciembre 2012

«A Voz de Barbantia está acadando altas cotas de calidade»


:logo-lvg: | Barbanza

O coordinador do suplemento fala da asociación e o recompilatorio

Hoxe ponse á venda o terceiro recompilatorio de A Voz de Barbantia, o suplemento que cada fin de mes chega aos lectores a través das páxinas de La Voz. Aproveitando este feito, un dos máximos responsables de que a publicación vexa a luz fala da cultura, da asociación Barbantia, de recortes e do futuro, un horizonte no que o talento dos creadores barbanceses seguirá a estar moi presente.

-Van xa polo terceiro recompilatorio, ¿satisfeito co resultado?

-Moitísimo, penso que A Voz de Barbantia vai acadando altas cotas de calidade. Tecnicamente, a publicación é fantástica, houbo un cambio no formato e a calidade de imaxe é maior. E os contidos tamén están a mellorar, están máis revisados, unha das cuestións que está mellorando ostensiblemente é a corrección lingüística.

-¿Resulta moi complicado sacar adiante o suplemento?

-É traballoso, pero temos un gran equipo de colaboradores. Sempre hai urxencias, présas de última hora, incluso ten pasado que unha colaboración non chegue a tempo, pero contamos con xente moi preparada e sempre hai alguén que pode suplir ese traballo. Hai recursos humanos para saír de calquera situación. O equipo que traballa en Barbantia é excepcional.

-A Voz de Barbantia leva xa anos publicándose, ¿segue habendo temas suficientes na comarca para seguir co suplemento? ¿Aínda hai creadores sen saír na sección de Convidados?

-O Barbanza é rico en xente digna de ser entrevistada en todos os campos: a arte, a historia, o xornalismo, a política, o deporte... Logo hai focos moi concretos, coma Rianxo, é un viveiro de persoeiros, pasados e presentes. Barbanza é unha fonte, se non inesgotábel, inmensa de riqueza cultural, non só no que respecta a persoas, tamén pola súa natureza e a súa historia. A memoria desta comarca estaba aínda por escribir.

-Parece, pois, que o cuarto recompilatorio está asegurado.

-¡Claro! Por favor, non hai crise que nos mate. O equipo directivo de Barbantia segue aí, e os socios tamén, os colaboradores non desmaian e La Voz de Galicia segue a contar con nós e nós con eles. La Voz é o segundo elemento fundamental deste proxecto. Estando La Voz e estando Barbantia máis vivos que nunca a continuidade do suplemento está garantida.

-¿Vese afectado o traballo da asociación pola crise económica e os recortes?

-É inevitable. Vaise notar no anuario, que publicamos o día 15 e que este ano verá reducida a súa paxinación, sen diminuír, iso si, a calidade. Nos contidos non hai crise porque ata aí o Goberno non chega. De cara ao futuro, a ver o que pasa porque dependemos de subvencións. Se non hai axudas suficientes haberá que replantexar a publicación do anuario. Esperamos non chegar a iso porque, xunto co recompilatorio, é outro dos piares da asociación. Para nós sería unha pequena traxedia.

0 comentarios: