21 diciembre 2012

Conservatorios e escolas de música dea comarca reciben 23.000 euros en axudas

:logo-lvg: | Barbanza

A Xunta de Galicia acaba de publicar as axudas concedidas este ano aos conservatorios e escolas de música que non dependen da Consellería de Cultura e Educación. No caso da comarca son media ducia as agrupacións que recibirán algún tipo de prestación da Administración autonómica para o desenvolvemento da súa actividade. En total, a partida destinada a estas formacións ascende a practicamente 23.000 euros.

No apartado dos conservatorios, o Felipe Paz Carbajal de Noia recibirá preto de 7.500 euros, mentres que ao ribeirense foille concedida unha subvención que se aproxima aos nove mil.

No tocante ás escolas de música municipais, percibirán algún tipo de axuda procedente desta partida autonómica as de Carnota, Muros e Porto do Son. En total, as tres entidades embolsaranse máis de 5.700 euros para as súas actividades.

A última das agrupacións que recibirá fondos da Consellería de Cultura é a escola da banda de música de Noia, á que lle corresponde unha axuda de algo menos de mil euros.

Programación

No que respecta ás actividades destas formacións, mañá os alumnos e profesores do conservatorio municipal de Noia teñen por diante unha intensa xornada, xa que, no marco da programación de Nadal, ofrecerán tres actuacións.

Pola mañá, ás 10.30 horas, os docentes do centro darán un concerto didáctico no colexio Felipe de Castro, mentres que ás 12.00 serán os alumnos do Alexandre Rodríguez Cadarso os que poderán escoitar aos mestres do conservatorio. Xa pola tarde, ás 20.30, a casa de cultura será escenario dun concerto a favor de Cáritas.

0 comentarios: