08 marzo 2013

Día Internacional das Mulleres

MANIFESTO DO 8 DE MARZO DE 2013- DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Declaración institucional aprobada polo Pleno Corporativo en sesión 7 de marzo de 2013.
Un ano máis, e máis ca nunca nesta situación económica e social que estamos vivindo, o Concello de Porto do Son conmemora o 8 de marzo, " Día Internacional da Muller" o tradicionalmente tamén denominado " Día da Muller Traballadora" lembrando e apoiando a dura loita das mulleres ao longo dos anos, por acadar en igualdade de condicións as mesmas oportunidades cós homes na participación da vida pública.

E un día para conmemorar o papel e a dignidade das mulleres no proceso de concienciación do seu valor humano. Un día para celebrar a loita constante de reivindicación de dereitos e recoñecemento da participación da muller na construcción da sociedade, na inserción no mercado de traballo e loita pola liberdade de pensamento e de elección.
Paso a paso, aínda que lentamente, conséguese alcanzar as maiores cotas de igualdade, tanto a nivel político, lexislativo e social na historia do noso país.

A muller actual xa ocupa en gran medida diferentes espazos, pero aínda segue sendo perseguida pola discriminación sobre todo na dificil situación que vivimos, onde recae directamente sobre as mulleres a maioría dos efectos negativos, aumentando os índices de paro feminino, a precariedade no traballo, os contratos a tempo parcial, as diferenzas salariais, a brecha que conduce a un maior índice de desigualdade e vulnerabilidade, en definitiva a unha maior feminización da pobreza.

Desde o Concello de Porto do Son queremos expresar o noso recoñecemento e admiración, a todas aquelas mulleres de todo o mundo, que día a día, coa súa participación na sociedade, demostran que teñen forza e decisión para loitar por unha igualdade real.

Somos conscientes de que para acadar un modelo social máis igualitario precísase conseguir a incorporación das mulleres a un emprego de calidade nas mesmas condicións, o que esixe en gran parte un reparto máis equilibrado na esfera do privado, tan só co compromiso e a participación masculina, así como unha verdadeira corresponsabilidade entre mulleres e homes, equilibraranse as oportunidades e eliminaranse as desigualdades.
A corresponsabilidade no privado, o apoderamento e a eliminación do teito de cristal que impide a representación feminina nos postos de decisión, son algún dos instrumentos que removen as estructuras sociais condicionadas pola cultura patriarcal.

O cambio é unha responsabilidade de todos e todas, por iso é importante que as administracións públicas poñan en marcha e apoien políticas que xeren máis benestar social e garantan unha plena participación de mulleres e homes a nivel público e privado desde o social, o familiar e o persoal.

Declaración Institucional Día da Muller.pdf


0 comentarios: