Xunta: Notas de prensa | Muros (A Coruña), 3 de setembro de 2015
O novo curso na rede autonómica ‘A Galiña Azul’ comeza mañá cunha oferta total de preto de 9.300 prazas para nenos e nenas de 0-3 anos e a incorporación de dez novos centros. Así a rede autonómica contará neste curso cun total de 159 escolas infantís.
A oferta da Rede vese un ano máis incrementada en relación ao curso anterior. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, visitou hoxe a escola de Muros (A Coruña), unha das oito de nova creación para este curso, xunto ás de Boiro, Cambre, Malpica, Melide, Oroso, Porto do Son e Salvaterra de Miño. A estas hai que engadir as escolas de Meira e de Narón-Xuvia, que xa funcionaban como escolas municipais e agora pasan a formar parte da rede da Xunta, que acada así as 9.294 prazas, unha oferta que supón un incremento do 71 por cento respecto ás 5.430 prazas coas que contaba en abril de 2009.
Ademáis, no curso escolar 2015-2016 haberá preto de 500 novas prazas públicas de 0-3 anos financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto con centros privados, unha opción que se puxo en marcha este ano por primeira vez nas sete cidades e as súas áreas de influencia.
Deste xeito, a oferta de prazas sostidas con fondos públicos complétase coas escolas municipais, as escolas dependentes de entidades de iniciativa social e doutras entidades e as máis de 1.000 prazas de cheque infantil, ata un total de preto de 20.500 prazas á disposición das familias galegas.
Con esta oferta, acádase por primeira vez a cobertura recomendada pola Unión Europea para o tramo de idade 0-3, que supón contar cunha oferta de 33 prazas para cada 100 nenos e nenas en idade de acceder a unha escola infantil.
Outras escolas en obras
O xerente do Consorcio indicou que “a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0-3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas”.
Nesa liña, ademais do incremento no comezo do actual curso, a planificación de novas prazas que está a executar a Consellería de Traballo e Benestar inclúe actualmente oito escolas xa en construción, que suporán un total de 471 novas prazas.
Eses novos equipamentos localízanse nos concellos de Ames, Fene, Burela, Marín, Tomiño, Oza-Cesuras, A Coruña e Arteixo. Cómpre salientar que as dúas últimas están a ser construidas no marco dun convenio coa Fundación Amancio Ortega.
0 comentarios:
Publicar un comentario