17 agosto 2015

Asinado o convenio para a construción dunha escola infantil de 41 prazas co Concello de Porto do Son



A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, asinaron un convenio para a construción dunha escola infantil de 41 prazas nesa localidade. 

Segundo se recolle no convenio, a obra suporá un investimento de 410.000 euros e a escola levantarase nunha parcela situada na Rúa Campo Atalaia que foi posta a disposición polo Concello para tal fin. Unha vez asinado o convenio, solicitarase a licencia municipal para comezar os traballos nas próximas semanas. 

Esta iniciativa inscríbese na aposta do Goberno galego por fomentar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar. De feito, a conciliación e a creación de prazas en escolas infantís é un dos eixos principais do Plan de dinamización demográfica, que Galicia puxo en marcha de xeito pioneiro co fin de facer fronte á caída da poboación que se vén rexistrando na comunidade autónoma. 

Nese contexto, ademáis do novo centro infantil de Porto do Son, hai unhas semanas comezaron as obras de construción dunha escola infantil no Concello de Boiro, que tamén contará con 41 prazas. 

Actualmente, a rede A Galiña azul oferta preto de 8.600 prazas públicas neste curso en toda Galicia, distribuídas nun total de 147 centros, unha cifra que supón máis de 3.100 prazas que as que existían en abril de 2009 (un aumento do 58 por cento).

0 comentarios: