Os traballos consisten na roza e na retirada de elementos caídos sobre o leito do río
Esta acción está enmarcada no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa da Xunta de Galicia
Cómpre lembrar que a nova normativa reduce de 6 meses a 15 días o período de tramitación para autorizar limpezas de ríos, co fin de optimizar o estado ecolóxico das canles e evitar asolagamentos
Santiago, 14 de agosto de 2015.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do ente autonómico Augas de Galicia, vén de comezar a actuación de mantemento e limpeza sobre o Río Sandián na zona de Goiáns, no Concello de Porto do Son.
Os traballos que se están levando a cabo consisten na roza de maleza e na retirada de ramas e árbores caídas sobre o leito do río. Para isto utilizaranse diversas máquinas como rozadoras, motoserras, podadoras, un camión e un mini dumper. Todos estes labores son de especial importancia para evitar os asolagamentos nas épocas de choivas intensas e abundantes.
O tramo sobre o que se actúa consta dun total de 260 metros de lonxitude. A continuación móstranse dúas imaxes nas que se pode apreciar o estado do río antes de comezar as obras.
Pulo ás actuacións de conservación e limpeza
Grazas ao Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos e as actuacións de emerxencia en época de seca, -entre outros puntos- a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reduce de 6 meses a 15 días o período de tramitación para autorizar limpezas de ríos co fin de optimizar o estado ecolóxico das canles da Demarcación Galicia-Costa e evitar riscos de asolagamentos.
Coa nova normativa só será necesario que o particular ou a administración local correspondente comunique con 15 días de antelación as tarefas a executar a Augas de Galicia.
A simplificación no procedemento fomenta a vontade para mellorar os leitos da Demarcación Galicia-Costa, xa que a actual xestión provocaba que os solicitantes perderan a motivación de levar a cabo esta mellora e acción de mantemento nos ríos.
0 comentarios:
Publicar un comentario