02 octubre 2012

Barbantia abriu o ano oitavo de axitación cultural


:logo-lvg: | Barbanza

O presidente de Barbantia, Xesús Laíño, apuntaba o venres en Noia que co suplemento cultural A Voz de Barbantia «estamos tan acostumados que non nos damos conta do milagre que é acadar 77 números publicados», pero non deixa de ser menos milagre que a propia asociación manteña o alto nivel de actividade incluso en tempos nos que a cultura pasou a pertencer ao selecto club dos recortables, o que xa viña sufrindo a entidade nos últimos anos coa falta de pago de axudas comprometidas e co peche da billa das achegas oficiais.

F oi Agustín Agra quen abriu tempada de presentacións de libros, co seu novo meniño, Trampa de luz, pero axudáronlle a facer máis doada a comparecencia a secretaria de Barbantia, Mila Torrado; o alcalde de Noia, Rafael García; e o máximo dirixente da entidade, Xesús Laíño Briones.

Entre o público estiveron tamén o expresidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello, Lola Arxóns, Aurora Marco, Pedro García Vidal, Xerardo Agrafoxo, Maxi Olariaga, Xena, Manuel Cartea, Veiras Manteiga... unha chea de amigos do autor e de Barbantia cuxa presenza non fixo mais que animar para empezar con forza o oitavo ano de axitación cultural que, ademais dos actos dos últimos venres de mes, vai contar con tres citas para ter en conta, a entrega dos premios Sereo, que xa están convocados; a publicación do terceiro recompilatorio dos suplementos; e o anuario Barbantia.

0 comentarios: